A inminente posta en marcha da IXP Pan Galego, que comezará a funcionar este ano, xera novas expectativas para o cultivo do trigo en Galicia, así como oportunidades para a produción de novas forraxes, que xa se están a introducir en rotación co cereal, en especial o altramuz e a colza, ambas cunha alta proteína que permitiría substituír parte da soia importada.
En colaboración co grupo Da Cunha, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo vai poñer en marcha nos vindeiros dous anos diversos campos de ensaio para avanzar no cultivo de trigo autóctono en ecolóxico e analizar o seu comportamento en rotación con outros cultivos. O obxectivo final deste proxecto Feder, concedido para o periodo 2019-2021, é publicar, logo da experimentación nas distintas parcelas, un manual de produción ecolóxica de cereal autóctono. “Queremos mirar de incrementar por esta vía o prezo e a rendibilidade para os agricultores”, indica o investigador de Mabegondo Luis Urquijo.
Existe xa algunha experiencia realizada de cultivo de trigo en ecolóxico e un agricultor de Ferreira de Pantón, no val de Lemos, vai comezar a plantar 200 hectáreas con trigo da variedade caaveiro en ecolóxico, polo que dentro de dous anos, unha vez transcorrido o periodo de conversión, obtería a certificación do CRAEGA.
Boa competencia natural do trigo do país fronte ás malas herbas
“O trigo autóctono préstase para a produción en ecolóxico porque é máis rústico e resistente e ten un desenvolvemento vexetativo maior que lle permite competir mellor coas malas herbas, ademais de soportar mellor as condicións de encharcamento”, explica Fernando Almeira, do grupo panadeiro Da Cunha.
A produción en ecolóxico atópase coa problemática do control das malas herbas ante a imposibilidade de empregar herbicidas. “Tentaremos facer varias pasadas con cultivadores de púas, aínda que se o terreo está moi mollado non se pode facer porque compacta moito a terra. Un dos problemas é que en inverno as grades de púas non logran bos resultados porque coa humidade da terra e a choiva esas raíces das plantas que arrincas volven a arraigar. Pero pensamos que podería funcionar ben, porque a altura que logra o trigo en Galicia fai que cando medra sexa unha boa compentencia para as malas herbas”, argumenta Luis.
A calidade do trigo mellora coa rotación de cultivos
Os ensaios vanse facer na finca Robles da Pobra do Brollón e na de Mabegondo, as dúas pertencentes ao CIAM. Nas dúas ubicacións vaise probar unha parcela con rotación a dous anos altramuz-trigo-colza (sementado do altramuz en outubro e recollida a finais de febreiro para incorporar o nitróxeno; sementado do trigo a comezos de marzo e recollida a mediados de agosto; sementado da colza a mediados de setembro e recollida a mediados de xullo) e outra na que se vai facer rotación trigo sobre trigo nese mesmo tempo (sementado en novembro e recollida a mediados de agosto). Cada parcela será á súa vez subdividida para tres tratamentos diferentes:
– Laboreo tradicional (arado de vertedeira + fresa) e abonado orgánico (galiñaza)
– Laboreo tradicional e abonado mineral complexo
– Mínimo laboreo, abonado mineral ecolóxico (patenkali, physalg) e abonado foliar nitroxenado
O cultivo do trigo autóctono en rotacións con altramuz e colza ten importantes vantaxes porque é o xeito máis doado de evitar o esgotamento dos solos provocado polo cultivo intensivo do mesmo produto, o que permite minimizar o uso de fertilización química, e así evitar o impacto ecolóxico negativo destes fertilizantes.
“Ao agricultor compénsalle a rotación porque lle supón un aforro nos custos de produción porque diminúe o aporte de fitosanitarios e de abono mineral e ás panadarías tamén, porque coa rotación melloramos a proteína, o rendimento en fariña e o peso específico do gran”, afirma Fernando.
O altramuz é unha leguminosa co 40% de proteína que pode ser unha alternativa á soia para a alimentación do gando
O grupo Da Cunha está a fomentar esta práctica entre os agricultores aos que lles compra o cereal, garantindo non só a compra do trigo, senón tamén do resto de cultivos. “Queremos incentivar a rotación garantindo a sostibilidade da produción durante todo o ano, non só do trigo, senón tamén do resto de cultivos que entran na rotación”, explica.
A colza destínase a facer aceite ou tamén a biodiésel, xerándose un subproduto, a torta de colza, atractivo para a alimentación do gando pola súa alta proteína; mentres que o altramuz é unha leguminosa cun 40% de proteína. “É un cultivo interesante en Galicia como alternativa á soia para a alimentación do gando, porque a soia hai que importala porque non se produce aquí, mentres que o altramuz si que se dá en Galicia”, engade Fernando.