Amplo programa formativo sobre agrogandería rexenerativa para asesores e produtores de Galicia e Cataluña

A Fundación Juana de Vega e a empresa Agroassessor imparten un programa formativo conxunto sobre agrogandería rexenerativa para asesores e produtores de Galicia e Cataluña

VACAS_PASTOREO_PASTO_A_ESTRADA_apaisadaEntre marzo de 2025 e xuño de 2026, a Fundación Juana de Vega (A Coruña, Galicia) e a empresa Agroassessor (Girona, Cataluña) promoverán, de forma paralela, nas dúas comunidades autónomas o programa formativo “Xornadas e seminarios técnicos para o impulso da agricultura rexenerativa e sostible”. A iniciativa está financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación de España con 104.823,6€ e con cargo ás axudas para “Intercambio de conocimientos y actividades de formación e información de ámbito supraautonómico, destinadas al sector agroalimentario y forestal”, convocadas por primeira vez este ano. De feito, a memoria codeseñada pola Fundación Juana de Vega recibiu a segunda mellor puntuación na valoración técnica na súa área temática.

Durante este ano e medio, ambas entidades poñerán o foco do debate na necesidade dun cambio de modelo de produción desde a base, pero nesta ocasión, dirixindo a formación especificamente a técnicos, asesores e produtores agrarios.

Ao longo de 12 sesións estruturadas en 4 xornadas técnicas, 1 seminario suprautonómico en Girona, 2 seminarios técnicos e 5 xornadas técnicas sectoriais (sobre horta, viñedo, froiteiras, leite e carne) falarase sobre a importancia tanto a nivel global como local do solo, da auga e da biodiversidade, dos problemas que padecen, do seu coidado e reconstitución. Tanto para a preservación de contornas naturais e humanizadas, como para a creación de sistemas de produción agrícola e gandeira respectuosos e de alto rendemento ou como ferramenta fundamental para secuestro de carbono e remisión do cambio climático.

Todas as xornadas, que se impartirán por duplicado en Galicia e Cataluña nas mesmas datas, son independentes e complementarias entre si. Desta maneira, os técnicos, asesores ou produtores poderán seguir o programa completo ou só aquelas sesións nas que estean interesados en función das súas necesidades, tipoloxía dos seus proxectos produtivos ou do seu propio itinerario formativo.

Primeiras dúas xornadas técnicas

A inscrición nas dúas primeiras xornadas técnicas xa está aberto na web da Fundación Juana de Vega con só 15 prazas para cada unha. O venres 21 (11:00 a 13:00h) a experta Ana Digón, fundadora da Asociación de Agricultura Regenerativa, impartirá a sesión online “Traxectoria, situación actual e futuro da agroganadería rexenerativa en Iberia e en Europa”.

A semana seguinte, terá lugar a sesión dobre “As bases do modelo de produción sostible de alimentos e o seu futuro”. O asesor da empresa Ágora Regenerativa, Roger Rabés, será o encargado de introducir a parte teórica nunha sesión online o martes 25 de 10:00 a 14:00h.

O venres 28 (15:00 a 18:00h), os asistentes coñecerán de primeira man a explotación familiar Casa do Carril (Lalín, Pontevedra) da man do seu propietario, José Lorenzo. A visita permitiralle achegarse en persoa á experiencia dunha granxa que hai dez anos cambiou unha explotación convencional a piques de pechar por unha produción rendible, reducindo custos e mellorando a produtividade mediante a xestión eficiente dos recursos naturais. “A día de hoxe, representa o mellor exemplo en gandería rexenerativa de leite 100% a pasto da Península”, sinalan os organizadores.

Prescriptores e líderes

A través deste programa de formación especializada para os profesionais técnicos do agro, tanto a Fundación Juana de Vega como Agroassesor queren colaborar no cambio de modelo produtivo cara a prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas e resilientes que beneficien tanto ás persoas como ao medio. De feito, un dos principais focos é que nestes meses coñezan as principais prácticas e ferramentas do enfoque rexenerativo para implementar sistemas de produción economicamente viables.

Así mesmo, tamén serán capaces, por unha parte, de deseñar procesos e espazos produtivos con enfoque rexenerativo, tanto desde cero, como na transición desde modelos convencionais a modelos máis respectuosos coa contorna. Pola outra, deseñar follas de ruta adaptadas a cada proxecto para minimizar o uso de insumos externos e mellorar a fertilidade do chan, a xestión dos recursos hídricos e da biodiversidade das parcelas.

Esta será a terceira acción formativa organizada pola Fundación Juana de Vega para apoiar a produción agrogandeira sostible. En febreiro de 2024 celebrou na Coruña as I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa e en outubro dese mesmo ano, un curso tres días co experto da agricultura orgánica, o colombiano Jairo Restrepo.

XORNADA GANDERIA REXENERATIVA es JUANA DE VEGA 25

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información