
José Ángel Santos, alcalde de Friol
Moito máis áxil, con moito menos coste económico e con iguais ou mellores resultados á hora de reagrupar fincas que unha concentración parcelaria, xa que só interveñen e participan as persoas propietarias de fincas que están interesadas en facelo. Estas son as grandes vantaxes do sistema de permutas agrarias, unha iniciativa que foi posta en marcha hai 5 anos polo concello lugués de Friol e que ahora xa se está aplicando nalgunhas das principais comarcas gandeiras de Galicia.
Falamos co alcalde de Friol e impulsor da iniciativa, José Ángel Santos, quen salienta tamén outra vantaxe engadida: “A Xunta de Galicia, a través de AGADER, subvenciona gran parte dos gastos das xestións necesarias para poder levar a cabo estes sistemas de permutas como axudas para o pago de gastos notariais e de inmatriculación rexistral”.
-O Concello de Friol foi pioneiro en Galicia en impulsar un programa de permutas de fincas para favorecer a reestruturación e reordenación das parcelas. Cando puxestes en marcha esta iniciativa e que vos levou a impulsala?
O programa de permutas empezou a súa andadura polo ano 2020 como un proxecto piloto, co cal se quería comprobar se esta ferramenta funcionaba e era útil ou non.
Queríamos un sistema de reordenación do territorio, de agrupación de fincas, para ampliar o tamaño das parcelas que os gandeiros tiñan en propiedade, sen ter que esperar anos para conseguilo, e deste xeito mellorar a competitividade dos propietarios que se acollían a esta iniciativa. Algo que fose áxil, rápido, próximo. E como xa se podía facer legalmente ao amparo da Lei de 2015 de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia, pareceunos unha boa idea o de intentar facer permutas de fincas entre os propietarios interesados, e se esas permutas se podían facer financiadas gracias á Xunta de Galicia, e con facilidades técnicas á hora de xestionar eses cambios, pois mellor que mellor, por suposto.
“Ao principio a xente era escéptica coas permutas de fincas, pero ao ver os resultados non demos atendido a tantas solicitudes”
-Cales foron as principais reticencias ou obstáculos aos que tivestes que facer fronte?
Pois ao principio a xente era escéptica con esta idea, non acababan de crer que fose funcionar. Unha vez que os primeiros propietarios se foron animando, e que viron que a asistencia técnica que recibían era moi boa, chegou un punto que tivemos que parar as demandas de solicitudes de xente interesada, porque se desbordaba o proxecto inicial.
-En que aldeas se realizaron as permutas en Friol e cantos propietarios participaron nelas?
A primeira fase das permutas levouse a cabo nas parroquias de Rocha, Xiá, Nodar e Roimil, participando 9 propietarios, 71 parcelas e 77 hectáreas inicialmente. Posteriormente, mobilizáronse 892 hectáreas, 3033 parcelas e un total de 108 propietarios.
-Cales foron os resultados despois destas permutas no concello de Friol?
Os resultados son explotacións máis competitivas, nas que con menos traballos e menos gastos obteñen o mesmo beneficio ou máis, polo tanto son máis rendibles economicamente.
Os gandeiros que se acolleron a estas permutas viron o gran beneficio e a axilidade que tiveron con estes cambios de fincas, e están moi contentos.
Os gandeiros que se acolleron a estas permutas viron o gran beneficio e a axilidade que tiveron con estes cambios de fincas
-Con respecto a unha concentración parcelaria, as permutas acortan notablemente os gastos e o tempo?
Por suposto, non teñen nada que ver. O resultado é parecido, posto que nas dúas opcións o fin que se busca é obter fincas máis grandes para axilizar e facilitar o traballo mecanizado, e tamén para diminuír gastos de tempo e de recursos, co que os beneficios das explotacións serán maiores. Pero a diferencia é que coas permutas se consegue iso mesmo, acortar os gastos e o tempo para conseguir ese mesmo obxectivo, reagrupar fincas para que a súa superficie sexa maior. Ademais, nas permutas, só interveñen e participan as persoas interesadas en facelo, polo que se consegue axilizar moito o proceso.
-Cales son as principais vantaxes que destacarías desta figura de reordenación das parcelas?
Pois sobre todo a axilidade no proceso, o baixo custe económico que supón este sistema de permutas, e que todos os propietarios están de acordo co cambio, xa que se acollen a esta figura porque queren facelo.
-Transcorridos xa varios anos dende que puxestes en marcha en Friol esta iniciativa, como valoras os resultados?
Iniciamos as xestións para poñer isto en marcha no ano 2020. Os resultados podo valoralos como o que son, un éxito. Mostra diso é a posta en marcha de máis fases, debido á demanda que temos dos propietarios que queren beneficiarse deste sistema, e tamén a cantidade de concellos que viron que podía ser unha moi boa forma de axudar ás explotacións, e polo tanto tamén quixeron unirse a este sistema de permutas.
Tamén é un gran indicativo do éxito que tivo esta iniciativa, se falamos con calquera das persoas propietarias que xa poden desfrutar da maior extensión das súas fincas, e da facilidade que lles supuxo isto á hora de traballar as mesmas.
-Varios GDR´s de Galicia, seguindo o exemplo do GDR Comarca de Lugo, sumáronse á iniciativa. Cales en concreto?
Pois agora mesmo os que están incluídos na fase que se está levando a cabo son o GDR Pontevedra Norte, con sede en Lalín e que engloba aos Concellos de Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro, Dozón, Lalín, Silleda, A Estrada, Forcarei, e Asdecomor (Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes), con sede en Ordes e que o seu ámbito territorial abrangue os Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, ademais do noso, o GDR Comarca de Lugo, que ten a súa sede en Friol e está formado polos Concellos de Friol, Rábade, Outeiro de Rei, Castroverde, Guntín, O Corgo e a área rural do Concello de Lugo.
A Xunta de Galicia subvenciona gran parte dos gastos das xestións necesarias para poder levar a cabo estes sistemas de permutas
-Tamén dende a Xunta de Galicia se está a apoiar agora esta iniciativa pioneira. Cales son as principais axudas por parte da Xunta ás permutas de terras agrarias?
A Xunta de Galicia, a través de AGADER, subvenciona gran parte dos gastos das xestións necesarias para poder levar a cabo estes sistemas de permutas como axudas para o pago de gastos notariais e de inmatriculación rexistral.
-No caso do concello de Friol, segue habendo unha importante demanda para realizar permutas de terras agrarias e forestais?
O certo é que si. Ao principio do proxecto piloto as persoas que podían estar interesadas eran algo reticentes a acollerse a este sistema, pero unha vez que viron o ben que funcionaba, a axilidade do proceso e o baixo custe que lles supoñía, viron que era unha moi boa maneira de mellorar as súas explotacións, e agora son cada vez máis os propietarios que queren participar das distintas fases que se van poñendo en marcha.