Apicultores galegos concéntranse ao berro de ‘O mel importado arruína as nosas vidas’

As concentracións en Lugo e Ourense estiveron convocadas polo Sindicato Labrego Galego, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, a Asociación de Persoas Consumidoras ACUGA e a Agrupación Apícola de Galicia.

MEL SINDICATO LABREGO SLG 2Durante a mañá de hoxe apicultoras e apicultores concentráronse simultaneamente diante da Xunta de Galicia en Lugo e diante do centro comercial Ponte Vella en Ourense baixo os lemas ‘O MEL IMPORTADO ARRUÍNA AS NOSAS VIDAS’ e ‘COMERCIO XUSTO E DE PROXIMIDADE XA’.

As concentracións estiveron convocadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, a Asociación de Persoas Consumidoras ACUGA e a Agrupación Apícola de Galicia, co fin de amosarlle á cidadanía os efectos que teñen nas vidas as importacións masivas de mel e o denominado “fraude do mel”. Todo isto prevese que empeorará nos vindeiros meses coa aplicación do novo tratado UE-Mercosur.

“Estamos facendo esta acción protesta coa intención de demostrarlle á sociedade o que se denomina o fraude do mel, como se importa masivamente mel que nos está afundindo ás producións de aquí, para introducila no mercado e nas grandes superficies facéndoa pasar por mel de orixe europea, iso está facendo que o mel perda as súas propiedades mentres aquí moitas produtoras e produtores vémonos abocadas a pechar en corto prazo”, denunciou dende a concentración de Lugo Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical.

Nese senso, o mozo apicultor incidiu en que “na actualidade non existe unha lei de cadea alimentaria que protexa ás persoas produtoras para termos un salario digno, cubrir os custos de produción, nin políticas gobernamentais na Unión Europea que apoien o comercio xusto e de proximidade”. “As grandes distribuidoras de mel están traendo para Galiza máis mel do que producimos aquí coa intención de vendelo aquí e noutros puntos de Europa, e estano facendo a un prezo que é 60% inferior aos nosos custos de produción. O que estamos vendo con isto é que o noso mel fica nos almacéns mentres se está favorecendo outras políticas, como é o acordo da UE-Mercosur para a importación masiva e iso vai facer que a nosa situación empeore máis. O Mercosur o que vai facer é legalizar estas prácticas fraudulentas”, exclamou Brais Álvarez.

Testemuñas de persoas apicultoras

MEL SINDICATO LABREGO SLG 3Ç

Entre as apicultoras e os apicultores que participaron hoxe nas concentracións en Lugo e Ourense, vestidas do traxe de abelleiras, estaba Inés Mirás, apicultora en Vilar de Santos (Ourense). O seu proxecto, “O Mel da Inés”, recibiu a medalla de ouro na categoría de calidade dos prestixiosos London Honey Awards 2025. “Hoxe estamos aquí no Centro Comercial de Ourense para sensibilizar á cidadanía sobre os problemas que está habendo coa importación de mel masivo de moitos países e tamén estamos facendo unha cata de meles para que, a través do gusto, sexan capaces de diferenciar a como sabe o mel galego en comparación ao mel que ten mesturadas diferentes orixes”, sentenciou.

“Entre os moitos problemas que traen os tratados de libre comercio a nós como apicultura prexudícanos especialmente polo tema do prezo, porque está entrando mel a 1,8€ o quilo e a nós para que nos saía rendíbel temos que vendelo como mínimo a 10€, e sendo pequenos proxectos, cun número concreto de colmeas a nós como apicultura galega fáisenos moi difícil competir contra produtos que veñen importados de fóra”, afirmou dende a concentración en Ourense.

Iván Díaz Souto, do proxecto “Pingas de Gaia”, situado en San Simón da Costa en Vilalba (Lugo), resaltou dende a mobilización en Lugo. “Ademais das problemáticas que temos coas abellas en canto á barroa ou a Vespa Velutina, agora mesmo a entrada de meles de fóra a prezos moi baixos -por debaixo dos custos de producións- vai acabar con moitas persoas produtoras aquí”, confesou, destacando ademais que eses meles que veñen de fóra son de moi baixa calidade e que na maioría das veces veñen pasteurizados e mesturados con azucres.

O fraude do mel

O 51% dos meles analizados nas fronteiras do Estado español pola UE foron sospeitosos de fraude. Atopáronse meles diluídos con xaropes de frutosa, uso de resinas de intercambio iónico (ultrafiltrado) e falsa orixe do produto. Ademais arredor do 80% dos comercializados ao por menor na UE son mesturas e a maior parte do mel importado na UE utilízase en mesturas e comercialízase ao menor. Esta porcentaxe non vai deixar de aumentar e máis aínda se entra en vigor o tratado UE-MERCOSUR, tratado que recolle a exportación dende os países do MERCOSUR de 45000TM de mel ao ano libres de aranceis.

Mentres tanto, en Galiza prodúcense unhas 3000 toneladas anuais de mel, unha boa parte comercializada a través da IXP MEL DE GALICIA. No Estado español prodúcese ao ano 3300 toneladas. Estímase cantidade suficiente para abastecer o consumo doméstico, pero:

-A industria importa mel de máis de 40 países a 1,80€/kg.
-Unha persoa produtora galega non pode producila a menos de 5€/kg.
-Isto non é competencia, e DUMPING, unha carreira á baixa que arruína ás persoas abelleiras de aquí e de alá.

En 2024 o mel foi máis barato e aínda así consumiuse un 8% menos que o ano anterior. “Encher os estantes de mel mesturados non favorece a ninguén só precariza a quen produce”, advirten dende o SLG. Fronte a iso defende a compra de mel con orixe coñecida e de proximidade para apoiar aos produtores do rural e de paso outros servizos como a polinización e o mantemento da flora ou menos emisións de CO2 que o mel importado.

MEL SINDICATO LABREGO SLG 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información