Diego Fernández incorporouse á gandería familiar no ano 2006, xuntou as vacas que tiñan os seus avós no Corgo e o seu pai en Láncara e comezou a aumentar o número de cabezas até muxir hoxe 100 vacas.
Pero quixo medrar sen perder a esencia das dúas granxas, que tiñan un sistema de manexo baseado no pastoreo, e apostou polos cruzamentos como maneira de incrementar a rendibilidade económica da explotación.
“Nesta casa sempre houbo vacas, pero antes eran de carne, coas de leite empecei eu no ano setenta e pico”, conta Juan, o pai de Diego. “Fixen este establo con 20 anos, quedara orfo de pai aos 16, e empecei con vinte e pico vacas. E despois a continuación fixen unha nave para coellos”, lembra.
Estamos enfocando a gandería a tratar de producir calidade de leite máis que cantidade
Esa foi a instalación que agora o seu fillo Diego remodelou para as vacas de leite, un total de 100, máis do dobre das que tiña cando se incorporou sumando as dúas granxas. “No ano 2016 foi cando fixemos a obra de remodelación do establo para xuntar aquí as vacas de produción e desde entón aumentamos bastante”, di.
Diego duplicou o número de cabezas desde o 2016 grazas á menor taxa de reposición das vacas Procross
“O gando cruzado dura máis, o que permite reducir a taxa de reposición e medrar máis rápido”, asegura. “Cando empecei o rabaño era todo holstein, pero estaba investindo moito en xenética e os resultados non eran os que eu agardaba, eran vacas moi delicadas. A miña filosofía é ter vacas que me duren, eu fíxome máis na produción vitalicia que nunha única lactación”, indica.
En Santalla de Lagos, en Láncara, moxen 100 vacas e en Arxemil, no Corgo, teñen 30 xovencas
A intención de Diego non é seguir medrando máis, senón estabilizar a explotación no número de cabezas actual. “A nosa idea non é ir a unha macroexplotación, senón manter un rabaño acorde á superficie que temos e que nos permita seguir facendo un manexo en pastoreo como o que temos hoxe”, afirma.
Fusión de dúas ganderías
A gandería é hoxe o resultado da fusión de dúas explotacións, a iniciada por Juan na década dos 70 en Láncara e a ubicada no Corgo, herdada dos pais de Mercedes, a súa muller. “Eran dúas ganderías moi parecidas, as dúas en réxime de pastoreo e muxindo vinte e pico vacas en cada unha. As instalacións eran antigas, co gando trabado”, explican.
Desde moi pequeno sempre me tirou moito isto das vacas
Para poder atendelas tiñan dous empregados. “A miña nai é enfermeira e o meu pai traballou 30 anos en Caixa Galicia, pero nunca quixo abandonar as ganderías e atendiámolas por esa vía, pero hoxe en día é difícil atopar man de obra”, asegura Diego.
El empezou a estudar Enxeñería Técnica Agrícola en Lugo pero deixouno para atender a explotación. “A min desde pequeno sempre me levou moita idea isto das vacas e cando estaba estudando xa era eu un pouco o que me encargaba de supervisar as dúas granxas”, explica.
Non acabei a carreira, pero a formación valeume bastante para levar a granxa
Tras incorporarse, Diego constituíu unha SL xunto co seu pai, Juan, e reformou as instalacións de Láncara. “O que fixemos foi xuntar aquí todas as vacas de leite e alí, no Corgo, ter as xovencas”, conta. Diego tratou de “aproveitar todas as instalacións que puidemos e non gastar moito en obras” para centrar os seus esforzos no gando.
De holstein pura a Procross
“Empezamos cos cruzamentos no ano 2009 porque estabamos insatisfeitos co rendemento que nos estaba dando a holstein, viamos que o que estabamos investindo en seme non o viamos despois recompensado nas vacas, non viamos que foran animais que se adaptaran ben para este sistema de pastoreo, penso que as holstein son máis ben vacas para telas nunhas instalacións novas, amplas e con moi boa cama, aí pode que funcionen ben, pero para este sistema eu penso que a holstein pura non é a raza máis rendible”, asegura.
Vacas holstein puras agora mesmo só temos 3 ou 4, o resto son todos animais cruzados ou de outras razas
“Nós non oiramos falar deste sistema de cruzamentos pero sempre nos queixabamos de que as xovencas saían moi brandas e que enseguida comezaban a dar moitos problemas e foi o veterinario o que nos falou de Procross”, explica.
“Outra das vantaxes destes animais é que ao durar máis non necesitas tanto reemprazo. A nós, de media, unha vaca pódenos durar 4 ou 5 partos tranquilamente”, detalla. “Neste momento hai unhas 70 tenreiras de recría de todas as idades, entre as becerras pequenas e as xovencas xa preñadas. Até agora estivemos aumentando e facíanos falla, pero a partir de agora vainos comezar a sobrar”, di.
Unha das vantaxes das vacas Procross é que ao durar máis non necesitas tanto reemprazo
Diego ve na venda de xovencas Procross, que contan con moita demanda neste momento, outra fonte de ingresos, o mesmo que a venda dos xatos e as vacas de desvelle, xa que “collen máis quilos que as holstein”, asegura Diego.
Vacas trihíbridas despois de 10 anos
Lembra perfectamente que cando empezou a facer cruzamentos houbo quen o criticou pero considera que os resultados máis dunha década despois avalan que foi unha decisión atinada. “Galicia sempre foi pouco aberta aos cambios e ás innovacións, aquí tratas de saír do camiño dos demais e chámanche tolo”, argumenta.
Hoxe Gandería Valcárcel Láncara ten vacas xa de cuarto e quinto cruce, nas que completou a rotación de holstein, montbeliard e roja sueca. Nestes animais trihíbridos é nos que máis se nota a mellora que aporta o vigor híbrido, asegura Diego.
“A vaca vai mellorando en cada cruce porque cada unha das razas aporta un factor mellorante: a holstein aporta produtividade e ubres ben conformados, a montbeliard aporta robustez e estrutura ósea e a roja sueca dureza de patas e resistencia á mamite”, describe.
Menor gasto veterinario
“Temos menos gasto veterinario. No tema de cetose nótase moitísimo, antes tiña que tratalas case todas e estar pendente de darlles un bolo de Kexxtone aos 8 meses porque senón xa sabías que había problemas despois no parto, pero coas Procross é unha cousa da que me esquecín completamente”, asegura Diego.
Os problemas de cetose, coxeiras e infertilidade acabáronse por completo
“E dos problemas de coxeiras e infertilidade tamén”, engade. “Antes había que andar pinchando para que se volveran en celo e agora nada, algunha xa aos 20 días ou un mes de parir xa están en celo, aínda que non acostumamos inseminalas tan cedo, agardámoslles dous meses”, explica.
Poñemos sempre os mellores touros de cada raza
“Nós empezamos meténdolles ás xovencas rojo sueco, porque traen crías máis pequenas, e ás vacas montbeliard, e a partir de aí o cruce que lles toque pero, iso si, poñendo seme dos mellores animais de cada raza sempre”, di Diego.
Sen problemas de células nin mamites
Nas camas empregan carbonato con serrín mesturado ao 50%, que lles sirve Galical. Por debaixo teñen colchoneta e repoñen todos os días o material secante que botan por enriba. “Coa colchoneta levar leva menos, pero tamén tiran máis. Gastamos unhas 9 toneladas ao mes, é un gasto importante, pero para as fincas vénlles ben”, razoa Diego.
Fan as camas dúas veces ao día e non teñen problemas de células “tamén porque este gando é menos propenso ás mamites”, asegura. O manexo da cama é máis complexo no inverno, cando todo o gando está no establo, e moito máis doado nos meses de primavera e verán, nas que as vacas botan a maior parte do día no pasto.
Efectos positivos do vigor híbrido
“O vigor híbrido nótase moi rápido, xa o ves nada máis nacer nos becerros, saen moito máis espabilados e maman moito mellor, na primeira toma xa o ves. Iso é grazas á heterocigose que se logra ao cruzar as tres razas e que é o contrario da homocigose, que é o que dá lugar á consanguinidade, que vai debilitando a raza pura, que é o que lle está a pasar á holstein”, compara.
Son vacas máis doadas de manter, comen moito menos para producir máis ou menos o mesmo
Ademais, afirma, “este tipo de gando adáptase moito mellor ao pastoreo” porque “son vacas cunha maior eficiencia alimentaria, que pacen mellor e son máis doadas de manter porque comen moito menos para producir máis ou menos o mesmo que as holstein puras”, asegura.
32 litros de media
A media de produción é de 32 litros, pero Diego ten claro que “ter unha media altísima non é sinónimo de máis rendibilidade, porque hai moitos factores que inflúen”. Eles trataron de non ter que facer investimentos altísimos nin gastar moito en reposición de gando.
En canto a calidades, están en 4,20% de graxa e 3,60% de proteína, que soben até 4,65% de graxa e 3,70% de proteína no inverno. “Nos meses de pastoreo notamos unha baixada de calidades: a proteína mantense, pero sobre todo a graxa baixa”, admite Diego.
É unha suma de pequenas cousas: inflúe a alimentación e as instalacións, pero está claro que a xenética tamén
Cando reformaron a nave de coellos para convertela no establo para as vacas de leite mercaron unha sala de segunda man que estaba “en moi bo uso”. “Para este sistema o robot tampouco se adapta, porque para iso teriamos que ter unha finca concéntrica todo ao redor do establo, pero no noso caso non temos esa configuración”, admite.
Non temos concentración e fomos cambiando entre os veciños que quedamos para tratar de ir xuntando
“Aquí non temos concentración, fomos tratando de comprar e cambiar entre nós para ir xuntando, pero non é doado moitas veces chegar a acordos. Nós temos algunha finca grande, de 6 hectáreas, que fixemos xuntando 7 fincas, pero tamén algunha de media hectárea”, explica.
Para renovar as pradeiras non as levantan, senón que o que fan para mellorar o pasto é resementalas. “Deixámolas para herba seca para que caia a semente e senón en outono botámoslles semente coa abonadora e logo purín. É un sistema de resementeira que nos funciona ben. Preferimos non laborealas porque se te pos a aralas levantas moitas pedras”, aseguran.
Alimentación a base de herba complementada cunha ración no pesebre
A rutina diaria na gandería Valcárcel Láncara comeza coa muxidura da mañá. Despois, antes de botar as vacas ao pasto, subminístranlles unha ración suplementaria en pesebre. “Temos un cazo desensilador, mesturador e distribuidor e facémoslles unha ración formada por silo de millo, palla picada e penso. Temos un empregado paquistaní e mentres el moxe eu xa vou facendo a ración e distribuíndoa polo pasillo de alimentación para que a vaian comendo”, detalla Diego.
As fincas que son fondas resérvanas para o millo
Ao acabar de muxir e de lavar as vacas saen para a pradeira, onde permanecen até a muxidura da tarde. “Iso é cando hai pasto bo, nos meses da primavera e o outono, en total poden ser uns catro ou cinco meses, porque aquí no verán seca bastante e no inverno encharca bastante e un rabaño de 100 vacas machaca moito”, explica.
Nos meses nos que non hai pasto e as vacas permanecen estabuladas a ración inclúe silo de millo e silo de herba. “Até este ano a herba faciámola toda en rolos pero este ano coa suba dos prezos do plástico pasamos a metela coa picadora nunhas pilas. Tivemos que cambiar polos prezos do plástico, non por que nós quixeramos, porque a herba canto menos picada mellor se conserva e mellor a comen”, din.
Plan de Mellora para silos e fosa de xurro
Teñen xa un Plan de Mellora aprobado para facer un silo de paredes de formigón, para deixar de ensilar no chan, e tamén para facer unha fosa de xurro de maior capacidade, dun 1,2 millóns de litros, máis un estercoleiro.
Os ecoloxistas de cidade cando veñen ao campo gústalles ver todo coma un xardín, pero quen o coidamos somos nós e máis as vacas
“Son cambios necesarios que temos que facer para adaptarnos á normativa. A fosa que temos a día de hoxe é moi pequena e non podemos aproveitar ben o purín nas épocas de sementeira. Se non fose porque temos o gando fóra 4 ou 5 meses non nos chegaría a capacidade de almacenaxe que temos”, recoñece Diego.
Dispoñen de 70 hectáreas de superficie repartidas entre Láncara, O Corgo e Paradela
Dispoñen dunhas 70 hectáreas de superficie, repartida en tres ubicacións diferentes: Láncara, O Corgo e Paradela. “En Láncara temos 36 hectáreas, contando as 7 hectáreas de pradeira do monte comunal da parroquia, no Corgo temos 20 hectáreas e en Paradela 15”, detalla.
“Eu penso que o futuro en Galicia está na herba”
A zona máis próxima á granxa resérvana para facer pastoreo coas vacas en produción, o mesmo que fan no Corgo coas xovencas, e o resto de parcelas adícanas á produción de forraxes para ensilaxe tanto de raigrás como de millo forraxeiro.
“Nesta zona dase ben o millo, o ano pasado sacamos de media 40.000 quilos por hectárea e temos fincas boas nas que chegamos a 50.000”, conta Diego, que considera que “por debaixo de 30.000 quilos non compensa botalo debido aos custos que ten”.
Para aproveitar máis a superficie, fan rotación con raigrás nas fincas de millo
Para aproveitar máis a superficie, fan rotación con pradeira tamén nas fincas de millo. “O ano pasado botamos algo de wester gold para probar, pero as vacas non queren saber nada, cómeno moito peor, e volvimos ao raigrás botando un F2”, di.
Este ano botaron a millo unhas 27 hectáreas. “Botamos 4 ou 5 hectáreas máis que o ano pasado, porque aínda que se encareceu a sementeira por culpa do aumento de custo do gasóleo e os fertilizantes, é unha maneira de depender menos do penso”, argumenta.
Dan uns 11 quilos de concentrado por vaca e día, aínda que na época de pasto reducen un pouco esa cantidade. “Eu penso que o futuro en Galicia está na herba, temos unhas condicións óptimas para producila pero até agora non se lle deu a importancia que ten. Ata hai uns anos tratábase case coma un produto de segunda mentres se apostaba pola alfalfa ou o millo”, asegura Juan.
Nesta zona dase ben o millo e é unha maneira de depender menos do penso
Gandería Valcárcel Láncara nunca chegou a dar o salto ao modelo intensivo co gando completamente estabulado, senón que sempre mantivo o pastoreo, mesmo a medida que ía medrando en número de cabezas. “Eu penso que nos equivocamos tratando de imitar o modelo de granxas intensivas americanas pero se xa estás metido niso é difícil saír”, considera Diego.
El puido facelo “porque non estaba metido en grandes créditos” e optou por un modelo mixto máis parecido ao de países como Irlanda ou como o que están a recuperar as ganderías en Holanda ou na Bretaña francesa, zonas onde o pastoreo está a gañar protagonismo. “A xestión do pasto non é unha cousa doada, porque se te pasas xa non o comen e se te quedas curto páceno antes de tempo, trátase de entrar en cada parcela no momento xusto, hai que calcular iso moi ben”, asegura Juan.
“Nesta zona a terra está carísima”
Na parroquia de Santalla de Lagos quedan aínda 7 ganderías dando leite e outras 3 de vacas de carne. “É unha parroquia pequena e a terra está moi buscada”, asegura Diego, polo que aínda que quixese ampliar superficie sería complicado. “As fincas que saen á venda ou que se poñen en aluguer están carísimas. Nós mercamos unhas 10 hectáreas e a media do que se paga aquí pode estar nuns 12.000 euros por hectárea a día de hoxe e en aluguer andan polos 400 ou 500 euros”, detallan.
Temos moitos factores produtivos que nos limitan, como pode ser o minifundio e a falta de superficie agraria
O monte comunal de Santalla de Lagos ten 100 hectáreas, das que a metade están aproveitadas polos gandeiros da parroquia. “Tócannos unhas 7 hectáreas a cada veciño. Aí nós facemos un corte de silo e outro de herba seca. Ten moita pedra para botar millo e está ademáis o problema do xabarín, ao estar a carón do monte”, razoan.
“Temos moitos factores produtivos que nos limitan, como pode ser o minifundio e a falta de superficie agraria. Penso que iso é algo básico e que habería que empezar por aí, para poder traballar con máis comodidade e eficacia”, defende Diego.
“A nosa intención é poder chegar a transformar nós mesmos o noso propio leite”
O obxectivo de Diego é poder chegar algún día a transformar o seu leite como un xeito de valorizalo. “Agora mesmo non podemos facelo, pero a nosa intención é tratar de facer unha queixería ou facer iogures, queremos pechar o círculo, que era algo que nos inculcaban moito na escola de peritos cando estaba facendo a carreira”, di.
Desde hai 3 anos véndenlle o leite a Larsa e cobran a prima de pastoreo. “Traballamos nun réxime semiextensivo e o leite de pastoreo encáixanos perfectamente no noso sistema de manexo”, explica Diego. “A min o do leite de pastoreo paréceme unha conquista importante, por ser algo intermedio entre o ecolóxico e o intensivo”, engade Juan.
Este ano tivemos varias ofertas no momento de renovación dos contratos pero ao final non nos cambiamos
“Estivemos a piques de cambiarnos na última renovación de contratos, porque tivemos ofertas de varias empresas, entre elas Danone e Entrepinares, pero ao final non marchamos porque estivemos comparando prezos e dado que Capsa indexa o 30% do prezo ás cotizacións internacionais dos produtos lácteos, que están altas, neste momento o prezo final resultante é bo, porque por ese 30% págannos case tanto como polo outro 70%”, explica.
O problema vai ser, recoñece, “cando veñas as fracas”, por iso, conta Diego, “estivemos pelexando con Larsa para que nos fixeran só contrato por 6 meses, porque tal como está a cousa, con moita volatilidade, estabamos menos atados. Pero non houbo forma, non aceptaron e ao final tivemos que asinar por un ano. O poder de negociación que temos os gandeiros segue sendo moi escaso, tráenche o contrato, póñencho aí e tes que asinalo ou cambiarte se hai quen te queira coller”, asegura.
Neste momento, grazas á cotización dos produtos industriais, están cobrando o leite por enriba da maioría de empresas que recollen en Galicia, pero lembran que o verán pasado, de xullo a novembro, estiveron cobrando por baixo dos custos de produción. “Neses meses pasámolo realmente mal”, admiten.
“Se as cooperativas funcionasen ben sería o ideal”
Para Diego, “se as cooperativas funcionaran ben sería o ideal, porque sería a maneira de darlle valor ao noso produto, porque eran elas as que tiñan que tratar de transformar o noso leite, sacarlle o valor engadido e comercializalo, pero iso agora é tarde penso, iso había que telo feito antes, porque agora levas moito retraso e para coller cota de mercado é complicado”.
Aquí a mentalidade é máis individualista ca cooperativista
O pai de Diego, Juan, foi socio fundador de Cogasar no ano 1980, pero recoñece que “no tema cooperativo, penso que patinamos”. “Non funcionou como tiña que funcionar no seu día Cogasar nin está funcionando Aira, estou insatisfeito co resultado, porque se miras as cooperativas da Bretaña ou de Holanda e as comparas coas nosas non teñen nada que ver”, di.
Para Diego, o problema é que “aquí a mentalidade cooperativista non existe e por iso as cooperativas non funcionan”. Gandería Valcárcel Láncara é socia de Aira, que lles subministra produtos como a semente do millo ou o abono, ademais de prestarlles servizos de asesoramento. “Até fai dous anos mercabámoslle o penso, pero agora cambiamos e tráenolo De Heus”, conta Diego, para quen “o erro é facer funcionar as cooperativas como se fose un negocio privado, cando a súa función debería ser dar servizos aos socios”, conclúe.