Os animais da granxa de Anders acadan altas producións, cunha media de 13.250 litros de leite corrixido por lactación. Isto tradúcese nunha produción de 530 litros de leite por hora de traballo. Esta explotación foi visitada por un grupo de gandeiros galegos, da man da Agacal, co obxectivo de analizar a eficiencia na produción de leite.
Co traspaso da explotación, Anders Gamborg é a novena xeración familiar ao fronte desta granxa situada en Gastrupvej, na rexión de Rodding. O 1 de xaneiro de 2022 oficiouse a venda da granxa despois dun longo período baixo unha forte carga financeira. Varias inversións e a adquisición de novas terras, xunto cuns elevados tipos de intereses, foron o principal motivo para verse sometidos durante 15 anos nunha forte crise. Despois dunha inxección de 170.000 euros para aliviar as contas, foi posible realizar a transacción.
No 2022, con 31 anos, Anders comprou por máis de 10 millóns a granxa do seu pai
A compra da granxa por parte de Anders supuxo iniciar un novo proceso de inmersión nunha débeda financeira. O valor dunha explotación leiteira nesta rexión sitúase arredor dos 10 millóns de euros. Este é o principal motivo das grandes cargas financeiras a longo prazo. “Unha cousa boa da débeda é que faite ser bo gandeiro, senón vas a quebra. Hai que ser dos mellores para ser viable” comentaba sorrindo Anders.
Anders Gamborg, como titular da explotación, xunto con dous asalariados, entre os que esta o pai e antigo propietario, e o avó xestionan todo traballo diario. Este último participa no traballo coa recría ata que cumpre un ano de idade, nas mesmas instalacións que no 1939 construíu cando se fixo coa explotación do seu predecesor, e que recorda que por aquel momento lle custara 1200 euros construír.
Esta eficiencia laboral tradúcese en que cada hora de traballo supón unha produción de 530 litros de leite, unha media alta mesmo en Dinamarca, un país destacado neste aspecto.
Entre 3,2 persoas atenden diariamente 240 vacas adultas
Dende o 2008, cando se introduciron os robots para o muxido, pasaron de 90 vacas adultas e unha produción de 8600 quilos a 240 vacas cunha produción de 13.250. Un aumento de animais unido a un aumento da eficiencia. Actualmente as vacas lactantes divídense en dous lotes. Por unha banda hai un grupo con 2 robots e cubículos de colchón cunha mestura de palla e carbonato e por outra un lote cun box de muxido e cama quente de palla para o descanso dos animais.
A recría ata o destete permanece en boxes individuais e logo pasa por diferentes lotes até cumprir un ano de idade, momento no que pasan a un centro de recría externo. O lote de vacas secas permanece na antiga nave de produción con aceso a unha zona de cama quente de palla.
Cada robot atende 70 animais, cunha produción diaria de 2.821 litros
Entre os 3 robots actuais muxen preto de 220 vacas, algo máis de 70 animais por unidade. Os números avalan a eficiencia desta explotación, producindo no último ano 1.030.000 litros de leite por cada robot.
A pesar de ter unha elevada carga de animais por box de muxido non hai moitos retrasos. Realizan esta tarefa dúas veces ao dia, con 7 animais para achegar no momento da visita á explotación.
Anders destaca que “é fundamental para isto que os animais teñan boa mobilidade e boas patas pero tamén ter un bo balance enerxético entre o presebe e o concentrado subministrado durante o muxido. A cor do robot, xunto a que hai que pagar a débeda, tamén son factores importantes”, bromea acerca da marca destes e do endebedamento ao que se someteu coa compra da granxa.
Para conseguir animais con boa saúde de patas, realizan a podoloxía básica eles mesmos, pasando as vacas unha revisión antes de entrar ao lote de produción. Cada visita ao robot deixa unha produción de 15.6 litros cunha media de 2.6 muxiduras, chegando deste xeito aos 2.821 litros diarios por exemplar. O tempo en box é de 6:36 minutos.
Dende a xenética e o manexo, o balance da ración ou a disposición dos robots, todos os detalles contan para aumentar a produción e a eficiencia. Explica Anders que “utilizamos unhas pezoneiras coas que conseguimos ata medio litro mais, en contraposición témolas que cambiar cada 2.500 muxidos”.
Os plans de futuro de Anders pasan por aumentar a cabana gandeira e introducir un novo robot. Debido a isto unicamente insemina ao 20% das vacas con peores índices con seme sexado de carne co obxectivo de aumentar con recría propia. A inseminación das vacas comeza aos 40 días. Explica este novo gandeiro que “para conseguir unha alta produción preferimos aproveitar os picos de produción e non ter vacas producindo moito tempo, pasado ese momento de máxima produción. Inseminamos tamén as vacas de descarte para que non causen problemas cando están en celo”.
A distribución da ración e o encamado faise mediante vagóns suspendidos en raís
Para lograr a máxima eficiencia da man de obra na explotación de Anders Gamborg, moitos aspectos están automatizados. Comezando polo muxido con 3 robots e seguindo pola alimentación e o encamado. A explotación conta cun sistema de raís polos que se move un vagón de distribución da ración. Este sistema está formado por un carro mesturador estático que deposita unha pequena cantidade de alimento, que logo é distribuído. Á súa vez os comedeiros, estreitos, non requiren da tarefa de arrimar a ración varias veces ao día. O mesmo sistema de raís, polos que circula outro tipo de vagón, aproveitase para o encamado tanto das áreas de cubículos como das zonas de cama quente de palla.
A ración componse de 27.9 quilos de materia seca, dos que 11,6 son de millo en silo e gran húmido
A ración diaria para as vacas en lactación consta duns 27,9 quilos de materia seca por animal e día. Estes compóñense de 1,2 quilos de cebada, 0,2 quilos de glute de millo do 60%, 2,4 quilos de colza co 4% de graxa e 1,7 da mesma pero con un 10.5 %, 0,9 quilos de soia non OGM, 5,1 quilos de silo de herba e 11,6 de silo de millo e minerais, como 0,22 quilos de carbonato cálcico, 0,11 de sal, 0,22 de bicarbonato, 0,22 de graxa vexetal e 0,20 de corrector.
A esta mestura subministrada en pesebre hai que sumar 3,7 quilos de materia seca de penso que aporta o robot de media por vaca. A mestura realizase unha única vez ó día, polo que nos meses de máis calor precisan engadir aditivos para controlar a fermentación e evitar o quecemento da ración.
No caso das vacas secas, a mestura está composta por 11,1 quilos de materia seca. Nesta ración destaca o silo de millo con 6,9 quilos. Para estes animais utilizase a parte superior da pila, xa que está formada por toda a planta e non conten pastone. Para completar a alimentación engádense 1,1 quilos de colza co 4% de graxa, 1,1 de soia e 1,8 quilos de palla e 0,18 de corrector.
Das 200 hectáreas, 120 producen de forraxes para o gando e as 80 restantes cereais
No relativo á parte agrícola, esta explotación traballa 202 hectáreas, onde cultivan millo en rotación con herba. A maiores, tamén traballan cereais como a colza para extracción de aceite e da que logo compran o subproduto ou trigo e cebada para a venda de gran e aproveitamento da palla para o encamado.
Esta superficie divídese en 120 hectáreas para a alimentación do gando e as 80 restantes para o cultivo de cereais. Coa incorporación de Anders á explotación e con vistas a un aumento no futuro, a base territorial ampliouse o ano pasado en 40 hectáreas. Anders recorda que “no pasado para a xestión dos xurros fomentábase ter moita base territorial, así é que meu pai chegou a pagar a hectárea por encima de 40.000 euros pois había moita demanda de terreo. Actualmente, o prezo é menos da metade, xa que coas plantas de biogas non é necesaria tanta superficie para cumprir a normativa”.
O millo ten un especial peso na alimentación, polo que é un cultivo ao que dedican especial atención.
“Logramos boas producións, cunha media de 50 toneladas cando recollemos a planta enteira e 20 no caso do pastone. As fincas de mais lonxe, que están a uns 8 quilómetros, aproveitamos a espiga, mentres que as de máis preto, que están nun radio de 2 quilómetros, picamos a planta enteira. Deste xeito logramos reducir o custe do transporte. Ensílase todo nunha mesma pila, vamos alternando finas capas de silo con outras de pastone”.
Para o ensilado da herba tamén se utiliza unha única pila para varios cortes, cunha media dun 13% de proteína en todo o silo.
Nunha importante parte das terras realizan regadío no verán. Nestas 140 hectáreas hai distribuídos varios pozos cos que regan os cultivos con un canón. A través dunha aplicación instalada no teléfono, Anders programa o rego e cando este termina recibe unha notificación para mover o canón. En calquera finca que dispoña de auga subterránea pode realizarse o regadío e non se require un sistema de canles, como noutros lugares.
Debido ás dificultades para encontrar man de obra estable da maior parte dos traballos agrícolas encárganse a empresas externas. Nalgún tempo realizaban con medios propios a maior parte deste traballo pero agora prefiren centrarse no traballo diario da explotación. Unicamente se encarga o propio Anders de distribuír o xurro polas fincas e doutras pequenas labores agrícolas. Dende o laboreo até a recolección dos forraxes son contratados agora.
Anders envía 400 m³ cada mes para unha planta de biogas
Para a xestión do xurro, Anders ten un contrato cunha empresa enerxética sueca. Todo o esterco, tanto líquido coma sólido, xerado na explotación vai a planta de biogas. “O xurro que volve da planta creo que ten menos valor porque alí mesturase o de todas as explotacións. O exercicio 2023 supuxo un retorno de 0.6 céntimos por litro de leite. Cada mes entregamos aproximadamente 400 m³ entre xurro e esterco. Non é un retorno moi alto e tampouco varía excesivamente en función do valor de mercado do gas. Temos un contrato con esta empresa, pero para o futuro valoraremos outras opcións que permitan obter un maior retorno, como por exemplo entrar de socios nalgunha cooperativa que hai pola zona”.
Anders está cursando os estudos requiridos para ser titular da explotación. Son un total de 3 anos, dos que xa leva a metade. Están impartidos por varias empresas autorizadas e son financiados con fondos estatais. Para combinar a formación co traballo na granxa hai distintas modalidades, para que cada gandeiro opte pola máis convinte.
Cada hora de traballo supón un ingreso de 84.2 euros
Como a maior parte das explotacións en Dinamarca, Anders somete os resultados económicos e de produción a un profundo análise por parte de empresas asesoras. Os resultados mostran os puntos fortes e débiles da explotación. Un aspecto a destacar é a gran eficiencia en man de obra pois cada hora de traballo supón un retorno de 84.2 €, moi por encima da media da European Dairy Farmers (EDF), fixado en 50.9 €/h.
Sen embargo, o total de retorno por 100 quilos de leite corrixido sitúase en 53.1€ fronte aos 67.3€ do mesmo grupo. A favor de Anders están os custos totais, 43€ por cara 100 quilos de leite corrixido, 14.5 por debaixo da media.
No ano 2022, Anders Gamborg fíxose cargo da explotación do seu proxenitor, Kurt. O seu traspaso está regulado en países como Dinamarca, onde isto supón unha transacción económica de por medio. A compra dunha explotación inclúe as instalacións, maquinaria ou animais, pero o que máis encarece son as terras. A compra dunha explotación adoita estar por encima dos 10 millóns de euros e para isto requírese un forte endebedamento. No caso de Anders a financiación dividiuse en tres partes.
Por unha parte está un préstamo bancario, en segundo lugar Kurt utilizou unha parte dos ingresos pola venda da explotación para financiar a Anders, préstamo que terá que ir abonando igualmente pero sen os intereses dunha entidade financeira. En terceiro lugar, está a financiación mediante bonos. Isto consiste nun endebedamento mediante empresas que compran bonos sobre unha parte do valor da granxa. Dependendo dos casos, pode chegar a un 70% do valor total da transacción.