Anuncian a próxima convocatoria de axudas para a dixitalización das empresas do sector forestal galego

Anuncian a próxima convocatoria de axudas para a dixitalización das empresas do sector forestal galego

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, na xuntanza coa directiva de Lugomadera

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurou esta pasada semana a xornada de dixitalización da xestión das empresas do sector forestal organizada pola asociación LugoMadera. Alí, agradeceu o traballo da entidade e puxo de relevo a importancia da dixitalización, apuntando que “a súa transición é obrigada cara a unha necesaria eficiencia e automatización nos trámites administrativos” e, por iso, a Axencia ten prevista unha próxima convocatoria de axudas neste sentido.

No seu relatorio, o director lembrou que en Galicia se fai o aproveitamento de preto de 80.000 referencias catastrais cada ano, supoñendo preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira. Engadiu que a loxística no aproveitamento destas pequenas parcelas, a venda, transporte e facturación, así como os trámites de solicitudes administrativas previas, supoñen unha intensa xestión que os procesos de dixitalización poden resolver. Nesa liña, Jacobo Aboal afirmou que “a informática non pode ser un fin en si mesmo, debe ser unha ferramenta para ser máis eficientes e poder dedicar máis recursos e tempo na acción empresarial”.

Actualmente todas as solicitudes de aproveitamentos forestais en Galicia xa están dixitalizadas. Asemade, as poxas de madeira en montes xestionados pola Xunta son 100% electrónicas e, incluso, xa existen empresas forestais en Galicia consumindo os servizos web fornecidos pola Consellería do Medio Rural, de xeito que a presentación das solicitudes de corta de madeira ou das prórrogas son enviadas automaticamente polos propios programas informáticos, sen ser necesaria a acción humana.

Finalmente, avanzou que se está rematando a tramitación dunha orde bianualizada dirixida ao impulso de proxectos de ecoinnovación e dixitalización que axudará ás empresas do sector forestal de Galicia a realizar esta necesaria transición dixital.

Xuntanza de traballo

Ao longo da xornada, o director da Axencia aproveitou para ter unha xuntanza de traballo coa asociación LugoMadera, na que se repasaron as principais cuestións que preocupan aos socios de dita entidade, a cal aglutina máis de 270 empresas da primeira transformación da madeira.

Ambas partes acordaron traballar xuntos en asuntos como a difusión do desenvolvemento dixital de notificacións de aproveitamentos de madeira (Notifor), desenvolvida pola Asociación para dar un servizo de comunicación e xestión aos concellos de Galicia. Tamén se abordaron cuestións en materia de trazabilidade ou de prevención de riscos laborais nas empresas do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información