Ampliada a regulación do selo de Artesanía Alimentaria con doce novas normas técnicas

Os novos produtos incluídos abranguen desde manteiga e vermú ata fariñas e conservas, reforzando o selo como garantía de calidade e autenticidade

Ampliada a regulación do selo de Artesanía Alimentaria con doce novas normas técnicas

Imaxe de arquivo.

O Consello da Xunta tomou razón dun informe da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, no que se aproban doce novas normas técnicas para produtos que poderán acollerse ao selo Artesanía Alimentaria. A publicación destas normas fíxose hoxe efectiva no Diario Oficial de Galicia.

Estas normas recollen os requisitos que deben cumprir os produtos para seren considerados artesáns. As novas incorporacións inclúen elaboracións como a manteiga, o vermú, vinagres de viño e sidra, licores, augardentes, bebidas espirituosas, zumes e hidromel. Tamén se engaden produtos como o pan, as empanadas, as fariñas, as comidas preparadas, as conservas e os derivados da helicicultura.

Por outra parte, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaborou coa Consellería do Mar na elaboración dun borrador de norma técnica para conservas de peixe e marisco, que deberá ser aprobado por este último departamento.

O selo de Artesanía Alimentaria pretende estruturar o sector conforme os criterios da Unión Europea. A súa finalidade é protexer o traballo artesanal fronte a etiquetaxes enganosas e garantir ao consumidor produtos elaborados mediante métodos tradicionais, respectuosos co medio ambiente e cunha calidade diferenciada.

Actualmente, existen preto de 200 persoas artesás e 124 empresas inscritas neste selo, repartidas por todo o territorio galego, cunha especial presenza no rural. Isto contribúe ao desenvolvemento económico local mediante a valorización das materias primas da contorna.

A artesanía alimentaria é a elaboración de alimentos en condicións respectuosas co medio, con intervención directa da persoa artesá, en pequenas cantidades, garantindo un produto seguro, de calidade e con características propias.

Entre as normas técnicas vixentes atópanse as dos derivados lácteos, cárnicos, a sidra, cervexa, conservas vexetais, mel, confeitaría, chocolate, produtos vexetais para infusións e aceite de oliva, entre outros.

A regulación establece que os produtos deben elaborarse seguindo prácticas tradicionais, con materias primas seleccionadas e limitando o uso de aditivos. Non se permiten saborizantes artificiais, potenciadores do sabor, graxas trans nin reetiquetaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información