No mes de maio celébrase o Día Mundial da Abella e a EGA Escola Galega de Apicultura de Allariz, proxecto formativo no que participan a Asociación Galega de Apicultura, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, ofrecerá durante todo o mes varias actividades que xirarán en torno á importancia das abellas e as posibilidades da actividade apícola: un curso básico de apicultura, unha xornada sobre apicultura e fruticultura e un evento dirixido a escolares e público familiar para celebrar o Día da Abella, o 20 de maio no Festival Internacional de Xardíns de Allariz.
Comezará o mes cun curso básico de apicultura, os días 4 e 5 de maio, unha formación teórico-práctica dirixida a persoas que queiran iniciarse no interesante mundo das abellas ou que xa teñan colmeas pero queiran continuar aprendendo, algo moi necesario ante os cambios ós que se enfronta a apicultura nos últimos tempos, como o cambio climático ou a chegada da Vespa velutina.
A segunda das actividades programadas será unha xornada sobre apicultura e fruticultura o día 11 de maio. Este curso vai dirixido principalmente a promover as explotacións mixtas entre dúas actividades moi ligadas entre sí, pois hai froitas que dependen directamente da polinización das abellas e a apicultura tamén se beneficia especialmente de determinadas flores que aportan alimento para as abellas en cantidade e calidade. Na xornada, explicarase a importancia da diversificación na apicultura, o potencial apícola que hai nos montes e tamén participarán expertos técnicos na produción e comercialización de diferentes tipos de froita, como a mazá e a castaña.
Para rematar o mes, o 20 de maio celebrarase o Día Mundial da Abella, con actividades dirixidas a escolares e público familiar e que terán como obxectivo sensibilizar sobre a importancia das abellas e do resto de insectos polinizadores, fundamentais para garantir o mantemento da biodiversidade. A celebración terá lugar no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, onde a través de obradoiros, xogos e dinámicas, as crianzas e familias descubrirán o mundo das abellas e dos seus beneficiosos produtos.
Máis información e inscricións na web www.apiculturagalega.es, por email info@apiculturagalega.es ou teléfono 981 508 142.