Ampliada en Galicia a zona de corentena contra o insecto transmisor do HLB en cítricos

A Consellería publica a relación de concellos incluidos na zona afectada, que, abrangue toda a costa comprendida entre Fisterra e o Baixo Miño. Os propietarios, obrigados a adoptar medidas de precaución

Publicidade
Ampliada en Galicia a zona de corentena contra o insecto transmisor do HLB en cítricos

Medio Rural sinala que os propietarios deben vixilar a presenza do insecto.

O insecto que transmite o Huanglongbing (HLB), unha enfermidade dos cítricos que pode ter efectos devastadores, detectouse en Galicia no 2014, unha detección que obrigou á Xunta a adoptar medidas de precaución e vixilancia. Nos últimos meses o insecto transmisor do HLB, o Trioza erytreae Del Guercio, orixinario de África, ampliou a súa presenza na comunidade, o que obriga a Medio Rural a ampliar a zona de corentena contra o insecto. Os concellos afectados ocupan toda a zona próxima a costa desde Fisterra ata Tui.

O HLB suscita especial preocupación no Levante español desde hai anos, pois a enfermidade dos cítricos, que aínda non se detectou na Europa continental, está a xerar grandes perdas en zonas produtoras de Sudamérica e Norteamérica. En Galicia non se rexistrou por agora o HLB e pode que nunca apareza, pero a presenza do insecto que transmite a enfermidade obriga a extremar as precaucións.

Na zona de corentena, a Xunta obriga ós propietarios de cítricos en hortos privados ou explotacións comerciais a seguir, entre outras, as seguintes medidas fitosanitarias:

Mapa da zona afectada pola corentena.

Mapa da zona afectada pola corentena.

– Os propietarios que detecten a presenza da praga ou dos seus síntomas en árbores da súa propiedade teñen a obriga de comunicalo aos servizos oficiais de sanidade vexetal da súa provincia.

– No momento en que se detecte a presenza na súa explotación ou horto privado do organismo nocivo Trioza erytreae Del Guercio (psílido africano dos cítricos), os afectados deberán realizar os tratamentos fitosanitarios determinados polos servizos técnicos oficiais. Como mínimo realizaranse dous tratamentos consecutivos cun intervalo de dúas a tres semanas, alternando, se é posible, as materias activas autorizadas.

– Na aplicación dos tratamentos terase en conta a etapa do cultivo, adecuaranse a ela os produtos elixidos para a loita contra o organismo nocivo e respectaranse en todo momento os condicionamentos e restricións establecidos pola lexislación vixente.

-Aos viveiros situados en zonas demarcadas solicitaráselles censo de especies sensibles, datos de orixe e datas de adquisición das partidas, así como datos de destino nos últimos dous anos para a análise da devandita documentación.

– No punto de destino final de froitos de cítricos nas zonas demarcadas (centrais hortofrutícolas, centros de almacenamento), as instalacións terán que cumprir un protocolo en materia de hixiene dos vehículos de transporte, que consistirá en dispor dunha zona para a limpeza de camións onde se realice unha desinfección do vehículo para evitar a entrada da praga e a posible dispersión fóra das zonas demarcadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información