Amplíase ata o 27 de marzo o prazo para solicitar plans de mellora, axudas de incorporación e pequenas explotacións

Amplíase ata o 27 de marzo o prazo para solicitar plans de mellora, axudas de incorporación e pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Deste xeito, os interesados teñen ata o vindeiro 27 de marzo para presentar as solicitudes para estas achegas, que contan cun orzamento de 38,8 millóns de euros.

A repartición do orzamento total de 38,8 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Así, no conxunto, o orzamento desta orde de axudas increméntase nun 3,5% con respecto ao da convocatoria anterior. Ademais, ao igual que na pasada convocatoria, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

Actividades subvencionables

No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

Ademais, os beneficiarios desta liña -correspondente á creación de empresas para as persoas agricultoras mozas- estarán exentos da achega de garantías. Deste xeito, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria non terán que presentar unha garantía do 100% do importe a aboar no pagamento a conta nin verse sometidos a controis a posteriori, quedando só obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial e o control de permanencia de 5 anos. Así, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación. Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos e ter concedida unha axuda para incorporación de mozos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.

Enlace á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información