“Aos gandeiros novos igual nos corresponde dar o paso de industrializar o noso leite”

Visitamos a gandería Riazón SC, en Chantada (Lugo). Á súa fronte está José Ramón Ratón Varela, un mozo gandeiro con máis de dez anos incorporado ao sector. Anima ás novas xeracións a participar no tecido asociativo, como as cooperativas, para unir forzas.

“Aos gandeiros novos igual nos corresponde dar o paso de industrializar o noso leite”

José Ramón Ratón Varela

Con 30 anos de idade, José Ramón Ratón Varela, acumula unha experiencia laboral e un grao de formación que xa non é habitual atopar en mozos doutros sectores profesionais. Dende rapaz traballou na explotación gandeira familiar, situada no lugar de Riazón, no concello de Chantada; logo realizou o Ciclo Superior de Xestión de Empresas Gandeiras en Sergude; realizou varios viaxes formativos a distintos países da Unión Europea e con 20 anos, no ano 2006, incorporouse á explotación.

Este é o retrato dunha parte importante desa nova xeración formada e con vocación gandeira que nos últimos anos se incorporou ás explotacións de vacún de leite e á que a crise de prezos provocada polo fin do sistema de cotas colleu de improviso.

“Nesta nova fase é moi importante que as crises de prezos non te collan endebedado”

No seu caso, a incorporación supuxo un salto cualitativo e cuantitativo na explotación, pasando de producir 200.000 kilos de leite ao ano no 2006 a arredor de 580.000 no 2016. Conta a día de hoxe con 105 cabezas de gando, das que 55 están en muxido, e unhas 35 hectáreas de base territorial. “Cando me incorporei tiña claro que había que facer unha serie de investimentos para que a explotación fose rendible e non quedase obsoleta”, asegura. Así, aproveitaron o plan de mellora e a axuda de incorporación para mercar cota, ampliar e mellorar a sala de muxido, pasando dunha sala tándem de 4 puntos a unha automatizada de 6 puntos, construíron os silos para a forraxe, aumentaron as cortes en 24 prazas e cambiaron o tractor por outro máis seguro para traballar nunha zona de encostas como esta aldea do val do Asma.

José Ramón quere que a súa explotación siga medrando, “pero con cabeza”, pois, tal e como subliña, “nun momento coma este os investimentos temos que valoralos moito, xa que nesta nova fase de crises cíclicas nos prezos do leite é moi importante que os momentos de baixos prezos non te collan endebedado”. Así, os próximos proxectos previstos son a construción dunha fosa de xurro máis grande e con cuberta, para aumentar a capacidade de almacenamento e o valor fertilizante do xurro, e un establo para as vacas secas.

“Quizás ás novas xeracións nos corresponda dar o paso de industrializar o noso leite”

A incerteza do situación do sector, compénsaa coa seguridade que lle aporta estar integrado tanto na cooperativa ICOS como na Cuma do Asma, que lle realizan a maior parte dos traballos agrícolas e de xestoría, permitindo reducir gastos de maquinaria e dispor de máis tempo para outros traballos.

Ademais, véndenlle o leite a ICOS, que traballa tamén como cooperativa primeiro compradora. Páganllo neste momento a arredor de 0,25 euros por litro, máis calidades e IVE, un prezo que José Ramón recoñece que “é algo menor que o que nos podería pagar a industria”.

“Os mozos temos que participar máis na toma de decisións nas cooperativas”

Sen embargo, este mozo gandeiro mantén a súa aposta pola cooperativa “na que temos que estar non só cando hai bos prezos, xa que é a vía que temos para unirnos e xuntar forzas para apostar polo futuro”. Neste sentido, amósase convencido de que “as cooperativas teñen que dar o paso para que os gandeiros sexamos donos do noso produto e avanzar na transformación industrial e na comercialización do leite”.

Así, asegura que “se os nosos pais fixeron o gran esforzo de modernizar as explotacións, e de feito a día de hoxe estamos igual ou mellor que moitas explotacións de Europa, quizás agora á nosa xeración nos corresponda dar o paso ao fronte e buscar a maneira de industrializar o noso produto e sermos donos do noso leite”.

Para iso, José Ramón anima aos mozos gandeiros a implicarse máis na toma de decisións das cooperativas e nas asociacións. “Temos que ver algo máis alá das nosas explotacións e decatarnos tamén do que podemos facer xuntos polo sector”, conclúe.

SAT_RIAZON_VACAS_01_STANDAR

Vacas secas no exterior

Obxectivos a medio prazo: Mellorar en benestar animal e en lonxevidade

Como obxectivos a medio prazo para Riazón SC, José Ramón Ratón sinala o de ampliar a base territorial da explotación, “pero sempre que as fincas sexan rendibles: parcelas non moi lonxe e que non teñan moitas dificultades para traballar”.

En canto aos animais, a súa prioridade é seguir mellorando en benestar animal e lonxevidade. “Pero entendendo como lonxevidade -aclara- máis a produción vitalicia, buscando vacas rendibles, e non tanto o número de partos”. E é que, na súa opinión, “a veces aguántase con vacas que dan pouco leite, chegan mal ao parto e logo teñen que ser sacrificadas, mentres que se non se inseminaran e se cebaran, venderíanse a bo prezo, comerían menos e compensarían os gastos da cría da xovenca”.

“É necesaria unha ordenación do territorio e actuar fronte aos estragos dos xabaríns”

E para as institucións, José Ramón ten claro que “a prioridade en Galicia debería ser facer unha ordenación do territorio como se ten feito noutros países”, con delimitación dos usos de cada parcela, aumento do tamaño medio das fincas e cunha administración que actúe de oficio contra as plantacións forestais ilegais. Xunto a iso defende tamén unha control eficaz e decidido da sobrepoboación de xabaríns, “que nesta zona ocasiona importantes estragos nos prados e nas fincas de cultivo”.

”Se a Xunta non fai isto, para os que quedamos no rural cada vez cada vez máis difícil vivir aquí”, advirte.

Riazón SC en cifras

A gandería Riazón SC conta cun rabaño de 105 animais, dos que 50 son xovencas e 55 vacas adultas. A lactación media é de 12.000 litros por vaca e ano, cunha media de 35 litros de media por vaca e día e arredor de 39.000 litros de produción vitalicia. As súas calidades sitúanse neste momento en 3,95% de graxa e 3,25% de proteína, e menos de 100.000 células somáticas.

Non mercan ningunha forraxe e a ración media diaria é de 15 kilos de silo de millo, 26 kg de herba e 14 kilogramos de penso.

Deixamos máis semente de herba para ter que renovar menos as pradeiras

Das 35 hectáreas que manexan, 10 hectáreas, as situadas nos mellores solos, dedícanas a millo e o resto a raigrás, cun único corte para silo e outro para herba seca. Tamén aproveitan para facer pastoreo coas xovencas unha parte do ano.

José Ramón Ratón explica que nesta zona, xa no límite coa clima máis seco da provincia de Ourense, “só podemos facer corte en verde do raigrás durante dous meses”. Neste sentido, asegura que “preferimos cortar o raigrás para herba seca un pouco máis pasado para deixar máis semente no prado e reducir os gastos de renovación das pradeiras”. Así, de media renóvanas cada seis anos, aínda que perdan algo de calidade na herba seca.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información