Alumnos de Veterinaria da USC visitaron Agafac para coñecer o control da seguridade en pensos

15 estudantes do campus de Lugo aprenderon sobre o Sistema Galis, os controis oficiais e o proceso loxístico do porto exterior de Punta Langosteira, que acollerá a nova sede de Agafac este 2026

Visita alumnos de veterinaria AgafacO pasado luns, 2 de marzo, un grupo de 15 alumnos da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (campus de Lugo) visitou as instalacións de Agafac no porto de San Diego da Coruña para profundar no funcionamento do sector da alimentación animal e nos mecanismos de control que garanten a seguridade alimentaria.

A xornada comezou coa intervención de Bruno Beade, director de Agafac, quen ofreceu unha visión xeral do sector agroalimentario, centrándose na fabricación de pensos compostos. Durante a súa presentación explicou que é un penso composto, cales son as principais materias primas que o integran e a súa procedencia, así como os procesos que interveñen na súa elaboración.

Tamén abordou as previsións de alimentación a nivel mundial e a crecente necesidade de garantir o abastecemento seguro de materias primas como primeira criba para asegurar tanto a seguridade alimentaria animal como a humana. Neste contexto, expuxo a clasificación de produción de pensos no mundo, en Europa e en España, destacando o papel estratéxico de Galicia como unha das principais rexións produtoras do país e líder en produción de penso para vacún de leite.

O sistema Galis, unha garantía de calidade e seguridade

A continuación, Luisa Delgado, responsable do Departamento Técnico de Agafac, presentou o Sistema Galis, un modelo pioneiro e conxunto de control da seguridade alimentaria no sector da alimentación animal en Galicia. Explicou os antecedentes que motivaron a súa creación, como a crise das “vacas tolas”, as alertas por contaminación con dioxinas e outros episodios rexistrados en Europa e en España que evidenciaron a necesidade de reforzar os controis.

A responsable técnica detallou, ademais, os cambios lexislativos introducidos polos novos regulamentos europeos en materia de alimentación animal e a implantación de requisitos de hixiene, entre eles a aplicación do sistema APPCC (Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico) nas fábricas de pensos. Así mesmo, describiu o funcionamento do Sistema Galis, os seus plans analíticos xenerais e específicos, e a importancia da mostraxe como elemento clave para garantir a fiabilidade dos controis, así como os servizos que ofrece ás empresas asociadas.

A última intervención correu a cargo de Ana Tubío, directora da área de Agricultura e Pesca de Galicia, quen impartiu a charla titulada “Controis Oficiais en Fronteira na Importación de Pensos”. Durante a súa exposición puxo en valor o papel das Instalacións de Control Oficial de Mercadorías (ICOF), anteriormente denominadas PIF, e os distintos controis que se aplican ás mercadorías procedentes de fóra da Unión Europea.

En concreto, detallou o control documental, que se realiza sobre o 100 % das partidas, o control de etiquetaxe en función do tipo de produto (materias primas, pensos compostos, alimentos para animais de compañía, pensos medicamentosos, aditivos, premezclas ou produtos que conteñan OGM) e o control físico, que inclúe inspeccións visuais e diferentes tipos de mostraxe, xa sexa aleatorio ou por sospeita, en función de factores como a orixe da mercadoría ou alertas previas comunicadas pola Rede de Alerta.

Visita ao porto exterior

Tras as charlas, os estudantes desprazáronse ao porto exterior de Punta Langosteira (Arteixo), que albergará as novas instalacións de Agafac a mediados deste 2026, converténdose nun centro pioneiro do control da calidade e seguridade das materias primas. Aquí, o alumnado puido coñecer in situ todo o proceso loxístico: desde a chegada do barco coa materia prima, a súa descarga e almacenamento, ata o seu posterior transporte á fábrica, onde será transformada en penso composto para alimentación animal.

A visita permitiu ao alumnado achegarse á realidade do sector, comprender a complexidade da cadea de produción de pensos e valorar a importancia dos sistemas de control para garantir a seguridade alimentaria desde a orixe ata o produto final.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información