
Varanda de castiñeiro instalada no paseo marítimo de Caión, na Laracha
A madeira é un dos materiais máis empregados para resolver algúns tipos de infraestructuras de uso público nas que o material queda exposto ao exterior, sen proteccións adicionais frente a choiva, como poden ser paseos e itinerarios peonís ou algúns modelos de pasarelas sobre os ríos, pasarelas de praia, etc. O coidado no deseño, a elección do material e dos tratamentos aplicados, acorde ao tipo de madeira e á exposición dos elementos, definirán a duración en anos destas infraestruturas.
Até o momento, empregábase de xeito maioritario madeira de piñeiro tratada mediante procesos químicos para incrementar deste xeito a súa durabilidade á intemperie, pero están a xurdir novas solucións que buscan aproveitar a maior durabilidade natural de madeiras de frondosas autóctonas, como o castiñeiro ou o carballo, que evitan tratamentos contaminantes e apostan pola materia prima local, aportando así unha alternativa sostible que redunda no aproveitamento dun recurso abundante nos montes galegos pero claramente infrautilizado.
A valorización de madeira de castiñeiro ou carballo en infraestruturas de mobilidade peonil (sendas, paseos, etc), en mobiliario urbano e de xardín (bancos, papeleiras), así como en peches, parterres, etc, permite ademais o aproveitamento de material de escaso diámetro, procedente de cortas intermedias.
Cómpre destacar que a realización destas cortas intermedias nas masas existentes en Galicia é unha necesidade para a obtención, nun futuro, de madeira de calidade. O problema é que con frecuencia esa madeira non atopaba ata o de agora un destino industrial. Para solucionalo, desde a Axencia Galega da Industria Forestal XERA están a fomentar innovacións nas aplicacións da madeira de frondosas, como é o caso do seu uso en sendas peatonais e mobiliario urbano.
Varanda de castiñeiro en Caión
En Caión, no Concello de A Laracha, o estudio de arquitectura Ezcurra e Ouzande, xunto co carpinteiro Óscar Vázquez Rama, deseñaron unha varanda para unha senda peonil que percorre parte da costa deste concello coruñés.
En xeral, o emprego da madeira nestes lugares favorece unha mellor integración na paisaxe, ademáis de promover o emprego de materiais naturais en sintonía co entorno. Para facelo, decidiron apostar polo emprego de madeira local de cerne de castiñeiro. A escolla desta madeira permite evitar o uso de biocidas, favorecendo, ao mesmo tempo, o emprego de recursos de proximidade.
“De xeito habitual, en Galicia, para resolver este tipo de obras emprégase madeira de coníferas, cunha durabilidade mellorada mediante a aplicación dun tratamento con biocidas en autoclave vacío-presión. Como alternativas a este material é posible empregar madeiras cunha durabilidade natural maior e suficiente para as condicións nas que se vai colocar, como pode ser a madeira de castiñeiro”, asegura Azahara Soilán, técnica de XERA que participou no proxecto de Caión.
O castiñeiro non precisa de tratamentos biocidas para mellorar a súa durabilidade en exterior, como ocorre coa madeira de coníferas
Garantir unha vida útil o mais longa posible destes elementos, precisa ademáis dun coidado deseño que permita a evacuación da auga, evitando a xeración das chamadas trampas de auga que conlevarían a aparición de pudricións. Todo isto sen perder de vista o cumprimento da función estrutural requerida.
Por outro lado, a calidade da madeira seleccionada para a execución da obra é sempre un factor a ter en conta, xa que afectará en aspectos como as propiedades mecánicas ou as posibles deformacións.
“Ao tratarse de infraestruturas previstas para durar anos e que serán transitadas por un número elevado de persoas, é previsible que será preciso reparar ou sustituir algúns elementos da varanda. Polo tanto, o deseño debe ter en conta que as pezas sexan reemplazables dun xeito sinxelo”, indica Azahara.
No caso de Caión, ademais, a varanda ten unha función protectora, de evitar o risco de caída dos usuarios, polo que a súa conservación en bo estado resultou prioritaria.
No deseño da pasarela, moitos dos elementos son de pequena sección, favorecendo o aproveitamento da madeira. Nembargantes, para soportar as cargas, outros elementos son de maior tamaño. Nestes casos, a madeira maciza chega a obra cuns contidos de humidade maiores, o que require que o deseño estea adaptado aos posibles cambios dimensionais que podan sufrir, debido aos movementos higrotérmicos propios da madeira maciza.
Proxecto replicable noutras zonas de Galicia
O Concello da Laracha buscaba unha solución máis duradeira para substituír a vella varanda do paseo marítimo, executada fai anos en madeira de piñeiro e que se atopaba xa en moi mal estado, explica Cristina Ezcurra, do estudo de arquitectura encargado do proxecto.
“Para iso, primeiro realizouse un prototipo en castiñeiro que foi colocado durante un tempo para ver como evolucionaba a madeira e, a raíz deses resultados, na posterior execución da obra corrixiuse algunha cousa que era mellorable”, conta.
Por exemplo, facilitouse a substitución futura da tapa de madeira superior, que é a que máis sofre, mediante un sistema de suxección á estrutura por medio de varilla roscada. Toda a parte dos ferraxes están realizados en aceiro inoxidable 316, o recomendado para unha zona con influenza da salitre do mar, mediante unha chapa plegada en U.
Buscaban que estas pezas fosen doadas de fabricar e que servisen tanto para o soporte das patas como para os balaustres. “Na varanda anterior, a varanda de piñeiro que foi substituída, os postes estaban empotrados no chan, o que supón un punto de pudrición”, relata Cristina.
Os módulos, de 2 metros de longo, veñen xa do taller premontados e coa inclinación correcta en función da pendente do terreo e acábanse de ensamblar en obra
Neste momento xa foron colocados dous tramos de 200 metros cada un de varanda e faltaría unha terceira fase doutros 200 metros de lonxitude para rematar todo o paseo até chegar á praia. Pero Desde o estudio de arquitectura Ezcurra e Ouzande defenden que sería replicable noutros lugares. Tamén valoran como interesante o uso do castiñeiro para outro mobiliario urbano. No caso de Caión, propoñen usar madeira de castiñeiro para os bancos do paseo e o mirador da praia.
A obra conta cun prazo de garantía dun ano, no que se deixa pasar un ciclo completo de inverno-verán, antes de entregar a obra, por se houbese que facer reaxustes ou reemprazar algunha das pezas. “O problema que temos que resolver é que se traballa con castiñeiro colocado en verde, polo que pode moverse, torcer ou fender nalgún caso”, explica Cristina.
Un dos problemas que temos que resolver é que ao traballar con castiñeiro en verde pode torcer nalgún caso
Malia iso, as vantaxes das frondosas fronte ás coníferas neste tipo de uso en exterior son evidentes: “Co piñeiro, o mantemento ten que ser permanente e a durabilidade é moito máis curta. Aínda que estea tratado, o piñeiro non pasa dos 13 anos, cando con madeira seleccionada de castiñeiro, se o deseño permite que ventile ben, é dicir, que se molle pero que enxugue despois, podemos chegar aos 50 anos”, compara.
Aínda que no caso do castiñeiro trabállase con durabilidade natural, é dicir, sen tratamentos químicos, neste caso aplicóuselle de inicio á madeira en verde un aceite para hidratala. Fíxose tamén unha proba con lasur, pero Cristina non é partidaria deste tipo de protectores para o castiñeiro, posto que non permite que a envelleza de xeito natural.
“É unha cuestión meramente estética, non de durabilidade, e eu coido que o obxectivo final debe ser un envellecemento natural da madeira, asumindo que se vai poñer de cor gris no caso do castiñeiro”, defende.
A madeira, un material sustentable
O uso de madeira de frondosas en infraestruturas de mobilidade peonil permite atender unha demanda crecente. A construción destas infraestruturas con madeira móstrase ademais como un dos camiños que axuda a mitigar o cambio climático, pois a madeira xera menos emisións de CO₂ que outros materiais de construción, aliñándose así esta estratexia co instrumento NextGenerationEU, creado pola Comisión Europea trala pandemia por Covid-19 para crear una Europa máis ecolóxica, dixital e resiliente.
Instrucións técnicas para pontes peonís en madeira: unha mobilidade segura e máis sostible
Galego









Control OJD