O alcalde de Zas, Manuel Muíño, participou nunha rolda de prensa para falar sobre as xestións que se están levando a cabo con respecto á proposta de declarar o municipio de Zas como Zona Vulnerable á Contaminación por Nitratos (ZVN).
“Antes de nada, queremos que quede claro o compromiso do noso Goberno co medio ambiente e unha mostra diso é o bo estado de conservación no que se atopan os nosos ríos”, sinalou o alcalde.
O Concello de Zas encargou un estudo recente que arroxa valores de nitratos na auga de 7,13 mg/l e 8,15 mg/l, moi por debaixo dos 25 mg/l que marca o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como criterio para a declaración de ZVN. Con base nestes datos, o rexedor asegurou que esgotará todas as vías para reverter a proposta.
O alcalde reiterou a súa perplexidade ante a proposta: “Estupor, sorpresa e por que a nós, iso é o que nos preguntamos desde o momento en que coñecemos a proposta de declarar a Zas como Zona Vulnerable a Nitratos”, sinalou Manuel Muíño.
Xestións realizadas polo Concello
- Reunión co sector agro-gandeiro: O pasado 1 de marzo, Muíño reuniuse cos representantes do sector agro-gandeiro, ao que definiu como “primordial para o municipio, polo que os defenderemos ata o final”.
- Xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente: O 5 de marzo, reuniuse coa Delegada Territorial na Coruña, Belén Docampo, e o Director Xeral de Gandeiría, José Balseiros. Segundo Muíño, dende a Xunta afirmaron que a declaración de ZVN é de momento só unha proposta.
- Viaxe a Madrid: O vindeiro martes, o alcalde viaxará a Madrid para solicitar información ao Ministerio sobre os criterios e datos empregados para incluír a Zas na proposta de zonas vulnerables. Irá acompañado polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
- Nova xuntanza co sector agro-gandeiro: O sábado 15 de marzo celebrarase unha nova reunión para compartir os resultados obtidos da análise das augas e informar sobre as accións emprendidas para revocar esta proposta.
- Máis estudos sobre os niveis de nitratos: O Concello encargará novas análises nas próximas semanas para confirmar os niveis de nitratos en auga.
- Coordinación con outros concellos: Muíño está en contacto con outros alcaldes da provincia da Coruña incluídos na proposta de ZVN para buscar solucións conxuntas.