A Casa da Cultura do Concello da Pastoriza (Lugo) acolleu este venres a entrega do premio Premio ION-Sociedade Galega de Pastos e Forraxes ao mellor peche eléctrico gandeiro de España e Portugal no 2018.
O premiado nesta convocatoria 2018 foi Amaro López Rivero, un mozo gandeiro da parroquia de Córneas, no concello lugués de Baleira. A súa é unha gandería de vacún de carne en extensivo que xestiona 36 hectáreas de pradeiras e terreos de monte para alimentar a 38 vacas nais de raza vianesa e 5 cabalos de raza galega.
“O traballo de Amaro na recuperación de terreos pobres mediante o bo manexo do gando e a presión do pastoreo grazas ao correcto emprego de peches electrificado -uns 13 kilómetros de peches electrificados en total- fai que sexa un exemplo na súa contorna para mostrar o que se pode facer para transformar as superficies abandonadas en prados e pradeiras e fontes de riqueza”, salientan dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
O premio, consistente nunha escultura dunha vaca e un cheque de 3.000 euros, foi entregado por Daniel López González, propietario e fundador da empresa luguesa ION, líder en venda de pastores eléctricos, e polo alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra.
Nesta convocatoria, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes retoma o espírito de antigas edicións na procura dunha mellor xestión das superficies forraxeiras grazas ao emprego de peches electrificados, hoxe en día a mellor ferramenta de gandeiros e gandeiras para a xestión do pastoreo do gando.
Pola súa parte, a empresa luguesa ION, patrocinadora do premio, leva décadas adicada á fabricación de pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados, con importantes innovacións, sendo a primeira en fabricar pastores eléctricos alimentados por placas solares.