Anuncian que a vacinación contra a lingua azul en España será voluntaria e non haberá restricións aos movementos de animais

O Goberno de Estremadura, unha das comunidades máis afectadas pola enfermidade da lingua azul, anunciou, tras a reunión celebrada esta semana no marco da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria de España (Rasve), un cambio radical na estratexia nacional para combater esta enfermidade vírica que afecta o gando ovino e bovino, podendo chegar a ser mortal para os animais.

Segundo a versión filtrada polo goberno estremeño, o Ministerio de Agricultura e Pesca e as comunidades autónomas terían chegado a un acordo para que a vacinación contra o virus no gando pase de ser obrigatoria —como é agora— a voluntaria. Doutra banda, ambas as partes tamén terían pactado suprimir as restricións de mobilidade do gando vacún e ovino en todo o territorio español —fóra das Illas Canarias e Baleares—. Ata o de agora, estes animais tiñan que ser sometidos a numerosos trámites, como é o caso de probas PCR, para desprazarse pola península ibérica.

Porén, este acordo aínda non está sobre o papel; materializar a medida require dunha modificación profunda da actual regulación, reflectida na orde ministerial APA/1251/2020. E de momento non hai confirmación oficial por parte do Ministerio de Agricultura.

Desde o sector gandeiro consideran que, de materalizarse, sería unha medida positiva para reducir a carga burocrática. «Xa case todas as comunidades están afectadas e hai moitos serotipos diferentes, ou que está a xerar un trámite burocrático que impide os movementos de gando en España. Ademáis, para os animais que van a matadoiro debería suprimirse a obriga de vacinalo, xa que é absurdo», explica José Ramón González, representante de Unións Agrarias.

Con todo, ao mesmo tempo recoñece que facer voluntaria a vacinación contra a lingua azul, tamén incrementará o risco sanitario dunha maior propagación da enfermidade, coas consecuencias económicas que tería para o sector tanto de vacún de carne como de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información