Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

A investigadora Ana Isabel Roca Fernández reivindica o papel de leguminosas, gramíneas e cereais forraxeiros para mellorar a resiliencia das granxas ó reducir os custos de produción sen verse afectado o aporte nutricional. Afondamos nas recomendacións da experta

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

O chícharo é unha das alternativas forraxeiras que pode contribuír a reducir os custos de alimentación.

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo).

A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.

“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”

E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.

En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras

Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas.

En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas.

alternativas forraxeiras- baralla

Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid.

A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia.

A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora.

Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión.

Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca.

As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite.

Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora.

No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.

Ana Isabel Roca _Xornada alternativas forraxeiras

A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas.

Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que:

-As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas.

-O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional.

-Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta.

-A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente.

-A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas.

-Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional.

-Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información