Alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude vén de realizar unha completa visita aos concellos coruñeses de Santa Comba e Mazaricos, onde puideron ampliar coñecementos e afondar na súa formación como futuros profesionais do sector primario.
Arredor de medio cento de estudantes trasladáronse ata o centro de recría Ganxabar, onde acompañan ás becerras dende que son acollidas ata que o abandonan cando xa están próximas ao parto. Trátase dunha actividade especialmente beneficiosa para o alumnado de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, ao ter a posibilidade de observar o manexo durante as diferentes fases do proceso de recría.
Posteriormente, puideron coñecer en primeira persoas as instalacións da cooperativa Grille SCG, unha explotación que conta cunhas 1.000 cabezas de gando. Concretamente, visitaron a súa sala de muxido equipada coa última tecnoloxía no sector, así como cun sistema de cama quente para vacas secas e un novidoso sistema de ventilación. En Grille SCG conta tamén cun robot arrimador de comida, que incrementou de xeito considerable a produción de leite por vaca.
Asemade, desprazáronse ata Gandaría Oreiro, unha explotación bovina de Rubia Galega que comercializa toda a súa produción baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. Por último, visitaron Reinos Explotacións Gandeiras, onde os estudantes coñeceron o seu sistema de alimentación, baseada en forraxe propio complementado con penso de empresa local.
Este tipo de saídas formativas son moi beneficiosas para o alumnado dos CFEA, xa que lles permite coñecer unha ampla variedade de saídas laborais e comprobar como se poden aplicar os coñecementos teóricos que están adquirindo no seu ciclo formativo no día a día.