Coa vendima xa iniciándose estes días, a Ribeira Sacra semella ter chegado a un calexón sen saída. As adegas acumulan stocks das últimas campañas e aseguran non ter capacidade para transformar toda a uva deste ano, polo que xa hai adegas que lle comunicaron ós seus proveedores tradicionais que este anon non lles mercarán a uva. É o caso de Rectoral de Amandi, que así llelo fixo saber por carta ós seus viticultores externos.
“Só Rectoral de Amandi tiña arredor de 400 proveedores externos, cun millón de Kg. de uva”, sinala a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto a Félix Porto, de Unións Agrarias, para anunciar a convocatoria dunha protesta conxunta o próximo día 6, ás 12 horas do mediodía, ante a sede do Consello Regulador.
“Agora estamos ante un problema urxente que precisa solucións urxentes da Consellería” -advirte Félix Porto-. “Este problema xa se vía vir desde o ano pasado e no último ano tivemos dúas reunións coa Consellería sobre esta situación, así como outros tres encontros co Consello Regulador. É certo que é un problema complicado de resolver, pero temos a vendima ás portas e agora hai que encamiñarse a buscar solucións urxentes. O Consello da Xunta do próximo luns é agora o mellor momento para tomalas”, valora Porto.
Desde as organizacións agrarias piden tamén que se aclare o volume de stocks da Ribeira Sacra, para coñecer a dimensión do problema e valorar as solucións no curto prazo.
Entre as medidas que se podían tomar figura a destilación de crise, se ben as organizacións agrarias recoñecen que non é atractiva para as adegas, “pois percibirían pouco máis dun euro por litro de viño, co cal, tendo en conta os custos da produción da Ribeira Sacra non é viable así, sería preciso que a Xunta buscase algún xeito de compensar ás adegas”, valora Isabel Vilalba.
Contexto
Os problemas de stocks na Ribeira Sacra iniciáronse coa Covid e fóronse agravando de ano en ano, polo contexto xeral de caída de consumo dos viños tintos. “Só no último ano, a caída de consumo de viños tintos da Ribeira Sacra foi dun 5%, en comparación co ano anterior”, sinala Isabel Vilalba.
Outras denominacións de tintos a nivel estatal e internacional atópanse tamén en situacións complicadas. Na Rioja, por exemplo, concedéronse apoios a 135 adegas e cooperativas para destilación de crise, cun pago de 0,86 euros por litro de viño destinado a destilación.
A medida da Rioja inclúe o compromiso de compra da uva da actual campaña a un prezo mínimo de 0,68 euros por Kg. de uva, que se entende que cubre a rendibilidade agraria daquela denominación. Ese compromiso de compra debe abarcar alomenos un 70% da uva mercada na campaña anterior.
Solucións estruturais
Máis alá do problema urxente co que se ven parte dos viticultores da Ribeira Sacra, as organizacións agrarias advirten do impacto de cara ás próximas campañas. “Se xa hai problemas de relevo xeneracional, con isto o futuro sería o abandono das viñas”, advirte Vilalba.
Na mesma liña se pronuncia Félix Porto: “Se este ano non se recolle a uva e se paga a prezos dignos, desaparecerán viticultores”.
De cara a próximos anos, o sector propón a creación dunha mesa técnica para abordar solucións estruturais. Desde as organizacións agrarias son partidarias de planificar a reestruturación de variedades cara a uva branca, así como valorar apoios á poda en verde, “que xa se podería ter aplicado nesta campaña”.
A Consellería do Medio Rural non se pronunciou polo de agora, pero espérase que anuncie medidas nos próximos días.
Tres adegas comezan hoxe a vendima na Ribeira Sacra, de xeito puntual