Anúncianse mobilizacións polo prezo do leite ante as cadeas de distribución

As protestas, que se iniciaron nas últimas semanas en Andalucía, trasládanse á Cornisa Cantábrica, con concentracións programadas en Oviedo, Santander, Lugo e Vic

Anúncianse mobilizacións polo prezo do leite ante as cadeas de distribución

Protestas este mes en Andalucía. / Arquivo.

O progresivo aumento dos custos de produción no campo, sen que haxa unha subida paralela dos prezos do leite, desencadeou hai unhas semanas as primeiras mobilizacións en Andalucía. Agora as protestas comezan a extenderse, aínda timidamente, co foco posto sobre as cadeas de distribución. A Coag, Upa e Asaja, as tres principais organizacións agrarias de España, organizarán unha concentración conxunta o 2 de agosto en Santander ante o Makro, unha das principais cadeas cash para hostelaría.

Esta semana tamén se prevén mobilizacións da organización Unión de Uniones en Oviedo (martes 27), Vic (martes 27) e Lugo (mércores 28), en tódolos casos ante a cadea Mercadona. Tanto as industrias lácteas como as propias organizacións agrarias culpan ás cadeas de supermercados de estar bloqueando o prezo do leite no campo, pois mentres as marcas brancas de leite se estean vendendo por baixo dos 60 céntimos, as marxes de beneficio de toda a cadea quedan condeadas.

Polo de agora, os únicos movementos á alza do prezo do leite que se produciron no campo chegaron de Pascual (1 céntimo) e, sobre todo, das industrias proveedoras de Mercadona ligadas ó grupo Covap, como a cadea Naturleite, que anunciou unha suba de 2 céntimos. Ese movemento de Naturleite e Covap semella anticipar unha suba do prezo nos lineais por parte de Mercadona que, segundo publica hoxe El País, tería confirmado un aumento de 3 céntimos no prezo de venda ó público.

Ao tratarse Mercadona da principal cadea de supermercados de España, con máis dun 30% de cota na venda de leite líquido, espérase que o movemento de Mercadona se propague ó resto de cadeas comerciais.

En Galicia, Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias, está desenvolvendo esta semana unha nova ronda de contactos con industrias e cadeas de supermercados para comprobar se o resto de industrias e cadeas comezan a mover ficha. No caso de que non sexa así, barállase o inicio de mobilizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información