A profesora Ángeles Cancela foi elixida nova directora da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, tras recibir o respaldo maioritario da Xunta de Escola, con 20 votos a favor, un en contra e un en branco. Cancela, que desempeñaba o cargo de subdirectora nos últimos dez anos, encabezaba unha candidatura de continuidade xunto a Juan Picos, anterior director agora subdirector, e José Manuel Casas, que se mantén como secretario académico.
Profesora na Universidade desde o ano 2000 e na escola desde fai case dúas décadas, Cancela destacou a importancia de continuar o traballo realizado ata agora, cun enfoque especial na captación de novo alumnado, que identifica como o principal desafío da escola. A pesar das dificultades, resaltou o compromiso de todo o persoal da escola, que colabora activamente en iniciativas de difusión e transferencia para promover a titulación.
A nova directora tamén puxo énfase na alta empregabilidade dos egresados da escola, resaltando a importancia crecente da titulación en contextos como a restauración da natureza promovida pola Unión Europea e a descarbonización da economía no marco do Pacto Verde Europeo. Ademais, afronta o reto dos incendios forestais exacerbados polo cambio climático, subliñando a necesidade de máis ciencia e formación neste ámbito.
Finalmente, Cancela expresou o seu desexo de continuar mellorando as instalacións da escola, aumentar as dotacións dos laboratorios e manter as liñas de colaboración con administracións, o sector empresarial e as comunidades de montes. A dirección busca que a escola manteña un papel visible e relevante no sector forestal en Galicia, reforzando así o seu compromiso coa excelencia académica e a vinculación coa comunidade.