Amarelante dá pasos para a revalorización da castaña de Manzaneda

A cooperativa inaugura unha nave de secado na que investiu 170.000 euros. Permitiralle iniciar de xeito progresivo a transformación do produto e reducir a súa venda en fresco a intermediarios

Publicidade
Amarelante dá pasos para a revalorización da castaña de Manzaneda

Recollida manual da castaña. / Imaxes: Amarelante.

Amarelante é unha cooperativa creada no 2013 en Manzaneda (Ourense) por dez socios que viron na castaña unha alternativa de futuro. Comezaron a actividade coa recollida e venda da castaña dos seus propios castiñeiros e foron ampliando produción a través do aluguer e cesión de soutos. Na terceira campaña de recollida que se inicia estes días, Amarelante conta xa con 500 árbores e ademais vén de inaugurar un centro para a conservación e transformación do produto, unha iniciativa que lle permitirá revalorizar a castaña.

A comercialización habitual da castaña que fan a maioría de produtores é por venda en fresco a través de intermediarios. Esa é tamén a vía que viña utilizando a cooperativa, aínda que a partir de agora, Amarelante comezará a explorar de xeito progresivo outras posibilidades. O centro de conservación e transformación, no que a sociedade investiu 170.000 euros –cun 40% de axudas europeas-, permite o secado dos froitos, o que aumenta o tempo de conservación e abre novas liñas de mercado. Para máis adiante, a cooperativa ten tamén o proxecto de producir fariña de castaña.

“Todos nós tiñamos en común que queriamos vivir no rural e na nosa zona; non queriamos traballar fóra” (Ana Sarmiento)

A marcha de Amarelante está a cubrir todas as expectativas dos dez socios que a impulsaron, cinco parellas da comarca que atoparon na castaña unha vía de futuro. “Todos nós tiñamos en común que queriamos vivir no rural e na nosa zona; non queriamos traballar fóra”, lembra Ana Sermiento, a presidenta da cooperativa. “Un dos grandes valores daquí é o castiñeiro e falando entre nós, vimos que todos tiñamos castiñeiros. Con esa base, comezamos a falar con xente que non podía atender os seus soutos para mirar de que nolos alugara ou cedera”, explica Ana sobre os comezos do proxecto.

Progresos
De ano en ano, a cooperativa foi aumentando terreo, ata as 7 hectáreas que xestiona na actualidade, nas que fai os traballos de mantemento precisos para garantir unha boa produción e a conservación do entorno. “En pouco tempo avanzamos moito, que é algo que ilusiona e que nos anima a seguir así a todos. Agora, coa posta en marcha da nave de secado, xa contratamos a un de nós para traballar a tempo completo todo o ano para a cooperativa”, conta Ana.

Os socios de Amarelante iniciaron a actividade mantendo en paralelo outros traballos, aínda que a idea é que o proxecto vaia medrando e que requira de maior adicación. “A tempada forte da castaña dura un mes e en función da nosa dispoñibilidade, tardes ou mañás, e fins de semana, participamos na recollida”, apunta a presidenta da cooperativa. O resto dos meses céntrano en traballos de mantemento dos soutos.

Campaña 2015
Este ano, o punto álxido da campaña chegará nuns días. As perspectivas de produción son boas, mellores que na anterior colleita. “Se nada se torce, contamos con que este sexa un ano de bastante volume e de calidade, cunha castaña moi san. No 2014, tiveramos unha mala campaña pola seca e saíra bastante castaña mala”.

Centro de transformación da castaña de Amarelante.

Centro de transformación da castaña de Amarelante.

O traballo da recollida da castaña esixe unha selección do produto, o que levou ós socios a decantarse pola recollida manual. “Probamos a máquina de mochila, que aspira a castaña, separándoa do ourizo, e vimos que axiliza o traballo no souto pero que dá despois máis traballo para seleccionar as boas. Como máis avanzamos é coa recollida manual”, conclúe Ana.

Secado
Parte da castaña recollida este ano seguirana vendendo en fresco e con outra parte comezarán a facer probas de secado, unha alternativa que aumenta o periodo de conservación do produto e que permite ademais unha boa saída para a castaña pequena, que ten peor comercialización en fresco.

O secado aumenta o tempo de conservación e mellora a saída para a castaña pequena

O secadeiro está equipado dunha caldeira de madeira que suministra aire quente a presión para o secado das castañas, que quedan preparadas en pouco máis dunha semana, fronte ós máis de 20 días que eran habituais nos secadeiros tradicionais. Logo do secado, a castaña pasa por unha peladora e xa queda lista para a súa comercialización

A busca de mercados para o produto transformado é o próximo reto que terá que afrontar a cooperativa Amarelante, unha iniciativa que este ano recibiu o premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información