A aplicación móbil ALume é unha ferramenta para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá. Está xa dispoñible para descarga, tanto para sistema operativo Android como para iOS.
ALume conta cunha interface moi intuitiva, deseñada co obxectivo de facilitar ao máximo posible o seu uso. Deste xeito, a través do menú que aparece na súa pantalla principal pode darse un aviso a través da aplicación ou chamando ao 085. Desde a súa posta en marcha en xuño a aplicación acumula máis de 7.000 descargas e rexistrou preto de 200 notificacións que contribuíron a axilizar a actuación fronte aos incendios forestais.
A aplicación, permite dar a alerta pola existencia dun lume cun par de clics. Unha das vantaxes máis salientables que ofrece esta ferramenta é a posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións.
A posta en marcha de ALume é unha das novidades tecnolóxicas incluídas na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste 2026.
Unha IA adestrada para axudar a detectar columnas de fume
Outra das novidades tecnolóxicas para este verán no Pladiga 2026 é a incorporación da Intelixencia artificial ao sistema interno de xestión de incendios. Grazas a esta tecnoloxía pode crearse de xeito automático unha alerta cando se detecta fume a través das cámaras da rede de videovixilancia, sen necesidade de que avise a un profesional do servizo ou que houbese unha alerta cidadá.
Esta IA funciona a partir dunha rede neural que está afeita a ver columnas de fume. Unha vez detectado un incendio, pásase a un moderador para eliminar falsos positivos, e de aí vai á aplicación de xestión de incendios da Xunta. O algoritmo está adestrado desde hai dous anos aproveitando a potente rede de cámaras que implantou a Xunta en 2018. Grazas ao adestramento, o sistema é capaz de detectar fume que o ollo humano non ve na imaxe de videovixilancia ata que esta é ampliada.
O obxectivo é lograr configurar un sistema híbrido entre humano e máquina para auxiliar e contribuír a mellorar os tempos de resposta na loita contra os incendios forestais.
Tanto a posta en funcionamento da aplicación como a incorporación da IA son recursos fundamentais na detección temperá dos lumes e favorecerán a anticipación do propio servizo de cara á primeira intervención no lume.
De media, o dispositivo tarda en chegar 20 minutos ao incendio dende o momento no que se detecta un foco. Con estes dous sistemas, a IA e a nova APP, preténdese mellorar a detección temperá, reducir este tempo de resposta e impulsar aínda máis a anticipación.
Galego









Control OJD