Anuncian o proxecto dunha planta de péllets en Pedrafita que sería das maiores de España

Galintia Landcare produciría 60.000 toneladas anuais de péllets a partir de 120.000 toneladas de biomasa forestal procedente de cortas, podas e entresacas de piñeiro. A Xunta declarou o proxecto como Iniciativa Empresarial Prioritaria, aínda que fontes do sector dubidan da súa viabilidade técnica e económica

La maquinaria para la fabricación de péllets en la planta de Pedrafita está diseñada por la empresa italiana Uniconfort

A maquinaria para a fabricación dos péllets na planta de Pedrafita está deseñada pola empresa italiana Uniconfort

Galicia conta na actualidade con 5 fábricas de péllets, 3 situadas na provincia da Coruña e 2 en Ourense, cunha produción total anual de arredor de 50.000 toneladas, en plantas que traballan na actualidade a menos da metade de carga (sobre unha capacidade teórica total de 105.000 toneladas).

A pesar de que o uso de biomasa como fonte de enerxía entra dentro dos obxectivos de descarbonización da economía da UE, o consumo é limitado nestes momentos, salvo en picos de demanda como o vivido no 2022, de aí que sexa un sector estancado nos últimos anos, coa maioría de empresas traballando baixo mínimos e algunhas delas pasando serias dificultades.

Por iso, no sector chama a atención o anuncio da futura construción dunha nova planta en Pedrafita do Cebreiro, cunha capacidade de produción de 60.000 toneladas, máis que a produción total actual de Galicia, e que se situaría entre as máis grandes existentes ata o momento en España, onde se pecharon desde o ano 2020 18 fábricas de péllets, segundo o último informe da Asociación Española de Valorización Enerxética da Biomasa (Avebiom).

Fontes do sector coñecedoras da iniciativa de Pedrafita, a consulta de ‘Campo Galego’, dubidan da súa viabilidade técnica e económica. Falamos cos promotores do proxecto para coñecer os detalles da futurible planta de Pedrafita.

Galicia conta nestes momentos con 5 fábricas de péllets e unha produción anual de 50.000 toneladas

Esta nova fábrica está impulsada pola empresa Talentya Digital Global Solutions, que vén de asinar un acordo con Bioenergy Ibérica, unha compañía especializada na construción de proxectos de enerxías renovables con máis de 20 anos de experiencia no sector da biomasa e o biogás.

Desde 2020 pecháronse en España 18 fábricas de péllets e a produción está a concentrarse en plantas de grande capacidade

Bioenergy actuaría como socio industrial mediante un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) para os próximos 10 anos. O acordo implica unha inversión aparellada de 15 millóns de euros na infraestrutura enerxética, cunha potencia total instalada de 12 MW nunha planta de coxeneración asociada que garantirá o subministro enerxético, tanto térmico como eléctrico, necesario para o funcionamento da planta de produción de péllets.

A posta en marcha dunha planta de coxeneración esixe na actualidade acudir a unha poxa pública

Na actualidade, a posta en marcha dunha planta de coxeneración que verta electricidade á rede e que queira beneficiarse do réxime retributivo especial recollido no Real Decreto-ley 17/2019 require acudir a unha poxa pública para facerse cos 1.200 megawatios que o Ministerio de Transición Ecolóxica prevé adxudicar aínda que, neste caso, os promotores insisten en que non é necesario por tratarse dunha instalación de autoconsumo. 

Acordo coa CMVMC de Pedrafita

Segundo detallan os impulsores do proxecto Galintia Landcare, a instalación industrial para fabricación de péllets, así como a planta de coxeneración asociada a ela, ocuparían unha superficie de 7.000 metros cadrados e instalaríanse nunha parcela de 230.000 metros cadrados propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedrafita mediante unha concesión a 40 anos.

Os comuneiros cederían durante 40 anos unha superficie de 23 hectáreas de monte para a instalación da fábrica

Antonio V. Santos, CEO de Talentya, calcula que necesitarían unhas 120.000 toneladas ao ano de biomasa forestal para producir as 60.000 toneladas de péllets previstas e destaca os acordos alcanzados xa para o subministro de materia prima. “Temos xa comprometidas 40.000 toneladas anuais de biomasa con propietarios e xestores de montes”, indica.

A fábrica de péllets de Pedrafita non recollería directamente a biomasa nos montes da zona, senón que a súa intención é chegar a acordos con outras empresas forestais. “Opinamos que hai que facer as cousas cos que son expertos; queremos traballar coas comunidades de montes e as empresas de silvicultura e xestión forestal”, avanza.

Iniciativa Empresarial Prioritaria

A Xunta de Galicia declarou o pasado 25 de xaneiro, mediante acordo do Consello da Xunta, o proxecto de Galintia Landcare como Iniciativa Empresarial Prioritaria, o que implica a axilización de determinados trámites administrativos.

O expediente do Goberno galego destaca que se investirán 23 millóns de euros, aínda que Antonio eleva o investimento total a 30 millóns de euros. A empresa promotora abriu hai uns meses unha rolda de financiamento e está a negociar con entidades bancarias para tentar captar fondos.

O proxecto, que necesita 30 millóns de euros, foi presentado a unha convocatoria de fondos Next Generation e espera iniciar as obras a mediados do ano que vén

O proxecto foi presentado tamén a convocatorias de fondos Next Generation e os seus impulsores admiten que están “agardando a concesión dunha axuda relevante dependente da Administración autonómica”. O CEO de Talentya avanza a súa intención de “comezar a executar a obra a mediados de 2025” e calcula que “nun ano e medio ou dous anos estaría operativa a planta”.

Industria 4.0 con trazabilidade desde o monte aos fogares

Segundo o expediente valorado polo Consello da Xunta, o proxecto desenvolverase “baixo un modelo de Industria 4.0” que “utilizará tecnoloxías avanzadas, así como solucións de intelixencia artificial, big data e machine learning para mellorar a automatización, eficiencia, rastrexabilidade e calidade do produto final”.

O uso de intelixencia artificial faría máis eficiente o proceso produtivo desde o acopio de materia prima no monte até a comercialización final dos péllets

Ademais, indica o Goberno galego, “o proxecto promove un modelo de xestión forestal sostible fomentando a economía circular desde a recollida da materia prima nos espazos forestais ata o proceso de produción e comercialización do produto final”.

“Neste sentido –destaca a Xunta–, escolleuse a localización en Pedrafita pola gran superficie forestal da provincia de Lugo, que permite un subministro constante e próximo de materia prima para o proceso produtivo”.

“Non só imos comprar biomasa, senón que imos xestionar territorio”

Ademais dunha “análise rigorosa do territorio”, asegura Antonio, a elección de Pedrafita do Cebreiro ten tamén unha compoñente sentimental. “Eu crieime en Pedrafita porque nos anos 70 meu pai marchou desde Aragón para traballar en Exminesa”, explica.

A mina de Rubiais, na parroquia de Zanfoga, era por aquel entón a mina de blenda e galena (materiais dos que se extrae o zinc e o cobre) máis importante de Europa e contaba con máis de 300 empregados das comarcas dos Ancares e o Bierzo.

Malia o peche da mina nos anos 90, Antonio segue mantendo a súa relación coa zona. A súa muller é do municipio berciano de Corullón, ao que acode asiduamente, tanto que durante a pandemia refuxiouse no pobo para fuxir de Madrid.

Xestión forestal sostible

A montaña de Lugo dispón dunha importante superficie forestal onde abundan tanto bosques de frondosas caducifolias (carballos, bidueiros) como repoboacións de coníferas (piñeiro silvestre, fundamentalmente) realizadas tanto por particulares como por comunidades de montes.

“Para que o péllet sexa de boa calidade ten que ser fundamentalmente de piñeiro”, recoñece Antonio, que destaca que “na zona de Pedrafita e As Nogais hai moito piñeiral, e se tiras cara Lugo e Ponferrada aínda máis”.

Insiste en que a iniciativa de Galintia Landcare non consiste só na construción dunha fábrica de péllets, senón que se trata dun “proxecto de xestión forestal sostible”. “Non só imos mercar biomasa, senón que imos xestionar territorio”, afirma. Entre as distintas vertentes do proxecto inclúese tamén un “centro de interpretación en xestión forestal sostible” para impulsar boas prácticas forestais e un “laboratorio de biotecnoloxía” que investigue novos usos aos recursos xerados polos montes.

Reto demográfico

“O municipio de Pedrafita do Cebreiro tiña 2.500 habitantes no ano 1986. Hoxe son 909, cunha taxa vexetativa negativa e ingresos medios por debaixo da media de Galicia. Pensamos que era necesario facer algo que permitise dar un impulso socioeconómico ao territorio”, argumenta Antonio.

Queremos desenvolver un proxecto territorial nas comarcas dos Ancares, O Courel e o Bierzo occidental

Segundo os seus cálculos, a fábrica de péllets xeraría 40 postos de traballo directo durante a súa fase de construción e posteriormente, cando estea operativa, 50 empregos directos e 150 indirectos. “Imos crear emprego estable e de calidade para contribuír ao reto demográfico, colaborando para a activación e atracción de poboación á zona”, avanza.

Recoñece que é un proxecto “arriscado e complexo”, con tres vertentes fundamentais: industrial, xeración e difusión de coñecemento e innovación. Queda camiño por diante, pero conclúe: “avanzamos moito en pouco tempo a base de constancia e ilusión”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información