Amplíanse un mes máis a medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

Amplíanse un mes máis a medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural prorrogará un mes máis as medidas de prevención da enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) que afecta ao gando bovino. Así, esta decisión producirá os seus efectos dende o 2 ata o 31 de marzo, ambos incluídos, podéndose ampliar en función da evolución epidemiolóxica da doenza.

A análise do risco sanitario existente, que se realiza de xeito permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo de agora as medidas cautelares establecidas en Galicia, coa finalidade de continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina da nosa comunidade.

Así, seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas. Iso si, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados.

Continuará estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.

Cómpre lembrar que os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural permanecerán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Peticións ao Ministerio

Medio Rural reclama que o Ministerio de Agricultura lidere na Unión Europea a busca dunha vacina marcada que poida usarse con carácter preventivo e que cambie a categoría da enfermidade -actualmente cualificada como A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector gandeiro. Así mesmo, tamén se ten solicitado a súa inclusión nos seguros agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información