Aperfasa anuncia seis reclamacións xudiciais contra Tecores por danos do xabarín

A Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa) considera que é a única vía que lle queda a agricultores e gandeiros para mitigar as perdas. Sostén que as incursións do porco bravo van a maís e pide medidas drásticas da Xunta para reducir o censo da especie

Aperfasa anuncia seis reclamacións xudiciais contra Tecores por danos do xabarín

Danos do xabarín no millo. / Arquivo.

As perdas provocadas polo xabarín no agro continúan sen solucións no horizonte, máis alá das axudas de ata 2.000 euros por explotación que ofrece Medio Ambiente. O problema é que hai produtores con perdas moi superiores, o que deixa ás explotacións na disxuntiva de asumir as perdas ou denunciar ó seu Tecor de caza para pedir unha indemnización. En vista de que os problemas van a máis, a Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa) iniciou os trámites para presentar reclamacións xudiciais contra seis Tecores, dos que por agora non revela os nomes.

“Denunciar ós Tecores é a única vía que nos queda para reclamar, xa que as perdas en lugar de reducirse van a máis. Temos un socio que este ano tivo que sementar catro veces millo, o que lle supón un custo brutal, pero máis alto é o custo de mercar a alimentación para os animais”, reflexionan en Aperfasa.

A Asociación considera que a “vía diplomática” de buscar solucións coa Administración serviu de pouco, polo que aposta pola vía xudicial, igual que outras organizacións do sector, como Unións Agrarias. “A saída a esta situación pasa por unha redución importante do censo do xabarín, co exército ou como sexa. Non pedimos que se acabe coa especie, nin moito menos, pero si que se reduza moito o censo”, demandan.

Reaccións dos Tecores
As denuncias xudiciais que están recibindo os Tecores levaron xa a unha sociedade de caza, a de Dozón (Pontevedra) a renunciar ó aproveitamento cinexético das zonas nas que reciban denuncias. É un intento de evitar deste xeito o pago de indemnizacións de miles de euros ás que a sociedade di non ter capacidade para facer fronte.

Desde Aperfasa consideran que “nin nos vai nin nos vén” que os Tecores tomen esas decisións. “Se os Tecores renuncian a esas parcelas, terá que ser a Administración quen se faga cargo dos danos e da xestión da fauna nas zonas libres de caza. A nós o tempo do medo acabóusenos, é unha cuestión de vida”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información