Apiturismo en Galicia, unha nova forma de viaxar a través do mundo das abellas

O proxecto da Asociación Galega de Apicultura ten como obxectivos principais poñer en valor unha apicultura milenaria e atraer visitantes de todas as partes do mundo

Apiturismo en Galicia, unha nova forma de viaxar a través do mundo das abellas

Unha das saídas de Apiturismo en Galicia, un proxecto da Asociación Galega de Apicultura

O proxecto Apiturismo de Galicia, promovido pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), ten como obxectivos principais poñer en valor unha apicultura milenaria, que forma parte da nosa rica e abondosa etnografía e, ademais, atraer visitantes de todas as partes do mundo. Esta innovadora forma de facer turismo ten como ingredientes principais un patrimonio tradicional único no mundo, unhas fermosas paisaxes que son o berce duns valorados e recoñecidos produtos apícolas e, por suposto, a oportunidade de vivir unha experiencia dentro do fascinante mundo das abellas. Todo da man de apicultores e apicultoras que participan nas rutas abrindo as portas dos seus apiarios e amosando os seus coñecementos e experiencia aos visitantes.

Este proxecto pretende poñer en valor o patrimonio etnográfico que existe arredor do mundo da apicultura en Galicia

Esta iniciativa botou a andar no ano 2019 co proxecto «Apiturismo Xacobeo 2021», realizado pola Asociación Galega de Apicultura co apoio do programa «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia. Consistiu na elaboración de materiais para a promoción do apiturismo, como publicacións, audiovisuais e unha WEB sobre o apiturismo en Galicia: www.apiturismogalicia.gal. O proxecto tamén incluíu a realización de actividades de difusión, como por exemplo o Foro Galego de Apiturismo, realizado en Arzúa no pasado mes de xullo, ou as xornadas de apiturismo no Courel. Para dar continuidade ó proxecto, naceu o Centro de Información do Apiturismo de Galicia, xestionado por AGA, que ten como fins a promoción do apiturismo e a organización de rutas por Galicia.

Paralelamente a estas actividades de promoción, fóronse poñendo en marcha as diferentes rutas, coa implicación de apicultores e apicultoras e entidades locais. Actualmente están xa activas oito rutas a través das cales pódense descubrir os tesouros agochados da Galicia abelleira. Dende a Costa da Morte ata a Serra do Xurés, pasando polo Candán e a Ribeira Sacra e chegando ata as serras dos Ancares e O Courel.

Unha das saídas de Apiturismo en Galicia, un proxecto da Asociación Galega de Apicultores

Unha das saídas de Apiturismo en Galicia, un proxecto da Asociación Galega de Apicultura

Tradición, paisaxe e produtos apícolas

Un dos principais obxectivos deste proxecto é a divulgación do patrimonio tradicional apícola de Galicia. En particular, as alvarizas ou abellarizas son as protagonistas da oferta de apiturismo, cun censo de aproximadamente un milleiro delas, esparexidas basicamente do leste ao oeste da nosa xeografía. Trátase de construcións milenarias senlleiras no mundo, realizadas coa técnica coñecida como «pedra seca», que foi declarada patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO no ano 2018, co que son obxecto de protección e conservación. Tiñan a finalidade de protexer os cortizos, trobos ou covos ―diferentes termos e conceptos das colmeas tradicionais de Galicia― dos osos ou do gando montesío, así como resgardalos do mal tempo, ou mesmo delimitar o recinto.

As colmeas de lacenas, nichos e muros, integradas nas propias vivendas e outras edificacións, ou as singulares colmeas de teitos de palla son outras mostras da diversa e rica apicultura tradicional galega. Na nosa terra é relevante tamén o patrimonio cereiro, coa presenza de numerosos lagares, pías e eiras da cera, que nos indican a grande importancia que tivo durante séculos a industria galega da cera.

Unha alvariza emplazada na Ribeira Sacra

Unha alvariza emplazada na Ribeira Sacra

Este patrimonio está enclavado nas fermosas e pintorescas paisaxes de Galicia, cunhas espectaculares floracións repartidas ó longo do ano, que son o berce dunha apicultura senlleira que nos ofrece dende tempos remotos uns produtos apícolas coñecidos e valorados polas súas calidades naturais. En Galicia, contamos cun amplo abano de cores, olores e sabores nos nosos meles multiflorais e meles monoflorais con moita sona, como os de castiñeiro e breixo (queiroga, carrasca ou uz) e mesmo os de eucalipto, así como o melato de carballo e unha diversa gama de «meles de paisaxe», provenientes de parques naturais ou reservas da biosfera.

Todo este valioso patrimonio tradicional, natural e gastronómico é o que fai a nosa apicultura única e diferente, un auténtico tesouro que debemos visualizar, conservar, protexer e coñecer en todos os seus diversos panoramas. Por iso, a Asociación Galega de Apicultura apostou por esta nova forma viaxar para continuar coa súa labor de divulgación sobre a importancia das abellas e o valor da apicultura.

As rutas

Actualmente temos xa en marcha oito rutas de apiturismo por Galicia, que se poden realizar en grupo ou de xeito individual. A través do Centro de Información de Apiturismo de Galicia, o público interesado pode organizar a súa viaxe a demanda, adaptada ós seus intereses e necesidades, combinando varias rutas ou acompañándoas con outras visitas. Co paso do tempo, iranse integrando novas rutas e outras actividades para completar unha auténtica experiencia de apiturismo por Galicia.

As rutas están divididas en función do tipo de apicultura de cada zona, pois segundo a orografía ou o clima dese lugar, atoparémonos cunha práctica apícola diferente e polo tanto tamén cun patrimonio, unha paisaxe e uns produtos tamén específicos. A continuación expoñemos algunhas pinceladas do que podemos atopar en cada unha das rutas:

Apicultura de montaña

  1. Os Ancares 

Na Serra dos Ancares, declarada reserva da biosfera, podemos atopar os cortíns, auténticos monumentos da apicultura galega, alvarizas de tipo defensivo, de muros altos e anchos, para protexer as colmeas do oso. A Ruta dos Cortíns (lineal, 18 km), no concello de Navia de Suarna, que percorre o val do río Rao e pode facerse unha parte por estrada e permite observar ata unhas vinte alvarizas, algunhas delas restauradas e con colmeas tradicionais e modernas. 

  1. O Courel

A Serra do Courel, primeiro xeoparque de Galicia, é unha das zonas de maior concentración de alvares, moitos deles aínda en uso para compatibilizar a produción apícola coa presenza do oso. Na parroquia de Seceda, aldea do mesmo nome tamén declarada «ben de interese cultural», no concello de Folgoso do Courel, encóntrase a Ruta dos Alvares (circular, 7 km), na que se poden visitar numerosos alvares en pé, como a alvariza de Escontrela, accesible tamén dende a estrada, cunha mostra de colmeas tradicionais sen abellas, e a alvariza da Costa, restaurada con colmeas modernas para a produción apícola.

  1. Quiroga

No concello de Quiroga, que forma así mesmo parte do Courel, achamos unha boa mostra de alvarizas rodeadas de castiñeiros e queirogas (ericáceas). A Ruta das Abellas (lineal, 5,5 km) permite a visita a unha espectacular alvariza restaurada e con colmeas, á que se pode acceder tamén en vehículo. Ademais, o Museo Etnográfico desta localidade alberga unha completa exposición sobre a apicultura tradicional.

  1. O Candán

A Serra do Candán sobresae pola presenza de alvarizas de gran tamaño, cunha orixe ligada ó veciño Mosteiro de Acibeiro, impulsor da apicultura na comarca. A aldea de Zobra pódese considerar «unha das aldeas máis meleiras do país», con meles varias veces premiados nas catas organizadas polo Consello Regulador da IXP-Mel de Galicia. Dende alí pódese realizar un roteiro entre antigas alvarizas e visitar varios centros de envasado.

 

Apicultura con teitos de palla

O Xurés

No Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés encontramos apiarios cercados con muros de pedra de media altura, para a protección fronte ó gando groso ou os animais salvaxes, como a alvariza de Alvite, accesible por estrada, no concello de Muíños, ou a de Vilameá, na Ruta dos Muíños (lineal, 3 km), no concello de Lobios. Estas alvarizas acollían as colmeas tradicionais, feitas de cortiza e cubertas de carapuchos de palla de centeo, denominadas «colmos», que servían para goreceren as abellas tanto do frío coma da calor.  

Apicultura heroica

A Ribeira Sacra

Nas fermosas e abruptas paisaxes dos canóns dos ríos Sil e Miño practicaban a apicultura heroica os nosos devanceiros. Dende o miradoiro do Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, podemos divisar a alvariza do Vello, situada nun lugar con vistas espectaculares ó val do Sil.

Apicultura de muros e lacenas

A Costa da Morte

No occidente de Galicia, na Costa da Morte, contamos con moitos exemplos de apicultura tradicional, na que as colmeas estaban integradas nos muros ou nichos e mesmo no interior das casas, co obxecto de as abrigar. No concello de Dumbría atópase o Conxunto Etnográfico do Ézaro, que conta cun muíño e unha alvariza anexa, e na Ruta das Alvarizas no Monte Faro (circular 9 km), no concello de Vimianzo, pódense atopar ata unha ducia destes apiarios lineais de lousas de pedra.

Patrimonio cereiro

Lagar de cera de Paraños

No interior de Pontevedra tivo unha grande importancia o oficio da cerería. Na aldea de Paraños, no concello de Covelo, atópase un dos poucos lagares de cera conservados de toda a Península, xunto cunha eira ou curadoría e pía de branqueo da cera. No mesmo lugar pódese visitar o Museo da Cera, para coñecer todo o proceso de elaboración e os usos tradicionais deste produto.

Máis información:
Web: www.apiturismogalicia.gal
Email: rutas@apiturismogalicia.gal
Tel.: 640 230 155

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información