Alto risco de danos por mildio e primeiros síntomas de ataques de oídio e black rot nos viñedos

Publicidade
Alto risco de danos por mildio e primeiros síntomas de ataques de oídio e black rot nos viñedos

Danos de black rot nunha cepa abandonada. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O último boletín emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte do elevado risco de infección por mildio debido ás altas temperaturas e humidade que se veñen rexistrando nas últimas semanas, unhas condicións que se prevé que continúen nos próximos días. Así, os técnicos aconsellan extremar as precaucións contra o mildio, dado que nas súas revisións mesmo atoparon plantas cunha afectación do 70% nas follas e síntomas nos acios.

Ante a previsión de tempo inestable para os próximos días recomendan realizar unha nova aplicación naquelas parcelas onde finalizara a protección teórica de tratamento. No caso dos viñedos onde xa renovaran o tratamento cómpre seguir coa vixilancia e as labores culturais que favorezan a aireación dos acios.

Dende Areeiro aconsellan ser especialmente coidadosos na aplicación dos tratamentos, aproveitando os períodos sen choiva e sen vento. “Nos momentos de elevado risco, como o actual, é prioritario que os tratamentos se fagan de xeito coidadoso e que non haxa ventos superiores a 3m/ segundo (10,8 quilómetros por hora), xa que neses casos a viña non quedaría protexida e suporía un dano medioambiental”, detallan no aviso fitosanitario emitido dende Areeiro.

Primeiros síntomas

Nas súas revisións en campo, o persoal técnico de Areeiro detectou esta semana os primeiros síntomas de oídio en cepas de Albariño. Polo momento, nesta variedade os danos só afectaban ás follas. Con todo, tamén detectaron xa danos en acios doutras castes e que levaban anos abandonadas.

Nas mesmas cepas nas que constataron síntomas de oídio en acio, así como noutras plantas de diferentes comarcas, atoparon tamén danos de black rot nos grans. Cómpre sinalar que eran predios abandonados, mentres que nos viñedos sometidos a tratamentos só detectaron danos de black rot de xeito puntual nas follas. Con todo, debido á previsión de choivas, dende Areeiro recomendan que calquera intervención antimildio ou antioídio que se vaia facer se realice con funxicidas que tamén estean indicados para o black rot.

Ademais, detectaron os primeiros síntomas de erinose de verán, aínda que non require tratamento.

Maceiras

Ante as previsións de que se manteña o tempo inestable, en Areeiro tamén recomendan aplicar un novo tratamento contra o moteado naquelas maceiras que non estean tratadas, sobre todo se son variedades sensibles. Inciden na importancia de aplicar este tratamento sobre todo naquelas árbores onde o anterior tratamento se tivera feito con funxicidas de contacto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información