Amplíase até o 30 de setembro a posibilidade de enviar os xatos ao matadoiro sen vacinar

A Xunta publica na Oficina Virtual de Gandería (OVGAN) a flexibilización até final de mes de movementos dentro de Galicia para animais non vacinados da lingua azul

ganderia Rubio Martinez SC (Lancara)

A Consellería do Medio Rural prorroga até final de mes a flexibilización no movemento do gando non vacinado contra a lingua azul, incluída a posibilidade de enviar os xatos ao matadoiro.

Esta ampliación momentánea permite ás explotacións dar saída ao gando que cumpre os 10 meses de idade sen perder o selo de Ternera Gallega Suprema, xa que a vacinación obrigaría a pasar un período de 21 días entre doses.

Ao mesmo tempo, a Xunta anuncia de que esta posibilidade non se vai ampliar máis, de modo que está a avisar aos gandeiros que pretendan mandar animais despois do 30 de setembro para que inicien o seu procedemento de vacinación.

O prezo da vacina contra a lingua azul é duns 40€ e debe ser administrada por un veterinario

Segundo unha nota informativa publicada este martes na Oficina Virtual de Gandaría (OVGAN), “debido á incidencia da EHE en gran parte do territorio da comunidade autónoma, que dificulta a aplicación da vacinación fronte á lingua azul, tomouse a decisión de ampliar excepcionalmente e sen posibilidade dunha nova ampliación, o período de flexibilización nos movementos de animais non vacinados dentro de Galicia ata o 30 de setembro, que continuarán nos termos aplicados ata o pasado 8 de setembro.

Requisitos para o movemento de bovinos e ovinos non vacinados:

  • En ningún caso se moverán animais con síntomas de lingua azul ou de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Os animais deberán moverse en vehículos desinsectados e se se detectan síntomas nos animais debe ser comunicado de inmediato aos servizos veterinarios oficiais.
  • Para movementos a matadoiros galegos, desde calquera explotación de Galicia, directamente ou con paso por mercado ou operador comercial: vehículo e animal desinsectados. Documentación: DAS (non en movementos con paso por mercado), autoguía ou guía regular+desinsectación vehículo+desinsectación animal.

Segundo a orixe, deberanse atender condicións diferentes:

  • A Coruña e Lugo (agás comarcas de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga): movementos para vida: vehículo e animal desinsectado. Documentación: DAS (non en movementos con paso por mercado), autoguía ou guía regular+desinsectación vehículo+desinsectación animal.
  • Ourense, Pontevedra e comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga: movementos para vida: explotación e animais vacinados (agás <4 meses fillos nais vacinadas). Documentación: guía regular ou autoguía+desinsectación vehículo.

Os animais de menos de 4 meses fillos de vacas vacinadas poderán seguir saíndo de Galicia sen estaren vacinados

Para movementos fóra de Galicia, tanto vida como matadoiro:

  • Vehículo desinsectado, explotación e animais vacinados (agás animais de menos de 4 meses fillos de nais vacinadas).
  • Documentación: guía regular+anexo de vacinación+desinsectación vehículo.

“A significativa taxa de efectos secundarios no gando afectado por EHE dificulta a aplicación da vacina obrigatoria da lingua azul”

Ante a decisión da Consellería do Medio Rural de estender a autorización para deixar saír os animais das granxas sen a pauta de vacinación completa, o Sindicato Labrego Galego “pospón” a concentración convocada para este mércores día 11 en Ourense.

Con todo, o Sindicato Labrego solicita a activación das seguintes medidas e advirte de que, “de non ser atendidas nas vindeiras semanas”, activarán de novo o calendario de mobilizacións iniciado o pasado 14 de agosto.

  • Medidas de apoio concretas ante as perdas da EHE (gastos veterinarios, mortes, abortos, diferentes tipos de perdas)
  • Incremento das insuficientes contías das indemnizacións por mortes
  • Financiamento da vacina por EHE, que debe seguir sendo voluntaria
  • Protocolo claro de vacinación: non vacinación de rabaños coa enfermidade activa; prazos entre a vacinación de lingua azul e da hemorráxica; estudo da viabilidade real da vacina da lingua azul considerando a clínica desta enfermidade e as perdas e efectos secundarios da vacinación; pautas de vacinación tendo en conta o calendario dos vectores de transmisión e o prazo para que a inmunización sexa efectiva, etc.
  • Garantir a saída de animais das granxas, tendo en conta a imposibilidade de granxas para ter a pauta de vacinación completa de lingua azul (demoras na atención do persoal veterinario da Xunta, situación de enfermidade, etc).
  • Dotación de persoal veterinario e medios suficientes nas Oficinas Agrarias Comarcais para sacar as mostras, rexistrar e facer seguimento de todos os casos de EHE e dos efectos da vacinación.

Impacto económico da EHE nas granxas

O SLG insiste na urxencia de adoptar medidas de apoio fronte a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e reitera a solicitude de medidas específicas para paliar os impactos económicos nas granxas.

Ademais, argumenta o SLG, “a alta incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e a significativa taxa de efectos secundarios no gando afectado dificultan a aplicación da vacina obrigatoria de lingua azul en bovinos e ovinos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información