Amigos da Terra avoga por reducir a carne e consumila de gandería extensiva

A organización ecoloxista lanza un informe no que se evidencia que dende o punto de vista climático é máis eficiente unha dieta que contemple a redución do consumo de carne, combinada coa substitución da produción de carne industrial por outra de gandería extensiva

Amigos da Terra avoga por reducir a carne e consumila de gandería extensiva

Reivindican o papel que as ganderías extensivas poden xogar na redución de emisións.

A asociación ecoloxista Amigos da Terra fai público o Informe “A produción e consumo de carne a debate” no que visibiliza os principais impactos climáticos, medioambientais, sociais e de saúde do modelo intensivo de produción e consumo de carne en España. O colectivo destaca a necesidade de promover unha dieta climática que teña en conta estes impactos e os minimice, para alcanzar un modelo alimentario máis xusto, saudable e sostible.

Amigos da Terra avoga por unha dieta climática para 2030, baseada tamén en recomendacións nutricionais, que implique a redución do consumo de carne nun 60% respecto ao consumo actual. Tamén incide en que esta carne debe proceder de ganderías extensivas, ecolóxicas e ligadas ao territorio. “É prioritario aumentar o consumo de legumes e cereais, fontes de proteína vexetal, que xunto coas verduras, hortalizas e froitas locais e de tempada deben ser a base da dieta habitual para cumprir con criterios de respecto ao medio ambiente e á saúde das persoas”, apuntan.

Na publicación sinala que a produción e consumo de produtos de orixe animal supoñen o 45% da pegada climática do sistema agroalimentario en España. En concreto, 1,57 toneladas de CO2 equivalente por persoa ao ano. “É especialmente significativa a produción industrial de carne, principalmente de aves e porco, pola súa importante pegada de carbono asociada ao consumo de pensos, á vez que por ser un importante vector na degradación do medio ambiente en España”, cuestionan os ecoloxistas.

Tamén cómpre recordar que, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica, a gandería causa só o 7,8% dos gases de efecto invernadoiro de España, sendo a industria, o transporte e a enerxía os principais emisores de gases causantes do cambio climático, pois acumulan o 72% das emisións totais.

No terreo alimentario, o estudo de Amigos da Terra defemde que é máis eficiente unha estratexia de redución do consumo de carne, combinada coa substitución da produción de carne industrial por outra de gandería extensiva. No caso concreto do porco, obsérvase que esta estratexia combinada suporía ata un 60% menos de emisións netas xeradas por persoa ao ano que unicamente reducindo o seu consumo.

“Reivindicamos unha redución do consumo de carne e un cambio do modelo industrial de produción de carne por un de gandería extensiva, ecolóxica e ligada ao territorio. As políticas públicas deben ir encamiñadas a posibilitar esta transición agroecolóxica, polo clima, polo medio ambiente e pola saúde das persoas”, sostén Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria da asociación.

Consumo de carne

Na súa análise, Amigos da Terra expón que o consumo de carne actual en España, 52,3 quilos por habitante ao ano, é insostible para o medio ambiente e a saúde, así como para alimentar á poboación mundial. Así, e sempre tendo en conta as recomendacións nutricionais internacionais, avoga porque se consuman 21 quilos de carne ao ano. E apunta que o consumo de carne vermella non debe superar os 10 quilos por persoa ao ano, fronte aos 20,78 quilos actuais.

Outro dos puntos a destacar do informe é o consumo de carne procesada, “o cal pode ser unha grave ameaza para a saúde e o clima”, din. “En concreto, a carne procesada de vacún está baixo sospeita en España por ser potencialmente causante da deforestación na Amazonia. E é que debido ás laxas normas de control e ao risco de tratados comerciais como o da Unión Europea e Mercosur, pérdese facilmente a pista ás importacións brasileiras na cadea alimentaria”, apuntan.

Pola súa banda, a carne procesada de porco e aves tamén está baixo a lupa como causante de deforestación, segundo Amigos da Terra: o 95% da súa produción en España provén de explotacións industriais, enormemente dependentes de soia e maíz transxénicos, cuxa produción supón a perda de millóns de hectáreas de bosques, sabanas e pasteiros en Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai.

O estudo recorda que, segundo Nacións Unidas, os custos sanitarios relacionados coa dieta en 2030 terán un impacto económico de 1,3 billóns de dólares ao ano a nivel mundial, asociados aos custos de atención sanitaria, baixas por enfermidade e custos de “coidados”. O cambio de patróns nutricionais cara a dietas flexivexetarianas e cunha maior presenza de proteína vexetal pode supoñer unha redución da mortalidade mundial en máis de 12 millóns de persoas ao ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información