As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizáronse polos altibaixos nos prezos dos becerros de recría, aínda que nos de Cruce Industrial foi onde se notou unha suba máis clara. O vacún maior tamén experimentou unha lixeira baixada de prezos.
Deste xeito, nos tenreiros de Frisoa, os machos de menos de 20 días pagáronse a unha media de 96 euros, fronte aos 86 pasado martes. Sen embargo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 107 euros por xato, fronte aos 126 da semana pasada. Pola contra, nos tenreiros de máis de 51 días houbo unha suba de prezos: 142 euros de media por animal fronte aos 129 do pasado martes.
Nos becerros de recría de Cruce industrial a tendencia foi tamén desigual segundo as categorías. Nos xatos de menos de 20 días os prezos medios foron de 192 euros de media por animal fronte aos 252 da pasada semana. Pola contra, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos foi de 333 euros, fronte aos 329 do pasado martes. E nos xatos de máis de 51 días tamén houbo unha suba das cotizacións: 448 euros fronte aos 436 da anterior sesión.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.072 euros de media en categoría primeira, 721 en segunda -a máis numerosa- e 425 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.089, 725 e 447 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Ovos á baixa
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha lixeira baixa nas cotizacións, agás na categoría XL que quedou en 1,17 euros a ducia. Pola contra, a L baixou un 0,02% ata os 1,09 euros por ducia; para a M un 0,03% menos ata os 1,05 euros e o prezo para a S tamén baixou un 0,02% ata situarse nos 0,93 euros.
Nos coellos, non houbo cotización. En Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, os prezos mantivéronse nos 1,50 €/quilo.
Lixeira suba no porco cebado e sen cambios nos leitóns
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha lixeira suba: un 0,005% para as categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 0,955 e 0,930 euros por kilo, respectivamente. Para a Canal II acordouse unha suba do 0,006% ata os 1,208 euros por kilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, esta semana os prezos mantivéronse estables nos 1,28 euros o quilo.
En canto aos leitóns acordouse manter os prezos. Deste xeito quedaron nos 31 euros os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: