Alternativas para unha mecanización sostible do viñedo

Monterrei acolleu unha xornada para dar a coñecer maquinaria que se pode adaptar ás distintas tarefas da viña, desde a poda ata a recollida da uva

Publicidade
Alternativas para unha mecanización sostible do viñedo

A viticultura tradicional esixe unha man de obra especializada que ou ben xenera uns custos de produción significativos ou ben obriga a unha adicación intensa en horas por parte do produtor. A necesidade de avanzar cara unha viticultura máis competitiva, que incorpore a novas xeracións e que manteña a calidade da uva e do viño, levou á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) a organizar unhas xornadas na DO Monterrei para presentar alternativas de mecanización sostible do viñedo.

O evento, que se desenvolveu onte no Castelo de Monterrei, presentou alternativas de mecanización que se adaptan ás distintas tarefas da viña, desde a poda de inverno ata a vendima. A xornada suscitou un alto interese no sector, con máis dun cento de asistentes, entre viticultores, técnicos, adegueiros e estudantes de ramas agrarias.

Repasamos algunhas das tecnoloxías que expuxeron os distintos ponentes, todos eles técnicos ou responsables de casas de maquinaria.

Prepodadoras
Os tractores viñeros poden equiparse dun apeiro frontal para executar unha prepoda de inverno, de xeito que se retire o groso da madeira e se axilice a poda final coas tesouras de poda. Nas xornadas, a firma Pellenc presentou a súa prepodadora de discos, que permite procesar as parcelas en espaldera a unha velocidade de ata 5 km./ hora.

As labores finais de poda e atado terán que ser manuais, pero no sector xa están amplamente distribuídas as tesouras de poda con gatillo óptico e as atadoras automáticas, que axilizan os traballos.

Outro apeiro que se poderá acoplar ó tractor na primavera é unha despuntadora, de cara a eliminar os excesos de vexetación do viñedo.

Xestión dos restos de poda
Un proxecto liderado polo CIS Madeira está a ensaiar a recollida mecanizada de restos de poda de viñedo e kiwis. O sistema consiste nun equipo remolcado que fai unha recollida mecánica dos restos de poda e procede a súa trituración e almacenaxe. É suficiente cun tractor de 70-80 cabalos, que a un ritmo de 5-6 quilómetros, pode procesar unha hectárea de viñedo en menos dunha hora.

A súa eficiencia media en viñedo ronda o 65%, cunha recollida media de 2 toneladas de restos de poda por hectárea, das 3 toneladas por hectárea que se xeraron de media nas parcelas de ensaio. A eficiencia foi menor naquelas parcelas nas que se fixo prepoda, pois os fragmentos pequenos da poda final, que quedan ademais ó pé do cordón, permanecen case todos na parcela.

Os restos de poda triturados poden ter uso directo en caldeiras de biomasa ou destinarse á fabricación de pellets para uso industrial. “É unha alternativa á queima dos restos de poda na parcela. En países como Italia xa hai zonas nas que está prohibida a queima de restos de poda e hai que pensar que quizais aquí nun futuro sexa tamén así”, valora o equipo impulsor do proxecto, no que colaboran distintas institucións de Galicia e do Norte de Portugal.

Equipos atomizadores electrostáticos
A aplicación de tratamentos fitosanitarios con atomizadores ou nebulizadores neumáticos ten unha alternativa nos equipos de tratamento electrostáticos, que presentou nas xornadas Isidoro Abal, xerente dunha firma comercializadora de maquinaria para viñedo. Os atomizadores electrostáticos teñen a particularidade de incorporar un equipo que carga de xeito negativo a solución fitosanitaria. Como a viña ten unha carga positiva, ambas partículas atráense “ó xeito dun imán”, explicou Abal.

“O obxectivo dos atomizadores electrostáticos é lograr un impacto maior nas follas, cunha distribución uniforme e sen corremento do produto ó solo”, destacou Abal. Os equipos electrostáticos non incorporan as tradicionais boquillas, senón que a distribución faise por mangueiras que lanzan chorros de líquido sobre a viña.

O director da Evega (drta.) e a presidenta da DO Monterrei, na inauguración da xornada.

O director da Evega (drta.) e a presidenta da DO Monterrei, na inauguración da xornada.

Son equipos que evitan a deriva por vento dos tradicionais atomizadores e cos que “non cae produto ó chan se a dose é a axeitada. Nos ensaios que fixemos en viñedos con moita vexetación, nos meses de xuño e xullo, unha aplicación de 500 litros por hectárea é xa excesiva. Con menos, lógrase unha aplicación eficaz dos tratamentos”, subliñou Isidoro Abal, quen recoñeceu que por agora en Galicia non se comercializan estas máquinas, de maior custo que as convencionais.

Outra alternativa de aplicación que minimiza o impacto ambiental son pulverizadores tipo túnel, que recuperan aquela parte do tratamento que non queda nas follas, evitando a súa deriva.

Vendimiadoras autopropulsadas
En España hai preto dun millón de hectáreas de viñedo, das que arredor dun 25% están plenamente mecanizadas, segundo calcula Javier Calvo, de New Holland, que presentou nas xornadas de Monterrei as vendimiadoras autopropulsadas da marca. “En España haberá agora mesmo unhas 900-1.000 vendimiadoras autopropulsadas”, calcula.

Estas máquinas, que poden operar en espalderas de ata 2 metros de altura, recollen e despalillan a uva, tendo capacidade para traballar en terreos con importantes desniveis, pois incorporan mecanismos antideslizantes e outros que lles permiten traballar horizontalmente ó operar en ladeiras no mesmo sentido das curvas de nivel.

Existe tamén a posibilidade de vendimiadoras arrastradas, se ben presentan maiores dificultades de funcionamento en terreos escarpados.

A xornada contou cunha gran asistencia.

A xornada contou cunha gran asistencia.

O calibrado do atomizador, na procura da optimización dos tratamentos

Joaquín Martínez, técnico da cooperativa Martín Codax, expuxo nas xornadas de Monterrei o xeito correcto de traballar cos equipos atomizadores, na procura dunha maior eficiencia e eficacia.

Dúas cuestións previas a ter en conta son os produtos a aplicar e o momento axeitado de aplicación. “En produtos e mezclas temos cada vez maiores restriccións. O que servía hai cinco anos agora xa non é válido”, advertiu Martínez, que sinalou a necesidade de ler a etiquetaxe dos produtos e de cubrir axeitadamente o libro de campo de tratamentos. “Hai anos non había sancións por non ter o libro de campo, pero xa está habendo sancións. Sobra dicir que o libro de campo ten que reflexar a realidade, pois é previsible que no caso de inspección, se pidan as facturas correspondentes ós fitosanitarios que se indican no mesmo”, apuntou.

Sobre o momento da aplicación, para evitar a deriva do produto o vento ten que ser inferior a 3 metros por segundo (10,8 km. / hora). “Nas Rías Baixas, esa condición non se dá o 70% dos días, co cal se eliminamos tamén os días de chuvia, quedan moi restrinxidos os días nos que se debe tratar”, valorou.

Como facer a aplicación cun atomizador?. “Pódense facer as cousas de tres xeitos, ben, mal ou coma sempre. Se o facemos coma sempre, igual non nos equivocamos moito, pero se as facemos ben, gañaremos en eficacia”, valora Martínez.

Aplicacións móbiles
Para unha correcta aplicación, será precisa unha calibración axeitada do atomizador, verificando que as boquillas son as axeitadas e que traballan cunha presión e volumes correctos, adaptados á vexetación existente.

Aplicacións como DosA3D ou G-Spraytech facilitan de xeito sinxelo a correcta calibración do atomizador

En definitiva, trátase de lograr unha aplicación uniforme do produto na viña, coas mínimas perdas ó solo e por deriva. Martínez presentou nas xornadas cinco aplicacións que permiten definir os parámetros de traballo do atomizador de xeito sinxelo: DosA3D, Fede, G-Spraytech, Albuz e Snapcard.

As catro primeiras presentan un formulario de parámetros a cubrir, como os litros por hectárea a aplicar, a superficie de vexetación de cada liña, a velocidade de avance do tractor, as boquillas empregadas ou a distancia entre liñas. En base a eses datos, a aplicación define os litros / minuto con que ten que traballar cada boquilla e o volume de aire preciso. “Pódense facer os cálculos de xeito manual, pero estas aplicacións facilitan moito o traballo, apuntou Martínez”.

A quinta aplicación, Snapcard, oriéntase a comprobar se a aplicación do atomizador foi uniforme. Previamente hai que grapar nunha liña do viñedo uns papeis sensibles á auga, que cambian de cor naqueles puntos nos que impactou o tratamento. A aplicación le os papeis e valora os erros do tratamento, se ben tamén pode facerse unha interpretación dos mesmos a simple vista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información