A apicultura galega reduce un 50% a súa colleita de mel e pide máis apoios

O impacto das condicións meteorolóxicas, a varroa e a velutina levan a unha mala campaña do sector neste 2026, nunha tendencia estrutural á baixada da produción. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego sinalan a necesidade de axudas e outras solucións. Piden tamén incluír ós apicultores nas axudas directas da PAC a partir do 2027

A apicultura galega reduce un 50% a súa colleita de mel e pide máis apoios

A produción de mel atravesa no 2026 por unha campaña horrible, cunha caída da produción en Galicia que se calcula en arredor do 50%, segundo as estimacións trasladadas por Unións Agrarias en rolda de prensa. “Este ano hai unha importante presión da varroa e tamén danos pola velutina”, destaca José Ramón González, responsable de Ganadería de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias.

“Un terceiro factor son as condicións meteorolóxicas deste ano, cunha primavera chuviosa, que dificultou o traballo das abellas, e un verán seco, con pouca flor, no que as abellas tiveron que consumir parte do mel colleitado na primavera”, explica González.

Estos problemas van tamén ligados a un aumento de custos de produción, que Unións estima en arredor de 15 euros por colmea. “É preciso que Xunta e Goberno central activen mecanismos para compensar esta perda de renda dos apicultores, xa non só polo apoio ó seu traballo no rural, senón pola importancia ambiental das abellas, que coa polinización contribúen ó mantemento dos ecosistemas”, destaca Félix Porto, vicesecretario de Unións Agrarias.

Axudas asociadas na PAC

Máis alá das medidas que se poidan adoptar para esta campaña, Unións avoga por conceder maiores apoios á apicultura no marco da Política Agraria Común (PAC), que encara un novo ciclo a partir do 2027.

“Propuxémoslle ó Ministerio esta primavera que no futuro se inclúa á apicultura dentro dos sectores con axudas acopladas, igual que o vacún de carne ou de leite. Deste xeito, poderíase cobrar unha axuda directa por colmea. Isto permitiría paliar a perda de renda estrutural que está a sufrir o sector, cunha caída progresiva das colleitas”, sinala José Ramón González.

Etiquetaxe do mel, dato relevante para o consumidor

A maiores dos problemas da produción, o sector apícola encara tamén endémicos problemas de comercialización, con meles importados de Asia ou Latinoamérica que entran a prezos de arredor de 2 euros / Kg., cos que non poden competir os apicultores españois.

“Desde o 14 de xuño deste ano, todo o mel debe levar na etiquetaxe a orixe e o % de mel. É importante ler sempre estes datos porque o consumidor vaise sorprender”

“Este ano logrouse finalmente a publicación dun Real Decreto de etiquetaxe do mel, de xeito que todo mel que se etiquete desde o 14 de xuño deste ano ten que mencionar na etiqueta a orixe e a porcentaxe de mel que inclúe” -destaca José Ramón González”-. “Se o consumidor atende á etiquetaxe, pode comprobar a orixe e ademais descubrirá que hai meles nas que unha alta porcentaxe do produto non é en realidade mel”, subliña.

Como retos de cara ó futuro, González sinala a necesidade de impulsar unha Interprofesional, con participación de organizacións agrarias, cooperativas e industrias.

O mel galego en cifras

  • 221.000 colmeas (8% do total español)
  • 4.800 apicultores (13% do total estatal)
  • 321 apicultores profesionais, con máis de 150 colmeas (5% do total estatal)
  • 2.700 toneladas de produción media (8,1% do total estatal)

O Sindicato Labrego traballa nunha fronte común para abordar solucións con Medio Rural

Desde o Sindicato Labrego comparten a análise de Unións no relativo ás perspectivas da campaña. “Ben avanzada a campaña de esmelga no sector apícola constátase como a seca e a vespa velutina mermaron a produción en Galicia en máis da metade en relación o ano anterior. Se no ano 2025 podemos falar de case 4000 toneladas de mel recollida en Galicia, neste 2026 dificilmente superaremos as 2000”, valoran en nota de prensa.

Sobre as causas do problema, o Sindicato Labrego destaca igualmente o impacto da meteoroloxía, así como unha varroa cada vez máis resistente ós tratamentos e que alonga o seu ciclo biolóxico polo cambio climático.

“Con todo, o peor problema é o da velutina. É frustrante ver como non podes facer nada para defender as tuas abellas dun depredador, e ademais levamos máis dunha década denunciando esta situación, sen que administración nunca se sentara co sector para buscar solucións e camiñar todos na mesma dirección. É un problema social, non so dos abelleiros, pero no noso caso podemos constatar como todos os anos provoca entre 2000 e 4000 euros de perdas só nunca granxa apícola de 200 colonias. Esto é inasumible”, conclúen.

A perda media pola velutina nunha colonia de 200 colmeas ronda os 2.000 – 4.000 euros ó ano

En canto ó impacto da baixada de produción, o Sindicato Labrego lembra que “en Galicia, máis de 500 familias teñen a súa principal fonte de ingresos na apicultura e hai preto de 1000 familias nas que máis do 25% dos seus ingresos proveñen de dita actividade”.

A estes problemas hai que sumarlles os prezos medios do mel a granel, que o Sindicato Labrego considera que están por baixo dos custos de produción debido ás importacións, principalmente das de Mercosur.

En canto á entrada de mel de fóra, o Sindicato Labrego considera que son precisos maiores controis, xa que nos controis que se fan en fronteira, “máis do 50% do mel é fradulento, sen que teñamos noticias de que aumentaran os controis a raíz desta constatación”, reclaman.

Reunións de todo o sector

Ante este escenario, o Sindicato Labrego sinala que leva xa fai máis dun mes traballando para unir a todo o sector e facer forza diante da Consellería de Medio Rural para esixir solucións. “O pasado 18 de agosto convocamos unha xuntanza en Compostela coa maioría das asociaciósn apícolas e as organizacións agrarias, co fin de crear un gran fronte común para esixir solucións tanto pola cuestión da vespa velutina como facer fronte as perdas que ano tras ano estamos a sufrir”, detallan.

Desde a organización agraria destacan a importancia da unidade para conseguer os obxectivos e sinalan que volverán ter unha segunda reunión co sector esta semana.

O Sindicato Labrego, por último, sinala que tamén lle propuxo ó Ministerio de Agricultura que haxa unha axuda asociada para a apicultura no próximo ciclo da PAC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información