Alimagro celebrarase o 31 de agosto e 1 de setembro en Xinzo de Limia

O evento contará cunha exposición de maquinaria; a Feira da Pataca, que inclúe a segunda Xornada Técnica dedicada ao cultivo, e a Feira do Comercio

Alimagro celebrarase o 31 de agosto e 1 de setembro en Xinzo de Limia

Inauguración oficial de Alimagro 2023. / Fonte: Imaxe de arquivo

Alimagro celebra unha nova edición coa que cumpre un lustro. Celebrarase en Xinzo de Limia entre os días 31 de agosto e 1 de setembro, cunha exposición de maquinaria, a Feira da Pataca, que inclúe a segunda Xornada Técnica dedicada ao cultivo, e a Feira do Comercio. Contará cun espazo de máis de 20.000 metros cadrados e a exposición de máis de 100 marcas de maquinaria representadas, así como diferentes actividades formativas, lúdicas e de lecer.

“Alimagro supón un auténtico escaparate da pataca”, tal e como afirmou o deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Luis Fernández, durante a presentación do evento o pasado venres. “A feira aposta pola mecanización e a tecnoloxía para conseguir o mellor produto, ademais de cuestións como “a calidade, a formación e a innovación como claves para garantir o futuro do sector”, sinalaba.

“Alimagro promove a profesionalización do sector a través de distintas mesas de debate nas que profesionais galegos e do ámbito nacional analizarán cuestións de especial relevancia como a semente, a sanidade ou os mercados”, explicou o director da Revista Campo, Máximo Gómez. O obxectivo non é outro que “trasladar o éxito da pataca galega ao resto de España e garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental dos profesionais do campo”, concluíu.

Diferentes espazos e xornada técnica da pataca

A feira, que se converteu nun evento de referencia nacional, divídese en varios espazos: a exposición de maquinaria rodeará o Parque do Toural e estenderase ao longo da avenida do Dous de Maio, a carpa que acollerá a Feira da Pataca ao final da citada avenida e a Feira do Comercio, dentro do Pavillón de Deportes, que contribúe a facer máis popular a convocatoria de Alimagro. 

A cita conta cun espazo moi importante dedicado á innovación vinculada á maquinaria agrícola. O visitante poderá coñecer todas as novidades en relación cos tractores e a maquinaria empregada nos principais cultivos da comarca e de Galicia, desde a pataca ao viñedo. 

Nese mesmo sentido, destaca a segunda edición da Xornada Técnica da Pataca, que permitirá aos asistentes analizar os principais retos que ten o cultivo, como a dificultade para conseguir pataca de semente certificada. 

Outra dificultade reside na eliminación de materias activas autorizadas para a loita contra as enfermidades da pataca, que en numerosas ocasións afectan severamente aos rendementos e ao aspecto do tubérculo. 

A iniciativa, organizada por Revista Campo xunto co Concello de Xinzo, terá un carácter máis técnico, máis profesional e máis útil para o sector. Alimagro celébrase nun contexto de bos prezos, cun mercado que leva meses aguantando o tipo e cunha tónica que se manterá en toda España durante os próximos meses. Todo apunta a que eses niveis de prezos se manterán cando se empece a arrincar a pataca na comarca da Limia, a finais de setembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información