Alianza de organizacións forestais, ecoloxistas e da sociedade civil para ampliar a moratoria do eucalipto

Un grupo de 13 colectivos impulsa unha declaración conxunta na que solicita que se manteña ata 2030 a prohibición de novas plantacións de eucalipto

Publicidade
Alianza de organizacións forestais, ecoloxistas e da sociedade civil para ampliar a moratoria do eucalipto

Plantación de eucalipto nunha antiga parcela de piñeiros.

A cadea de valor da madeira reunida na Fundación Arume, conxuntamente con organizacións ecoloxistas, fundacións da sociedade, comunidades de montes veciñais en man común e expertos do mundo académico asinaron unha declaración conxunta na que lle piden á Xunta de Galicia a ampliación da moratoria das plantacións de eucalipto ata 2030.

Os colectivos asinantes, un total de 13, propoñen un “acordo de país” sobre o futuro do territorio, no que sinalan que hai que ter en conta o seu desenvolvemento económico, a súa biodiversidade e a súa adaptación ó cambio climático.

As organizacións que apoian a declaración consideran que a moratoria, que en teoría remata o 31 de decembro deste ano, debe ampliarse cinco anos máis. O motivo é que a superficie cuberta polo eucalipto en Galicia continúa aumentando a un ritmo superior ó previsto no Plan Forestal de Galicia. Os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia apuntan a que o eucalipto ocupaba a fin do 2023 un total de 419.051 hectáreas, o que se traduce nun aumento a respecto do ano 2022 do 1,4%, 6.000 hectáreas máis.

A superficie de eucalipto aumentou en 6.000 hectáreas no 2023, o último ano con datos. O obxectivo marcado no Plan Forestal de Galicia é reducir 20.000 hectáreas da especie entre o 2021 e o 2040

Os asinantes da declaración lémbranlle á Xunta de Galicia que, cando se estableceu a actual moratoria no ano 2021, un dos obxectivos recoñecidos pola Xunta de Galicia era cumprir cunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040: o de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040, o que implicaría reducir a súa presenza nunhas 20.000 hectáreas.

Antes da moratoria, a normativa xa prohibía a plantación de eucalipto en terras agrícolas ou en montes poboados con frondosas autóctonas. A moratoria na práctica o que fixo foi engadir a limitación de plantar eucaliptos en áreas de piñeiro ou en monte raso.

É unha normativa que disgusta ós propietarios forestais de boa parte do interior galego, pois o impacto das bandas do piñeiro radiata está a deixar ós silvicultores con escasas alternativas ó eucalipto que sexan rendibles en quendas de corta razonables. En calquera caso, hai tamén conciencia no sector forestal de que é precisa unha regulación sobre a expansión do eucalipto, o que levou a esta declaración impulsada conxuntamente pola Fundación Arume e colectivos ecoloxistas.

A moratoria disgusta a propietarios forestais do interior galego, que se ven sen alternativas rendibles de plantación, se ben hai conciencia da necesidade dunha regulación do eucalipto

A elaboración da proposta e a procura de consensos foi facilitada pola Fundación Arume e as organizacións ecoloxistas, facendo posible que diferentes sectores sociais, económicos e do mundo académico da sociedade galega se adhiran á declaración.

A Fundación Arume aglutina empresas e colectivos da cadea de valor da madeira, como as asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos forestais, viveiros, serradoiros e empresas da segunda transformación da madeira, entre outros. A estas sumáronse outras entidades do sector forestal como o Clúster da Biomasa de Galicia e Bioeco2 (asociación profesional de ámbito forestal). Tamén, fundacións como a Fundación Juana de Vega, Fundación RIA e Fundación Montescola, así como expertos do mundo académico e organizacións ecoloxistas como Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), SEO Birdlife e WWF España, que complementan olladas sobre o territorio.

Con esta declaración, os asinantes fan un chamamento aos responsables da Xunta de Galicia para que se aplique a salvagarda contida na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que estableceu a prohibición temporal ás novas plantacións de eucalipto a partir de xullo de 2021, prohibición que expira a finais do presente ano. Segundo a devandita lei, a data establecida “poderá ser obxecto de revisión en base aos datos consolidados obtidos polo inventario forestal continuo de Galicia e na revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040”.

Esta proposta de ampliación da moratoria por 5 anos faíse pública días despois de que colectivos do ámbito nacionalista solicitaran pola súa parte unha moratoria de carácter indefinido.

Apoios á solicitude para ampliar a moratoria do eucalipto ata o ano 2030

Organizacións asinantes: Amigas da Terra, Bioeco2, Clúster da Biomasa de Galicia, Ecoloxistas en Acción, Fundación Arume, Fundación Montescola, Fundación Juana de Vega, Fundación RIA, Greenpeace España, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), SEO Birdlife, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), WWF España.

Sinaturas individuais: Lourenzo Fernández Prieto (Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Director Científico do CISPAC), Laura Oso Casas (Catedrática de Socioloxía da UDC, Directora adxunta do CISPAC), Xavier Simón Fernández (Catedrático de Economía Aplicada da UVigo, Director adxunto de Transferencia do CISPAC), Edelmiro López Iglesias (Profesor Titular de Economía Aplicada da USC), David Soto Fernández (Profesor Permanente Laboral de Historia Contemporánea da USC), Mario Pansera (Investigador Distinguido Oportunius na Área de Organización de Empresas da UVigo) e Ruth Varela Rodríguez (Investigadora Juan de la Cierva de Composición Arquitectónica da UDC).

O proxecto de Altri queda sen fondos europeos para descarbonización

En pleno debate sobre o futuro da moratoria do eucalipto en Galicia, vén de coñecerse que o Goberno de España deixará sen fondos europeos para descarbonización ó proxecto de Altri en Palas de Rei. Eran 30 os millóns solicitados por Altri no marco do PERTE de descarbonización, pero o Ministerio de Industria argumenta que Altri non cumpría cos mínimos técnicos de puntuación para acceder ós fondos de descarbonización.

En calquera caso, o groso das axudas solicitadas por Altri, máis de 200 millóns, teríanse que canalizar a través dunha axuda directa do Ministerio de Industria, financiada con fondos europeos. Sobre esta parte, non hai pronunciamento aínda do Ministerio, se ben a postura da vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz complica ese futurible apoio.

En redes sociais, Yolanda Díaz manifestou hoxe que o Goberno de España non pode dar axudas a Altri por ser unha iniciativa industrial que “vai contra a natureza, a poboación e a vida”, en alusión á resolución do PERTE de descarbonización.

Os fondos europeos ós que aspira Greenfiber, participada por Altri e Greenalia, representan un 25% da financiación total do proxecto, polo que se eses fondos finalmente non se lle conceden, no sector forestal vese complicado que a planta saia finalmente adiante.

Á falta de fondos hai que sumar a oposición social que xera ó proxecto, tanto en colectivos da Ría de Arousa do ámbito da pesca e marisqueo como en colectivos agrarios e sociais do interior galego.

Posicionamento de Eles Elas

Estes días, a asociación gandeira Eles Elas insistía a través dunha nota de prensa en que para a descarbonización ante o cambio climático, resultaría moito máis eficaz apoiar a modernización das explotacións gandeiras para reducir as emisións de metano e o uso de fertilizantes químicos.

En canto ós fondos europeos para industrialización, Eles Elas é favorable a que se priorice á industria leiteira, o que tería repercusión no valor engadido do leite e no prezo que poden cobrar as granxas galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información