“Ante a mastite, a elección do material de cama é moito menos importante que o manexo que se faga del”

A mastite é a principal causa de uso de antibióticos nas granxas de leite. As camas poden ser un foco de infección pola cantidade de tempo que as vacas pasan nelas. Para reducir a enfermidade, é fundamental facer un control e aseo de camas e cubículos. Moito máis que o tipo de material que empreguemos. Foi a principal conclusión dunha ponencia da veterinaria belga Sofie Piepers

CAMA SARRIA

Sofie Piepers, licenciada en Veterinaria pola Universidade de Gante (Bélxica), foi unha das ponentes no congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE) celebrado en Valladolid. A tese doutoral de Piepers centrouse na mastite en xovencas e foi dirixida dende o Departamento de Reprodución, Obstetricia e Saúde do Rabaño da propia universidade.

Actualmente é directora xeral de MEX™, unha empresa derivada da Universidade de Gante especializada en de cursos de formación e ferramentas para facilitar o manexo da mastite a veterinarios e outros asesores leiteiros.

Na segunda das súas intervencións no congreso analizou a relación entre o material de cama, a contaminación bacteriana e a mastite. E fixo un repaso polas abondosas investigacións que hai sobre o tema. Como factores que interveñen nesa relación e poden modificar o nivel de risco citou os seguintes:

– Contido de humidade na cama

– Porcentaxe de materia seca

– Ventilación do cubículo

– Densidad de animais na corte

– Prácticas de xestión do material de cama

Diferentes modelos, diferentes materiais

A cama das vacas en explotacións leiteiras intensivas é un factor determinante na aparición ou ausencia das mastites. Cunha media dun mínimo de 9 horas deitadas, a exposición da ubre e o seu contacto directo co material da cama é moi elevada. Por eso, é crucial elexir adecuadamente o material que se vai empregar e manexalo co maior control posible.

O contacto da ubre coa superficie da cama é moi prolongado e pode ser foco de infeccións que acaban en mastites

E é que, dixo Piepers, “o material de cama constitúe un elemento central, aínda que con frecuencia subestimado, no control da mastite en explotacións leiteiras. Dende unha perspectiva científica, a relación entre material de cama e mastite demostrouse notablemente consistente en distintos países e sistemas de produción ao longo de décadas de investigación.”

Sofie Piepers durante unha das súas intervencións no congreso de ANEMBE

Sofie Piepers durante unha das súas intervencións no congreso de ANEMBE

Pero precisamente a diferencia de modelos produtivos, de climas, de razas de vacún, de tipo de instalacións, de sistemas de muxido…fan imposible que se poida determinar se un material de cama é máis axeitado ca outro en todos os casos.

Piepers preguntouse se existe un material de cama óptimo e de que xeito inflúe na saúde da ubre. “Ao seleccionar o material de cama, deben considerarse múltiples factores: o benestar e confort dos animais, a man de obra, a dispoñibilidade, o custe, a xestión de xurros e estercos, as implicacións para a saúde pública e, sobre todo, a sanidade da ubre.”

Dende os anos 70 do pasado século desenvolvéronse numerosas investigación que xeraron un corpus de literatura científica. Froito de todos eses estudos, xurdiron os 5 puntos implementados polo NIRD británico en 1969, que foi despois ampliado ao plan dos 10 puntos do NMC estadounidense.

“O coñecemento científico demostra reiteradamente que o material de cama ten unha influencia significativa na carga bacteriana, o que afecta ao risco de mastite. Nese sentido, hai que ter en conta a diferencia fundamental entre materiais de cama orgánicos e inorgánicos.”

O cambio de material de cama é relativamente frecuente nas granxas porque na súa eficacia inflúen numerosos factores

Pros e contras dos tipos de material

No caso dos materiais orgánicos, a veterinaria destacou o serrín, a palla e os sólidos de xurro e esterco reciclado (RMS, recycled manure solids). “Por norma xeral, favorecen un maior crecemento bacteriano que os materiais inorgánicos, como a area.”

Piepers citou diferentes estudos que amosan de forma consistente recontos máis elevados de bacterias Gram negativas, coliformes e Klebsiella spp. en materiais orgánicos. “Ensaios experimentais de incubación deixan clara a rapidez coa que as poboacións bacterianas poden multiplicarse no esterco reciclado e o serrín, en comparación coa area fresca.”

En cambio, a area correctamente manexada adoita ter recontos bacterianos máis baixos. Sobre todo polo seu contido de nutrientes limitado e mellores propiedades de drenaxe. “Hai que destacar que un aumento da carga bacteriana no material de cama asóciase cun maior risco de mastite.”

As camas con materiais inorgánicos soen ter cargas bacterianas máis baixas que as de materiais orgánicos

A ponente mencionou investigacións que demostraron unha relación positiva entre as unidades formadoras de colonias (UFC) por gramo de materia seca do material de cama e a incidencia da mastite clínica. Cunha afección especial en casos causados por patóxenos Gram negativos e Klebsiella spp.

Os traballos de limpeza deben centrarse tanto nas camas como nas ubres antes e despois de muxir

Os traballos de limpeza deben centrarse tanto nas camas como nas ubres antes e despois de muxir

Aínda que dita asociación, remarcou Piepers, non é absoluta. “A variabilidade entre explotacións é considerable, o que indica que o tipo de material de cama, por si só, non determina a aparición de mastite. Os sistemas de cama compostada e o uso de sólidos de esterco reciclado gañaron popularidade polas súas vantaxes en términos de benestar animal e sostenibilidade.”

Por outra banda, os recontos bacterianos nestes sistemas poden variar amplamente entre explotacións. “Factores como o contido de humidade, ventilación, densidade de animais, frecuencia de volteo e xestión xeral da cama desempeñan un papel determinante. A investigación destaca que o contido de materia seca é un factor crítico.”

Piepers sinalou tamén que os sólidos de esterco reciclado obtidos horas antes soen conter menos do 35 % de materia seca. E, en condicións reais de explotación, os niveis de humidade poden manterse elevados, favorecendo así a proliferación bacteriana.

“Procesos como a compostaxe, a biodixestión, o secado ou os tratamentos mecánicos poden reducir a carga bacteriana, aínda que a súa eficacia depende dunha implementación adecuada e unha xestión constante. As camas de area -consideradas estándar de referencia para saúde da ubre- tampouco están exentas de limitacións.”

No caso de empregar xurros e estercos reciclados, convén que non pase moito tempo entre o secado e a utilización como cama

E é que a distribución do tamaño de partícula inflúe tanto na drenaxe como no confort animal. Unha area demasiado fina reduce a capacidade de drenado. E partículas demasiado angulosas acaban provocando lesións nos pezóns ou na pel.

“Incluso os materiais inorgánicos requiren dunha correcta especificación e un axeitado mantemento. As investigacións sucesivas determinaron que a xestión da cama soe ser máis importante que o tipo de material empregado.”

A profesora Piepers defendeu que o manexo da cama é máis importante que o material empregado nela

A profesora Piepers defendeu que o manexo da cama é máis importante que o material empregado nela

Prácticas preventivas

Porque no risco de mastite ambiental non só inflúe a contaminación bacteriana do material de cama, senón tamén a transferencia de bacterias do material á pel do pezón. A preparación e desinfección dos pezóns antes de muxir axuda a reducir as bacterias na pel do pezón entre 1,5 e 2,0 log UFC, atenuando significativamente o impacto dos materiais contaminados. O termo “log UFC” refírese á escala logarítmica das Unidades Formadoras de Colonias (UFC) e que se utiliza para contar as bacterias, fungos ou levaduras presentes nunha mostra.

Piepers asegurou que “este feito demostra a interacción entre xestión do aloxamento e a hixiene do muxido. Os sólidos de xurro e esterco reciclado requiren especial atención. Diferentes procesos como a separación mediante prensa de tornillo, a biodixestión, a compostaxe, os compostadores de tambor e o secado mecánico ou por infrarroxos, inflúen na supervivencia bacteriana.”

Ningún dos materiais garante por si só a eliminación da presencia de bacterias na cama. Eso dependerá do manexo

Pero ningún dos sistemas elimina por completo as bacterias. E, no control da humidade, a reposición frecuente de material de cama, a ventilación adecuada e a redución de densidade de animais son aspectos clave para limitar a multiplicación bacteriana.

“As investigacións que comparan sistemas de reposición diaria de material con sistemas de leito profundo mostran diferencias substanciais nos recontos bacterianos ao longo do tempo. Eso reforza a importancia dunha xestión activa do material de cama. Tamén se investigaron os aditivos para materiais de cama como medio para controlar o crecemento bacteriano.”

Respecto dos aditivos ácidos, a cal hidratada e os produtos alcalinos axudan a reducir temporalmente o reconto bacteriano en materiais como a area, o esterco reciclado e o serrín. “Os estudos in vitro demostran efectos inhibidores sobre as bacterias, pero son efectos habitualmente de corta duración.”

Así, os aditivos deben considerarse medidas complementarias e non solucións independentes. En conxunto, os estudos coinciden na mensaxe clave: o material de cama pode expoñer os pezóns a cargas bacterianas elevadas; e os materiais orgánicos tenden a favorecer un maior crecemento bacteriano que os inorgánicos.

É fundamental hixienizar as ubres antes e despois do muxido porque os pezóns están sensibles cando van reposar

Mais Piepers lembrou que a mastite é unha doenza multifactorial. “O tipo de material de cama pode influír na distribución de patóxenos, pero a incidencia final da mastite depende da interacción entre a xestión do material de cama, a hixiene do muxido, a inmunidade das vacas, a densidade de animais e a xestión xeral do rabaño.”

Non hai ningún material de cama mellor ca os outros. Os resultados dependerán do tipo de explotación e do seu contexto

Non hai ningún material de cama mellor ca os outros. Os resultados dependerán do tipo de explotación e do seu contexto

Conclusións

Polo tanto, a evidencia científica confirma de forma consistente que o material de cama é un factor clave para a saúde da ubre. Os materiales orgánicos presentan cargas bacterianas máis altas, pero cunha xestión adecuada mitígase o risco.

Os materiais inorgánicos ofrecen vantaxes inherentes para limitar a proliferación bacteriana, pero requiren de selección e mantemento rigorosos. E unha xestión proactiva resulta máis determinante que a elección do material por si soa. Pero debe incluír control de humidade, reposición regular do material de cama, hixiene pre-muxido e atención ás condicións ambientais.

“Dende a perspectiva científica, o mellor material de cama non se define só polo tipo de material, senon pola eficacia coa que se xestiona como parte dunha estratexia integral de prevención da mastite.”

O debate sobre a eficacia de cada material vai seguir, pero hai consenso en que o manexo é o factor principal

En conclusión, Piepers afirmou que o material de cama desempeña un papel fundamental na epidemioloxía da mastite. Pero o debate sobre cal é o material máis adecuado vai continuar. “A evidencia científica é consistente: o tipo de material de cama inflúe na carga bacteriana e, por tanto, no risco de mastite.

Os materiais orgánicos soen favorecer o crecemento de bacterias Gram negativas e Klebsiella spp. en comparación con materiais inorgánicos. O cal por si só non determina a saúde da ubre. “Hai que prestar atención nos sistemas de sólidos de esterco reciclado, nos compostados e no uso de aditivos en los materiales de cama.”
  

Máis información sobre mastite no seguinte ENLACE:

A inmediatez no diagnóstico de mastite, clave para unha estratexia terapéutica eficiente

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información