Alquimistas da madeira

Un proxecto coliderado polo CIS Madeira traballa na transformación da madeira en novos materiais como fibra de carbono, compostos con plásticos ou fibras téxtiles. A iniciativa conta coa colaboración de firmas coma Inditex, Ikea, Finsa ou Ence

Publicidade
Alquimistas da madeira

O CIS Madeira investiga na obtención de novos materiais como fibra de carbono.

A lignina é un composto que se atopa na madeira nunha porcentaxe similar á celulosa. Ata o de agora, as industrias do papel extraían a celulosa da madeira e desbotaban a lignina para queimar, pero estanse a abrir novos horizontes para este material a nivel mundial, pois xa se constatou que é viable a súa transformación en fibra de carbono. Tal logro abriríalle a porta á madeira para ser empregada en produtos de uso masivo, como ordenadores ou automóbiles. Esta é unha das liñas de traballo máis potentes dun proxecto internacional coliderado polo Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS Galicia), con sede en Ourense.

O CIS Madeira, en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia e co Polo de Innovación en Polímeros de Portugal (PIEP), está a desenvolver un proxecto, ValorNature, que traballa na xeración de novos materiais a partir da madeira. A obtención de fibra de carbono desde unha base vexetal é un dos escenarios que abre as portas a novos usos e procesos nas industrias do sector.

“A fibra de carbono obtida da lignina, que se pode extraer por exemplo de matogueiras, sería un produto natural e ecolóxico, a diferenza da fibra de carbono convencional, obtida de derivados do petróleo. É certo que non tería a mesma resistencia mecánica, pero si podería lograr un gran uso en moitas aplicacións de compoñente estético, como tapas de ordenadores, interiores de automóbiles e outros”, explica Francisco Pedras, técnico do CIS Madeira, que esta mañá interviu nunhas xornadas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en Galiforest.

O proxecto do CIS Madeira traballa tamén no desenvolvemento de laminados flexibles e ríxidos, con mestura de fibra de carbono e madeira, e en compostos de madeira con materiais plásticos, os chamados composites. “Existen xa no mercado impresoras 3D que poden traballar cun fío elaborado a partir dun composite cun 30% de madeira. O seu beneficio, é máis ecolóxico e logra un aspecto estético semellante á madeira”, detalla Francisco Pedras.

Xornadas da Axencia Galega da Industria Forestal.

Xornadas da Axencia Galega da Industria Forestal.

Os produtos a base de composites de madeira e plástico xa están a saír ao mercado. En Portugal, un fabricante lanzou recentemente tarimas elaboradas a partir dun composite e Ikea, a multinacional nórdica do moble, ten á venda unha silla elaborada cun composto de plástico (60%) e madeira (40%). Precisamente Ikea é unha das firmas socias do proxecto ValorNature, impulsado polo CIS Madeira. Grandes industrias galegas do sector da madeira, como Finsa ou Ence, participan tamén no proxecto, do que se espera que saian bases que permitan innovacións na cadea da madeira.

Unha das últimas empresas en sumarse a ValorNature é Inditex, interesada nas posibilidades de empregar fibras téxtiles obtidas da madeira, en sustitución de fibras sintéticas. A compañía de Arteixo tamén valora reutilizar os residuos téxtiles desbotados da súa liña de produción para elaborar composites con materiais plásticos. Eses composites serían despois empregados na decoración ou mobiliario das súas tendas, co que pecharía un círculo de uso para as súas materias primas.

Todas estas perspectivas de novos materiais abren portas ata agora descoñecidas para a madeira, un material ao que semella presentárselle un futuro que vai moito máis alá dos usos tradicionais.

Estratexia de formación das industrias forestais

A Xunta anunciou hoxe a posta en marcha dunha Estratexia de formación da industria forestal de Galicia 2018-2020, un programa que estará dotado de 1,5 millóns de euros e que pretende impulsar a especialización de máis de 5.000 profesionais.

O proxecto prevé abarcar toda a cadea monte-industria, desde empresas de explotación forestal ata a industria do moble, pasando por serradoiros, industria da transformación e empresas da canle contract.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información