A Xunta de Galicia ampliou ata o 2020 o prazo do que dispoñen os montes certificados para adaptarse ó Decreto 52/2014, que regula as instruccións de ordenación e xestión forestal. A lexislación concedía en principio só un ano para que os montes con certificación forestal se adaptasen á normativa. Sen embargo, a petición do sector, a Administración decidiu agora equiparar o prazo para os terreos con certificación co do resto de propietarios.
Por tanto, a data límite para que as superficies forestais cumpran coas instruccións de ordenación e xestión forestal é para todas as masas o 8 de maio do 2020. Desde esa data, só se autorizarán cortas en terreos que ou ben conten cos correspondentes instrumentos de ordenación forestal ou ben se teñan adherido a algún dos modelos silvícolas de xestión deseñados pola Xunta.
A extensión do prazo ata o 2020 tamén para os montes certificados permite unha maior flexibilidade para os propietarios. Os terreos con certificación forestal PEFC ou FSC adoitan percibir un plus á hora de vender a madeira, pois as industrias exportadoras precisan da certificación, que garante unha xestión forestal sustentable, para colocar os seus produtos nos mercados europeos e norteamericanos.