“As analíticas de leite do Ligal son válidas, trazables e verificables polas partes”

O director do Laboratorio, Roberto Lorenzana, lembra que as análises do Ligal están sometidas periodicamente ós controis dun terceiro, a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), "o que implica que a exactitude dos resultados das nosas analíticas están avaliados por un terceiro independente"

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo

O director-xerente do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), Roberto Lorenzana, defende a solvencia do laboratorio de referencia galego e a calidade analítica dos resultados obtidos a partir das mostras de leite tomadas nas explotacións ante as dúbidas sementadas por Agromuralla, que asegura ter enviado mostras de contraste a un laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, logo de ter recibido queixas dos gandeiros polas análises do LIGAL, atopando discrepancias importantes nos resultados obtidos.

A cuestión a aclarar é a que se poden deber as diferenzas nos resultados obtidos nos laboratorios oficiais de referencia das distintas comunidades, a partir de mostras de leite do mesmo tanque. Se hai diferenzas relevantes, como asegura Agromuralla, ou houbo erros nun laboratorio ou noutro.

Os nosos resultados son válidos, trazables e verificables polas partes

Lorenzana destaca o carácter punteiro do laboratorio galego. “O LIGAL é un reflexo da situación estrutural do noso potente sector lácteo, sendo o laboratorio interprofesional de maior dimensión de España, o máis automatizado e co maior volume de mostras e obtención de determinacións paramétricas do Estado, sendo un punto fundamental no control da trazabilidade e seguridade alimentaria do leite producido en Galicia”, indica.

“O obxectivo principal do LIGAL é a determinación dos parámetros analíticos de pago por calidade cumprindo a lexislación vixente e as normas de referencia, así como dos procedementos internos de calidade do laboratorio, conducintes á emisión de resultados válidos, trazables e verificables polas partes. A lexislación e a normativa de aplicación especifican os requisitos técnicos que garanten a fiabilidade dos resultados, tanto nas directrices para a toma e transporte de mostras como as relativas ás técnicas de análise”, asegura o seu director-xerente.

As directrices para a toma e transporte das mostras, así como as relativas ás técnicas de análise garanten a fiabilidade dos resultados

“O LIGAL ten un carácter multiservizo con múltiples actividades, aínda que a principal é a análise de mostras para o establecemento do sistema de pago por calidade do leite cru. Complementariamente realízanse determinacións para o Control Leiteiro sobre vaca individual, a sanidade animal, os alimentos do gando, os queixos e outros produtos lácteos; ou a certificación de produto e a I+D+i”, detalla.

Colabora ademais estreitamente coa Administración e “está caracterizado polas fortes esixencias de calidade sobre os ensaios, tanto internas como externas, que se reflicten na aposta clara e decidida pola máxima calidade nos procedementos analíticos”, defende.

Calibración dos equipos

Neste sentido, o LIGAL dispón de máis de 60 ensaios acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), entre os que están incluídos todos os parámetros para o sistema do pago por calidade: materia graxa, materia proteica, extracto seco magro, punto crioscópico, recontos bacteriolóxico e de células somáticas e a detección de inhibidores do crecemento bacteriano, salienta Lorenzana.

“A acreditación implica a garantía de control, trazabilidade e aseguramento dos procesos de análise implementados no laboratorio, baixo a Norma UNE-EN ISO/IEC 17025: 2005. Esta acreditación implica a revisión dos ensaios do LIGAL por ENAC, polo que a nosa actividade é avaliada regularmente por terceiros e a validez dos resultados das mostras é outorgada por expertos independentes e imparciais”, asegura.

A validez dos resultados das mostras é outorgada por expertos independentes e imparciais

Esta acreditación esixe, entre outros requirimentos, a adquisición de materiais de referencia certificados e a participación en ensaios de intercomparación con outros laboratorios que realizan a mesma actividade baixo normas de referencia, tanto nacionais coma internacionais, co obxectivo da harmonización e verificación dos procedementos laboratoriais de análise.

O LIGAL participa en ensaios de intercomparación con outros laboratorios que realizan a mesma actividade, tanto nacionais coma internacionais, co obxectivo da harmonización e verificación dos procedementos

“No LIGAL os equipos calíbranse segundo mostras patrón internas e externas, están controlados en tempo real e contan cun sistema de alerta ante posibles desviacións. Cando isto ocorre as mostras pásanse novamente por outro equipo, recalibrando ou actuando o persoal de mantemento sobre a incidencia detectada. Na rutina de análise cada 100 mostras ou tras reinicio por unha parada técnica, inclúese unha mostra patrón. Os resultados analíticos están suxeitos a un control estatístico adicional sobre a poboación de referencia de cada produtor”, explica o seu director-xerente.

O director do LIgal lembra tamén os cambios estacionais nos parámetros do leite, que poden xerar dúbidas nas granxas: “Cómpre indicar que determinados parámetros de calidade, como por exemplo a materia graxa e proteica ou o punto crioscópico, están suxeitos a variacións estacionais que non son exclusivas da nosa comunidade, senón que se replican noutras rexións e zonas produtoras”, xustifica o responsable do LIGAL.

“Ante a dúbida sobre os resultados emitidos, os gandeiros poden solicitar a actuación do servizo de inspección para a toma directa de mostra na explotación”

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha asociación sen ánimo de lucro creada en xuño de 1989. No LIGAL están representados paritariamente os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia -formando parte as organizacións profesionais agrarias Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e Unións Agrarias de Galicia; a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL). Foi declarada de utilidade pública pola Orde INT/2091/2003 de 26 de xuño.

“O LIGAL tense mostrado ao longo da súa lonxeva traxectoria como un espazo transparente de convivencia entre as partes, nas que se debaten diferentes propostas a prol do beneficio do sector lácteo galego no seu conxunto, nun clima construtivo e de respecto e acaído tanto coa lexislación de referencia coma na salvagarda da máxima calidade nos procesos de análise e emisión de resultados aos clientes”, defende o seu director-xerente.

O LIGAL non participa nos contratos de compra e pago do leite, limítase á emisión de resultados analíticos en base á normativa

No sistema de pago por calidade, os diferentes parámetros están suxeitos a primas/descontos sobre o prezo base pagado polos operadores, segundo umbrais reflectidos nos contratos entre as partes e que non teñen por qué ser coincidentes entre as diferentes empresas, tanto no relativo aos umbrais como ao período temporal de referencia para a súa aplicación, aclaran desde o LIGAL, que lembra que non participa nos contratos entre industrias e gandeiros. “A contractualización é exclusiva das partes: operador e produtor, limitándose este Laboratorio á emisión de resultados en base á normativa de referencia cun sistema acreditado de análise”, defende Roberto Lorenzana.

“Os clientes para pago por calidade, ante a dúbida sobre os resultados emitidos, poden solicitar a actuación do servizo de inspección para a toma directa de mostra na explotación, cuxo resultado se contrastará coa poboación de referencia. Os resultados mensuais e a media anual móbil dos parámetros de calidade global son publicados periodicamente na páxina web, sendo o único laboratorio que nun exercicio de transparencia os ten dispoñibles”, aclara.

Una idea sobre ““As analíticas de leite do Ligal son válidas, trazables e verificables polas partes”

  1. Roberto

    Sinto que este home está tan relajado nas suas vacacions que non mide o que si.
    Igual non se da conta que no laboratorio que se mandaron as mostrás está igual de auditado que o Ligal, e as diferencias son mui grandes.
    Sacaronse mostras xuntas, na misma toma, mitad para o Ligal, e mitad para o outro laboratorio, e dan resultados tan diferentes. Creo que hai gato encerrado, pero a ser malo de facelo salir de detrás da cocina de ferro….

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información