Ampliado o prazo e o orzamento das axudas da Xunta para transformación e comercialización de produtos agrarios

Medio Rural eleva ata os case 41,6 m€ o orzamento total da convocatoria ao tempo que amplía ata o 10 de novembro o prazo para xustificar os investimentos correspondentes a este ano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres a orde da Consellería do Medio Rural que eleva dende os 30 ata os case 41,6 millóns de euros o importe total da convocatoria de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, a executar deica o ano 2024. Así, en virtude desta orde, pásase dos iniciais 27 millóns de euros destinados especificamente ás subvencións ata os 38,6 millóns. A esta cifra cómpre engadir os 3 millóns de euros consignados este ano por primeira vez para garantías de préstamos, co que o orzamento global achégase aos devanditos 41,6 millóns de euros.

Así mesmo, a orde publicada amplía tamén ata o 10 de novembro o prazo para xustificar os investimentos deste exercicio, incluídos a facturación e o pagamento efectivo así como a presentación da documentación necesaria para tramitar o cobro da subvención correspondente.

Cabe lembrar que, como novidade, a convocatoria deste 2022 apoiará as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da comunidade.

En xeral, poden optar ás achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

Deste xeito, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos serán garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Dos case 38,6 millóns de euros de presuposto para subvencións, no exercicio do 2022 están consignados máis de 14,3 millóns, para o 2023 a cantidade reservada é de preto de 17,9 millóns de euros e para o 2024 a contía supera os 6,3 millóns de euros.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220930/AnuncioG0426-270922-0007_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información