Amanei SC, aposta pola raza vianesa na montaña de Lugo

Na parroquia de Córneas, en Baleira, as fincas son en pendente e o inverno é duro, pero as vacas de raza vianesa de Amaro López están todo o ano fóra. É un tipo de gando que se adapta perfectamente a estas condicións e a súa crianza en extensivo aporta cualidades á carne que se notan á hora de comercializala

Amaro López, co seu gando de raza vianesa en Córneas (Balera)

Amaro López, co seu gando de raza vianesa en Córneas (Baleira)

O gando e o monte forman parte da vida de Amaro López. Ten unha empresa de desbroce e traballos forestais e mantén unha explotación con 50 reprodutoras de raza vianesa. Compatibilizar as dúas actividades require buscar facilidade de manexo. Foi o que o levou a cambiar as vacas de raza rubia galega, parda e asturiana por animais máis autónomos e que precisasen menos atencións.

“Eu o que peco é de tempo, porque a maiores teño tractores para desbroce de monte. Din nas vianesas por problemas de partos que tiña co gando das outras razas, e para non ter que metelas e sacalas da corte, porque esta é unha zona de difícil orografía”, explica.

Quedei coa vianesa porque a cachena dá menos produción, pero a caldelá gústame tamén moito

Decantouse pola raza vianesa e foi o primeiro que as trouxo para a montaña de Lugo. “Cambiei no 2006, comecei con 7 que fun buscar a Vilardevós e logo seguín comprando e recriando das miñas. En pouco tempo montei a cabana actual, que está formada por 50 nais”, conta.

Tres lotes de animais

Amaro, movendo un dos tres lotes nos que ten dividido o gando para cambialo de parcela

Amaro, movendo un dos tres lotes nos que ten dividido o gando para cambialo de parcela

O gando está dividido en tres lotes para facer máis doado o seu manexo. “Teño tres grupos distintos de animais para non ter que rotar tanto nas fincas e no inverno ter os puntos de comida con menos animais”, explica Amaro. “Ademais, se as tes todas xuntas e hai un problema, é máis difícil de ver e para mover o rabaño xunto é máis complicado, o ideal é en grupos de 14 ou 15 animais”, argumenta.

Mover o rabaño xunto é máis complicado e se hai un problema é máis difícil de ver

“Móvoas pola estrada, cunha persoa diante e outra detrás simplemente polos coches, porque elas síguenme a min. O manexo agora é doado, pero ao comezo cometín erros, porque ao ser o primeiro e o único que as tiña nesta zona non tiña de onde copiar. Estas vacas hai que tratalas con moito cariño, coma todas, pero estas quizais máis porque teñen un instinto máis nervioso”, considera.

36 hectáreas de superficie

GANADOS AMANEI (Baleira) vacas vianesas de Amaro Lopez“Aténdoas eu só e por manexo podería ter máis gando, pero non teño máis por problemas de superficie, porque non vexo viable alugar fincas”, asegura Amaro. A gandería dispón de 36 hectáreas de pradeiras, algunhas delas pastizais feitos no monte, e declara 4 hectáreas de pasto arbustivo. A superficie está conformada por 15 parcelas de diferentes tamaños. “Teño 12 hectáreas xuntas no alto do monte e 16 noutra finca, pero despois tamén hai parcelas pequenas”, detalla.

Teño varios puntos onde darlles de comer no inverno para non desfacer os prados e quero poñer auga en todas as fincas

No inverno, de novembro a marzo, o gando está nunhas zonas de comedeiros alimentadas con silo de herba e palla. “Se as tes nos prados destrózanchos e logo tardan máis en dar na primavera”, argumenta Amaro. Renova as pradeiras menos pendentes cada 5 ou 6 anos para incrementar a súa produción e a calidade do pasto. “Roturo, encalo e fago a sementeira con mestura de raigrás inglés, raigrás italiano e trevo. Nas zonas máis duras boto algo de festuca, que aguanta ben a seca, pero datilo aquí non fai falla botar”, explica.

No inverno precisa de tres rolos de silo e unha paca de palla á semana

Para favorecer o rebrote da herba abona con purín todos os anos e encala cada dous, ademáis de empregar abono de síntese en grao nalgunhas parcelas. Na primavera, cando ten excedente de herba, fai rolos de silo, entre 200 e 250 ao ano. “Herba seca non fago, porque dá traballo e porque facer unha herba seca de boa calidade é difícil. Merco palla de cebada de Castela, porque é difícil atopar palla boa de avea seca. A que vén sen mallar, co grao, semiseca, é moi boa, pero vaise de prezo”, detalla.

5 cabalos para domesticar o monte

GANADOS AMANEI (Baleira) cabalos Puraga en Córneas (Baleira)

Os cabalos son de pura raza galega

Co paso dos anos nesta zona da montaña deixouse de botar cereal e fixéronse pradeiras. Amaro mesmo roturou zonas de monte para facer prados. “Agora están en boas condicións, pero antes era monte pecho e moitas veces nesas zonas aínda se dá de todo menos herba”, admite. O proceso para transformar as toxeiras en pradeiras comeza cun desbroce mecánico e a introdución posterior de cabalos para en último termo meter as vacas a pacer. “Agora que xa está domesticado invirto a orde, primeiro meto as vacas e despois os cabalos para que coman os brotes do toxo pero ás veces aínda hai que axudar algo con desbroce mecánico ao final”, explica.

Teño prados que antes era monte pecho

Os cabalos son de pura raza galega e o seu manexo é doado. “Os cabalos si que non me dan traballo ningún, chámoos co pitido do coche e xa case se cambian sós de finca”, asegura Amaro. Na zona comeza a haber algo de lobo e, de feito, o ano pasado levoulle unha poldra. “Outros anos tamén tiven problemas coas vacas, un ano matoume catro becerros e outro ano dous”, conta.

Un pequeno cebadeiro para os xatos

Despois de mamar uns seis meses os becerros son rematados con palla e penso

Despois de mamar uns seis ou sete meses nas nais, os becerros son rematados con palla e penso

Amaro incorporouse no ano 1996 á gandería familiar dos seus pais e no 2001 montou un pequeno cebadeiro onde agora só ceba os seus xatos. Foi a orixe da actual explotación e de onde toma o seu nome: Ganados Amanei SC. “Cando collín a explotación no 96 pasei de 6 vacas que había a 15 que me esixían para a incorporación. O meu pai dicíame que estaba tolo, que onde as ía manter, porque antes non había medios para facer as cousas como se fan hoxe e nesta zona as terras dedicábanse máis a sementar centeo e as vacas pacían algo de herba pola mañá e pola tarde levábanse á carqueixa ao monte. Despois no inverno mantíñanas con cereal dentro da casa”, lembra.

Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos

A finalización dos becerros fana na actualidade con palla e con penso. “Non programo os partos, pero a maioría danse en primavera. Os xatos están mamando 6 ou 7 meses, até setembro máis ou menos, e logo encuádroos e téñoos até que alcanzan certo grao de engraxamento e acadan un nivel óptimo de rematado para iren saíndo ao mercado”, explica. Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos. “A partir diso as xatas xa engraxan de máis”, asegura.

Comercializa directamente a restaurantes e particulares

GANADOS AMANEI (Baleira) cebo xatos raza vianesa (Baleira)

Amaro non sacrifica por idade, senón por nivel de engraxamento, os machos con 240 quilos e as femias con 200

Ten un sistema de comercialización propio, no que sacrifica e distribúe directamente a carne, tanto a restaurantes como a particulares. “Mato sempre en Castro, transporto os animais eu directamente”, conta. Subministra a tres restaurantes da zona: Mesón Catro Ventos, da Fonsagrada; Restaurante Moneda, do Cádavo; e Casa Cazoleiro, de Meira. “Había máis interesados en comprarme pero non me comprometín con eles por non ter dabondo abastecemento”, explica.

Á hora de sacrificar Amaro prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico

A relación de Amaro cos seus clientes baséase na confianza xa que el prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico. “Normalmente non miro nin a idade nin o peso, dame igual matar aos 12 ou aos 16 meses se o animal está ben para sacrificar”, di. Vende tamén a particulares, cos que supliu en parte a caída da demanda da hostalaría por mor das restricións nos momentos máis duros da pandemia sanitaria do coronavirus. “Aos particulares tes que levarlle as canais despezadas e dame máis traballo”, admite. Nos últimos dous anos foi moito traballo para pouco proveito, di, porque o prezo da carne reduciuse e o do penso aumentou de xeito notable. “Ao ter un sistema de comercialización propio dependente en grande medida dos restaurantes, a min esta circunstancia do coronavirus afectoume moito”, asegura.

Animais moi lonxevos

vaca vianesaAmaro vende tamén moito para vida, tanto recría coma vacas. Catro ou 5 femias recríaas para el todos os anos e outra ducia e media véndeas para outras explotacións. Os animais de raza vianesa criados deste xeito, en extensivo, duran moito, polo que as necesidades de reemprazo propias non son moitas. “O ano pasado mandei dúas vacas con 22 anos, unha que non empreñaba e outra con problemas por ter os tetos moi grandes, pero teño aínda varias con 18 anos”, detalla.

Os problemas de partos desapareceron ao pasarme á raza vianesa. Teño tres touros, un en cada lote e empreñan e paren soas

Con cada lote de vacas nodrizas ten un touro, sempre o mesmo por grupo, sen mesturalos. “Até o terceiro ou cuarto partos déixoos sempre, logo cámbioos”, explica. O veterinario só pisa a explotación para facer as receitas para os produtos desparasitantes e pouco máis. “Aquí non hai nin diarreas nin enfermidades respiratorias e ao pasarme á raza vianesa os problemas de partos que había antes desapareceron”, asegura.

13 quilómetros de peches moi coidados

Hai dous anos Amaro levou un premio da empresa galega de pastores eléctricos Ion pola calidade dos seus peches

Hai dous anos a empresa de pastores eléctricos Ion premiouno pola calidade dos seus cercados

Manter un bo sistema de peche electrificado e en condicións óptimas é unha das claves para o funcionamento dunha explotación como a de Amaro, que hai un par de anos foi premiado pola empresa galega de pastores eléctricos Ion pola calidade e coidado dos peches desta explotación.

En total, as súas fincas suman 13 quilómetros de peche perimetral, nos que vai mesturando varilla de ferro e estacas de madeira, con dúas ou tres liñas de fío, dependendo da zona. “Non descarto ter que poñer 3 fíos en todo o perímetro exterior polo tema de que non entre o xabarín. Para o gando con 2 sería dabondo e desa forma ademais para limpar é máis doado porque non hai que estar tan enriba”, razoa.

Para o gando con dous fíos de pastor sería dabondo, pero para que non entre o xabarín son necesarios tres

“Se tes os peches en boas condicións, fóra de momentos puntuais de máis traballo, cunha hora diaria tes atendido o gando”, asegura. A tarefa de vixiar e limpar os peches é continua. “Moita xente vai pasear polo tema do colesterol, pois eu de paso levo algo na man e ademais de camiñar vou limpando”, bromea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información