A Finca Mouriscade (Lalín) acolle a quinta Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, que conta cunha alta participación. Ao longo de cinco xornadas, os preto de trinta participantes con idades comprendidas entre os 11 e os 23 anos, experimentarán en primeira persoa o traballo diario que hai que facer nunha explotación gandeira nun ambiente de traballo agradable, rodeados de amizades e guiados polos profesionais da Finca Mouriscade. Cabe destacar que moitos dos participantes forman parte de familias relacionadas co sector e ven nesta iniciativa unha oportunidade para mellorar os seus coñecementos e asegurar o relevo xeracional.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, formou parte da inauguración e destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa, promovida pola Federación de Frisoa de Galicia e o Club de Novos Gandeiros en colaboración co organismo provincial. López incidiu en que o rural ten pasado presente e futuro: “Pasado, porque a gandería moldea a nosa cultura, as nosas tradicións e unha forma de vida marcada polo respecto pola natureza. Presente, porque a agricultura e gandería segue a ser un dos nosos motores económicos e de emprego máis importantes, así como a chave para fixar poboación. E futuro, porque nunha edición máis esta escola de gandeiros volve ser un éxito de participación”.
Tras poñer en valor a función que realizan os traballadores da Finca Mouriscade, o titular do goberno provincial amosou a súa satisfacción polo labor dos profesionais deste centro, así como o agradecemento coas entidades que fan posible a celebración desta escola para seguir apostando por un sector fundamental na economía e o emprego de comarcas como a do Deza. “Estamos orgullosos de participar e de colaborar nesta formación. Para min é unha honra estar aquí, porque falarme de gandería é falarme do meu”, concluíu Luis López.
A inauguración contou tamén coa presencia do director xeral de Gandería da Xunta, José Balseiros, e do concelleiro de Deportes e Xuventude lalinense, Avelino Souto.