Anúnciase unha liña de axudas para proxectos innovadores nos sectores agrícola, forestal e alimentario

O Consello da Xunta aproba un orzamento de 2,25 millóns de euros para financiar as iniciativas. Priorizarán as propostas que favorezan a xestión sostible, a mellora dos sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía ou a aplicación de tecnoloxías da información

Anúnciase unha liña de axudas para proxectos innovadores nos sectores agrícola, forestal e alimentario

Interior dunha factoría agroalimentaria. / Arquivo.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, destinará 2,25 millóns de euros ao apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal e alimentario. As achegas realizaranse ó longo dos próximos 3 anos, de maneira que no 2021 se repartirán 450.000 euros, no 2022 haberá 1,35 millóns de euros e os 450.000 euros distribuiranse no 2023.

As axudas poden solicitalas organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandaría ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. As áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

O Consello da Xunta, celebrado este martes, acordou que os beneficiados poderán cobrar pagamentos parciais sen ter que presentar aval bancario ningún, unha medida que se vén adoptando en anos anteriores para facilitar o acceso ás subvencións.

A medida intégrase no Plan de reactivación e dinamización impulsado por Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola Covid-19 no agro galego.
 As achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información