Ampliado ata o 15 de decembro o prazo para licenzas de plans de mellora

A Xunta dá marcha atrás e anuncia que nos próximos días formalizará no Diario Oficial de Galicia o aumento de prazo en 3 meses, pois inicialmente negárase a cambiar a data límite do 15 de setembro

Ampliado ata o 15 de decembro o prazo para licenzas de plans de mellora

Nave gandeira. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural acordou finalmente prorrogar o prazo de presentación das licenzas de obra e permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans de mellora e incorporación. Do 15 de setembro pasa ó 15 de decembro. O sector daba por feito que a Xunta ampliaría de oficio os 79 días correspondentes ó Estado de alarma, pero a Administración comunicou en agosto que o último día continuaba a ser o 15 de setembro, o que suscitou as críticas de organizacións agrarias e técnicos. Agora Medio Rural dá marcha atrás e anuncia unha prórroga ata o 15 de decembro.

A Xunta sinala que ante as peticións de diferentes organismos para prolongar dito período, co fin de poder emitir os preceptivos permisos, o departamento de Medio Rural decidiu, “un ano máis”, ampliar o prazo para facilitar a tramitación a gandeiros e agricultores solicitantes destas subvencións e evitar así que perdan as achegas.

A Administración lembra que o orzamento desta convocatoria -encadrada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020- chega aos 41 millóns de euros. En concreto, 24 millóns irán destinados a plans de mellora, 14 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 3 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Ao abeiro da convocatoria do ano pasado, un total de 533 beneficiarios recibiron axuda para acometer plans de mellora, 356 mozos e mozas obtiveron subvención para incorporarse ao agro e 200 persoas solicitantes conseguiron achega para a creación de pequenas explotacións, segundo detalla Medio Rural en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información