Amio pecha 2021 cunha facturación de máis de 29 millóns de euros e un aumento da afluencia de gando vacún

O Mercado de Gando logra superar en 5 millóns o volume de negocio do 2020. Contou con case un 25% máis de reses, tralos paróns do anterior exercicio pola Covid. Galicia é o principal destino do vacún maior e a recría viaxa ó resto de España

Amio pecha 2021 cunha facturación de máis de 29 millóns de euros e un aumento da afluencia de gando vacún

Instalacións do mercado de gando de Amio, en Santiago de Compostela. // Foto de arquivo.

O Mercado de gando de Amio, en Santiago, acaba de presentar o balance de actividade do 2021, un ano aínda marcado pola pandemia, que condicionou a actividade do recinto, sobre todo ó suspenderse algunhas das citas emblemáticas como as feiras cabalares da Ascensión e do Apóstolo. Con todo, o mercado compostelán pecha o ano con case un 25% máis de cabezas de gando que no 2020 e un aumento da facturación de máis de 5 millóns de euros.

En concreto, no 2021 a afluencia total de gando no recinto feiral foi de 94.672 reses. A maior parte corresponde ao gando vacún, que suma 94.615 cabezas: 77.125 de vacún menor, 8.267 de mediano e 9.223 de vacún maior de abasto e para vida. As restantes 57 reses son de gando equino (7) e de porcino (50).

A concorrencia total de gando deste ano foi superior á do 2020 en 18.712 reses, a maior parte delas de gando vacún. A concorrencia de gando equino foi insignificante, baixou a afluencia de gando porcino (203 reses menos que no 2020). Respecto do gando ovino-caprino, que adoita concorrer tamén ás feiras equinas, non se rexistrou ningunha afluencia no 2021.

En canto ó valor económico da actividade gandeira comercial, este ano alcanzou a cifra global de 29.698.633 euros, cantidade superior á do 2020 en 5.713.000 euros.

Destino do gando

En canto ao destino do gando vacún, saíron cara ás ganderías e matadoiros galegos un total de 45.837 animais (29.248 de vacún menor, 7.751 de mediano e 8.838 de vacún maior de abasto e para vida). Con destino a outras comunidades autónomas saíron en total 48.778 reses de gando vacún, a maioría delas para recría (47.877 animais). Destas comunidades, o destino maioritario represéntao Castilla-León, que recibiu un total de 18.974 animais para recría, seguida de Aragón con 8.637 reses do mesmo tipo de gando.

-Consulta aquí en detalle as cifras do mercado de gando de Amio no 2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información