“Ao Ribeiro e á Treixadura aínda lles falta ser coñecidos no resto de España”

Entrevista a Cristina Alcalá, xerente desde o 12 de xaneiro do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Márcase como un dos seus obxectivos aumentar as vendas dos viños do Ribeiro no resto de España

Publicidade
“Ao Ribeiro e á Treixadura aínda lles falta ser coñecidos no resto de España”

Cristina Alcalá

Cristina Alcalá é xerente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro desde o pasado 12 de xaneiro. “Levo tres semanas moi intensas nas que non parei”, recoñece. Leva máis de 18 anos vinculada ao mundo o viño, traballando nos últimos anos en márketing, posicionamento de marca ou estratexias de comunicación e de promoción dentro do sector.

Transmite optimismo sobre o futuro da denominación vitivinícola máis antiga de Galicia, “pero cos pés na terra”, subliña. Neste sentido, insiste en que “ante todo, o cultivo da viña e a elaboración de viño teñen que ser rendibles”, e avanza que, sen descoidar os mercados exteriores, “non debemos obviar o mercado español, que é fundamental”.

Como foi o teu achegamento o mundo do viño?
Foi un cruze de camiños. Achegueime ao viño da man dun cociñeiro no ano 1998, polo que para min a gastronomía concíboa asociada ao viño. E ademais empecei traballando co consumidor final como sumiller. Digamos que empecei e sigo cos pés na terra e funme formando ao longo dos anos.

Levas tres semanas na xerencia, ¿Como foi a túa aterraxe?
Moi intensa, necesito máis horas de tempo. Para min é moi importante coñecer o equipo co que traballo, coñecer moi ben a ideosincrasia do Ribeiro e para iso necesito tempo. Por iso, estou a empezar a modiño, observando e escoitando para entender cal é o mellor camiño para a D.O. Ribeiro.

Nesta etapa de toma de contacto, ¿Cales son as fortalezas e as debilidades que detectas na Denominación de Orixe?
A fortaleza maior do Ribeiro é a proxección que ten. Creo que ten uns alicerces de calidade, de diferenciación, de diversidade e de versatilidade que son moi singulares e que hai que potenciar.

En canto ás debilidades, situaría a fragmentación, o minifundismo, que tamén pode ser unha fortaleza, pero que hai que saber equilibrar: a unidade como territorio e como paisaxe e a diversidade.

“A maior fortaleza da D.O. Ribeiro é a súa proxección, pero ten que profesionalizarse máis”

Creo tamén que o Ribeiro ten que orientarse cara á profesionalización, que xa están a facer moitas adegas.

Por suposto que hai debilidades no Ribeiro, pero nestas tres semanas o que vin foime transmitindo optimismo e o que vén á miña cabeza son as fortalezas.

Entre as materias pendentes do Consello Regulador está a acreditación ENAC. Para cando ten previsto conseguila?
É algo que temos pendente. Sei que este ano ten que saír, si ou si.

Están a cumprirse os obxectivos do Plan Estratéxico para a D.O. Ribeiro 2014-2016?
Creo que foi unha base importante que no Ribeiro se trazase un camiño e se tentase seguilo, e iso, por si, xa é un gran paso. Non sei cuantos plans estratéxicos cúmprense ao 100%, pero a anterior xerencia marcou unhas pautas para seguir, e creo que foi un bo labor. Agora toca avaliar os resultados e reorientar, porque o movemento Ribeiro é imparable.

Nos últimos anos a estratexia de márketing orientouse a sintonizar co público novo para gañar novos consumidores e en aumentar as exportacións. Como están a ser os resultados?
Penso que hai que focalizar as accións promocionais porque os recursos son limitados. Sabemos que o consumo de viño en España está entre mal e regular, e case é unha obriga que os Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe fagamos accións promocionais promovendo o consumo responsable de viño, e é un labor de todos, incluíndo ás administracións, para poñer en valor o viño e achegalo á xente nova. Ribeiro fíxoo, sobre todo a través da música apoiando a festivais, algún deles propios, e ímolo seguir facendo.

“Ao Ribeiro aínda lle falta ser coñecido no resto de España”

Debemos orientar as accións de márketing cara unha promoción e posicionamento de marca orientada cara á comercialización. É dicir, as adegas teñen que vender o viño e Consello Regulador ten que dar as ferramentas suficientes ás adegas para que poidan facelo mediante promoción da marca Ribeiro.

Déronse os primeiros pasos cara á internacionalización e vaise seguir niso, pero non debemos obviar para nada o mercado español, que penso que é fundamental. Neste sentido, este ano marcámonos como obxectivos Madrid, Barcelona, Bilbao e Málaga. Ao Ribeiro aínda lle falta ser coñecido no resto de España.

Como se reparte o mercado do viño Ribeiro?
Ao redor dun 70% en Galicia, un 20% no resto de España e un 10% no exterior. Non debemos abandonar o noso mercado natural, debemos seguir comprometidos coa nosa terra e cos nosos viticultores e debemos dirixirnos tamén ao resto de España.

“Fóra de España, o paraugas de viños galegos é interesante”

Hai que aumentar a colaboración entre os consellos reguladores para promover conxuntamente os viños galegos no exterior?
O viño galego, e o viño do Ribeiro en particular, ten como único camiño a calidade. Cada denominación galega ten o seu estilo, pero debemos colaborar, non somos competencia. De feito, fóra de España, o paraugas de viños galegos é interesante porque non deixamos de ser unha rexión pequena.

Nos últimos anos empézase a falar do problema do relevo xeracional dos viticultores, cuxa idade media é moi elevada….
Creo que é un tema preocupante que desborda aos Consello Regulador. Creo que, ante todo, o cultivo da viña e a elaboración de viño teñen que ser rendibles. O campo, ante todo, ten que ser rendible para que haxa relevo xeracional e sexa atractivo para as novas xeracións.

“O viño, ante todo, ten que ser rendible para que haxa substitución xeracional”

Neste sentido, penso que temos que conseguir un equilibrio no Ribeiro entre as adegas que son máis rendibles e as que menos, porque me parecen tan marabillosas as 1.500 botellas que fai unha pequena adega como o millón que fai outra. Estas dúas visións do Ribeiro son necesarias e as dúas necesítanse.

Algo máis que queiras engadir?
Son optimista e cando penso no Ribeiro véñenme á mente os nosos lemas En Esencia e En Movemento, e penso que é bo para todos. A miña idea é chegar a situar co tempo a marca Ribeiro, que xa é forte, no mapa nacional, así como a variedade Treixadura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información