Alumnado da principal escola de formación agraria de Bélxica visita ganderías de Galicia

Visita ao CFEA de Sergude

Visita ao CFEA de Sergude

Un grupo duns 20 alumnos e alumnas da principal escola de formación agrogandeira de Bélxica, a VABI,  situada na cidade de Roeselare, na rexión de Flandes, visitaron estes días Galicia para coñecer de primeira man as súas explotacións de vacún de leite.

A estadía, organizada por Pablo Carro, director de AnimalVit e un dos representantes en España da asociación European Dairy Farmers (EDF), incluíu visitas a algunhas das ganderías máis representativas da provincia da Coruña, como Busto Corzón, Casal Vilar, Gandería O Mouro, Gandería Ponte Boado, Devesa Langueirón e Casa Grande de Xanceda, así como ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón.

“Esta escola belga fai no quinto e último ano de estudo un total de 50 visitas prácticas. Nesta ocasión, os estudantes de vacún de leite elixiron Galicia e contactaron comigo a través da EDF para que lles organizara a viaxe, e eliximos granxas que foran referentes e representativas do sector”, explica Pablo Carro.

En canto ás impresións que se levan os estudantes belgas, advirte de que a realidade de Bélxica é bastante diferente á de Galicia: “Alí a normativa medioambiental é moito máis esixente e teñen unha carga gandeira máxima de 1,5 vacas por hectárea. Ademáis, as explotacións son máis familiares, con moi pouca man de obra allea, e teñen un carácter mixto, combinando a produción de leite, coa produción de carne, de cereais ou de horta”.

Neste sentido, destaca que “as ganderías de vacún de leite en Bélxica son moi eficientes, simplificando o máximo posible o manexo e as tarefas, de forma que conseguen máis litros por traballador ca nós”.

“O que lles gustou moito foi o nivel de coidado das vacas, as producións moi altas e o coidado da alimentación dos animais”, conclúe Pablo Carro.

Pieter-Jan Vanhoutte: “A nosa escola ten uns 600 alumnos e arredor do 40% non son fillos de gandeiros ou agricultores”

Pieter-Jan Vanhoutte é profesor especializado en vacún de leite na VABI e acompaña ao grupo de alumnos de 5º curso nesta viaxe por Galicia. Explica que “a nosa escola ten uns 600 alumnos, de entre 12 e 19 anos. Os dous primeiros anos son de formación xeral e logo vanse especializando nos catro departamentos cos que contamos: o de pequenos animais ou mascotas, que é o máis solicitado, cuns 300 alumnos; e logo os de agricultura/gandería, biotecnoloxía e horticultura, cuns 100 alumnos cada un”.

Ao igual que sucede en Galicia, destaca que o perfil do alumnado foi cambiando nos últimos anos: “Se nos anos 90 era moi raro que un alumno non fora fillo de gandeiros ou agricultores, neste momento arredor do 40% dos nosos estudantes xa proceden de familias alleas ao sector, o que nos esixe tamén aos profesores un enfoque didáctico diferente”.

En canto á súa valoración da visita a Galicia, Pieter-Jan Vanhoutte destaca que “a principal diferencia con Bélxica é que as ganderías belgas son máis pequenas, teñen de media 100 vacas por explotacións, e son máis familiares, con moi pouca man de obra contratada”. “Isto obríganos -recoñece- a ser moito máis eficientes, cunha media de 70 vacas por UTA, mentres que nas granxas que visitamos creo que andan entre 40 e 50 por traballador”.

“Outra importante diferencia é que nós empregamos máis herba na ración, como moito metemos 20 ou 25 kilos de silo de millo. Tamén cambian as calidades do leite: En Bélxica a media é de 4,3% de graxa e de 3,6% de proteína, porque as calidades páganse ben ao ir a maior parte do leite destinado á elaboración de queixos e de manteiga”, engade.

O profesor belga tamén destaca que arredor do 60% do leite de Bélxica é tranformado por cooperativas: Un 20% por Laiterie des Ardennes, outro 20% por Milcobel, arredor dun 20% pola cooperativa nórdica Arla, , mentres que o 40% restante é recollido por dúas empresas privadas: a alemá Aware (30%) e a francesa Danone (10%).

Axel Colaert: “Gustounos sobre todo a altas producións que se logran en Galicia”

Axel Colaert está no seu último ano de formación na VABI e ademáis é un dos membros da Young Dairy Farmer School (YDFC), un clube dos antigos alumnos da especialidade de gandería de vacún de leite. O seu lema resume a súa filosofia “aprender uns dos outros para obter mellores resultados”.

Neste sentido, Axel valora especialmente da súa visita a granxas galegas “a alta produción que logran das vacas e a predisposición dos gandeiros a compartir con nós a información”.

visita belgas galicia 4 visita belgas galicia 2 visita belgas galicia 7 visita belgas galicia 1

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información