Unha trintena de alumnos e alumnas do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco) visitaron esta mañá a planta láctea da cooperativa agroalimentaria Aira, situada en Melide (A Coruña). A visita enmárcase nun programa formativo que combina aprendizaxe técnica e sensibilización social, por iso na xornada, o grupo coñeceu o proceso de transformación do leite e as políticas de igualdade que impulsa a entidade.
No percorrido polas instalacións, o grupo foi recibido por o Director Xeral de Aira, Cándido Cancelo, quen destacou a importancia de abrir as portas da Cooperativa ós futuros profesionais do campo e poñer en valor o papel da muller no sector: “En Aira cremos firmemente nun rural con igualdade de oportunidades. A presenza de mulleres no Consello Reitor e de Dirección, así como na xestión técnica e na base social da Cooperativa demostra que o futuro do sector pasa pola implicación e o talento de todos e todas”, sinalou Cancelo.
Os participantes coñeceron o proceso de recepción, tratamento e transformación do leite, así como as distintas liñas de produción da planta, onde se elaboran produtos en po (soro e leite en po para a industria da alimentación infantil), produtos industriais (nata pasteurizada, leite a granel) e produtos finais como leite e nata envasadas, manteiga clarificada e os queixos Arzúa-Ulloa e queixo crema baixo a marca AIRA.
O equipo técnico da Cooperativa explicou ademais a integración vertical do grupo, que permite transformar a materia prima procedente das máis de 1.200 granxas socias en produtos de alto valor engadido, garantindo rastrexabilidade, calidade e retorno económico ao territorio e ó mesmo tempo abrirse paso en novos mercados internacionais.
Perspectiva de xénero en AIRA
Durante a xornada tamén se abordaron as políticas internas de igualdade e perspectiva de xénero impulsadas por AIRA. Actualmente, o 35 % do Consello Reitor e do Comité de Dirección está formado por mulleres, e preto dun centenar das 330 persoas traballadoras da Cooperativa son mulleres, 15 delas en postos de responsabilidade. AIRA continúa reforzando este compromiso a través de plans de igualdade, formación en liderado feminino e visibilización de referentes dentro do cooperativismo.
A visita finalizou cun coloquio no que o alumnado compartiu as súas impresións sobre o futuro do sector lácteo galego, a innovación nas cooperativas e os retos do medio rural.
Galego










Control OJD