Apicultores franceses explicarán en Arzúa a súa estratexia de loita contra a Velutina

Publicidade
Apicultores franceses explicarán en Arzúa a súa estratexia de loita contra a Velutina
Data inicio: 17/02/2018
Data fin: 17/02/2018
Lugar: Arzúa (Santa María), España

O vindeiro sábado, 17 de febreiro, a Asociación Galega de Apicultura (Aga) celebra en Arzúa o Día Do Apicultor, dedicado este ano á Vespa velutina, unha das principais ameazas na actualidade para as abellas e a apicultura nunha boa parte do territorio galego.

Para coñecer como se está actuar noutros países, Aga convidou este ano a representantes da UNAF, Unión Nacional de Apicultura Francesa, que explicarán como é a situación actual da invasión da Vespa velutina no país veciño e cales son as súas perspectivas de futuro. Tamén participarán representantes das Plataformas Stop Velutina-Galicia, Asturias e Cantabria, que contarán de que forma se está a presionar ás administracións e cales son os resultados obtidos ata o momento.

No terreo práctico, co fin de ofrecer ferramentas ós apicultores e apicultoras para protexer os seus apiarios, haberá unha exposición de diferentes modelos de trampas eléctricas, na que poder comparar e decidir que tipo de trampa utilizar. Para asesorar neste tema estará presente a investigadora e socia de AGA, Sandra Rojas, que informará do estudo realizado a través da Universidade de Vigo.

Por último, presentarase a recentemente creada Escola Galega de Apicultura e o programa de formación de AGA para o 2018. Tamén se informará sobre a próxima convocatoria do Plan Apícola. Ç

Como vén sendo habitual nesta xornada, haberá feira de material e servizo de información e trámites cos socios e socias. Este ano as charlas serán no local da Pulpeira de Santa María, detrás da nave de Erica Mel, onde se fará tamén o xantar abelleiro.

Programa do Día do Apicultor

Ás 10 h. apertura da feira

– De 10 a 10.15 h. Presentación da xornada e plan de loita contra a Vespa velutina de AGA.

– De 10.15 a 11.15 h. Loita contra a Vespa velutina en Francia. Loïc Leray, vicepresidente da Unión Nacional de Apicultura Francesa UNAF

– De 11.30 a 12.00 h. Percorrido da Plataforma STOP Velutina -Galicia, traballo e expectativas. Laura García Sáez, asesora xurídica de AGA

– De 12.00 a 12.45 h. Plataformas Stop Velutina Asturias e Cantabria. Carlos Valcuende, Federación de Asociaciones de Apicultores de Cantabria (FAAC) e Santiago Menéndez, Federación de Asociaciones de Apicultores del Principado de Asturias (FAPI)
Ás 13 h. Asemblea Xeral de AGA

Xantar abelleiro na Pulpeira de Santa María. A pulpeira abrirá como un día de feira e ofrecerá o seu menú habitual: pulpo á feira, carne ó caldeiro… Non é necesario reservar previamente. Para máis información: Tel. 986 58 77 21

– Ás 16.30 h. Escola Galega de Apicultura e programa formación AGA 2018. Paula Souto, técnica de AGA.

– Ás 16.45 h. Plan Apícola 2018. Gonzalo Calvo, veterinario de AGA.

– Ás 17 h. A eficacia da trampa eléctrica contra a Vespa velutina. Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo

– Ás 17.30 h. Presentación diferentes modelos trampas e dispositivos alimentación. Por Fernando Cores, Vel-Zapper, Pastores Zagal, Victor Fernández e Ramiro Freire

Ás 18 h. Peche instalacións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *